Moción da A. C. Ergueitos ao pleno do Concello de Sarria

“Desde a Agrupación Cultural Ergueitos tomamos a decisión de presentar unha moción ao pleno do Concello de Sárria para que as bases do premio de poesía Fiz Vergara Vilariño se manteñan tal e como son desde a primeira edición do ano 2000 no seu punto 7º:
7- “A obra premiada… será publicada pola editorial Espiral Maior”.
A nosa intención é acompañar a moción cunha relación das persoas que a apoien. Para iso enviamos copia dela e pedímosvos que nos enviedes un correo (ergueitos@gmail.com) co voso apoio.
Moitas grazas pola vosa axuda.

María Casar.
Presidenta da A. C. Ergueitos”

Este é o texto da moción: mocion-a-c-ergueitos-outubro-2016.

mocion-ergueitos-2016-1mocion-ergueitos-2016-2

A. C. Ergueitos: Espiral Maior e o Fiz Vergara Vilariño

“A Agrupación Cultural Ergueitos comezou no ano 2000 o traballo de deseño e posta en marcha dun premio de poesía que levara o nome do poeta louzarín Fiz Vergara Vilariño. Foi unha decisión tomada dende a xustiza da súa valía poética e dende o afecto. E dende o inicio do proxecto, hai case vinte anos, o concello de Sarria estivo apoiando o premio, fomentando a difusión da poesía e da cultura e poñendo a Sarria no centro mesmo da vida cultural galega.
O Fiz recibiu o cariño do pobo de Sarria dende sempre e tamén iso se lle manifestou dende as institucións foran estas dirixidas por uns ou outros partidos políticos. O Fiz por méritos propios está chamado a ter un Dia das Letras Galegas máis cedo que tarde. E iso tamén importa .
O seu nome asignóuselle a unha rúa sendo concelleira de cultura polo PP Fe Vázquez Morán a finais dos anos noventa do século XX e o Fiz Vergara de poesía comezou a andar con Francisco Pérez como concelleiro de cultura nos inicios deste século, e dende hai 16 anos estivo organizado con gobernos municipais dos diferentes grupos políticos: PP, PSOE, Independentes, BNG… Institucionalizouse. E os labores organizativos recaen na A. C. Ergueitos.
É un premio de poesía que non aspira a máis que a render tributo a un poeta da nosa comarca e dar difusión aos gañadores e gañadoras do certame. Que se prepara con solidez e na procura unicamente da mellor obra de cada edición. Que se recoñece en todos os círculos culturais galegos e tamén é referencia noutros lugares do estado. Un premio que na difusión mesma das bases viaxa até todos os continentes e latitudes e busca manter a conexión coas galegas e galegos que viven no exterior.
O nome dun poeta e da nosa vila viaxan nas palabras até calquera recuncho onde haxa unha lectora ou lector de poesía ou alguén que estude a cultura galega contemporánea. Un proxecto cultural vinculado ao excelente labor dos membros de cada xurado que traballan e len con dedicación extrema para escoller cada ano entre o case centenar de obras que se presentan (superando no número con moito aos recibidos na maioría dos certames convocados) merece un pouco de seriedade.
Reprobar as declaracións dun deputado das Cortes é unha decisión política máis do xogo no que se entra no exercicio da política. Vincular as palabras de Miguel Anxo Fernán Vello co premio de poesía Fiz Vergara Vilariño é un despropósito. Primeiro porque as fixo Fernán Vello no seu nome e non no da editora Espiral Maior (de ser dende a responsabilidade de director da empresa sería outra cousa). E por dicir que sería case infinita a listaxe de empresas que polas declaracións dalgún dos seus directivos ou propietarios terían que ser reprobadas. E segundo e máis importante que o anterior porque Miguel Anxo Fernán Vello non ten responsabilidade na dirección de Espiral Maior dende hai meses. É dicir estase reprobando a Espiral Maior “per se”. A editorial Espiral Maior ten un administrador que non é Fernán Vello, el non forma parte da estrutura da editorial. Así está escriturado e así consta no Rexistro Mercantil. É bo documentarse.
Para reprobar a Espiral Maior deberíanse empregar argumentos que afecten ao cumprimento dos seus deberes neste premio. Da consecución dos compromisos adquiridos e do desenvolvemento do estipulado nas bases. Forma parte das bases que a obra premiada será editada en Espiral Maior porque é unha editorial de recoñecido prestixio, valorada polas poetas e os poetas como a mellor plataforma para chegar ao público lector. Cuns case 300 títulos editados na colección na que se inclúe o Fiz Vergara de poesía e cen máis noutras coleccións. Con 25 anos de dedicación á edición de poesía que fan dela un aval para o premio.
Non só estamos tratando da empresa editorial Espiral Maior. Estamos falando do Premio que nos enriquece como concello e como comarca e que vai unido indefectiblemente ao nome de Sarria.
A poesía, e a cultura están por riba deste debate político. Porque son iso: POESÍA, CULTURA. PALABRA ESCRITA QUE SE FAI VENTO PERO PERMANECE.

MARÍA CASAR.
PRESIDENTA A.C. ERGUEITOS
Sárria 1 de outubro de 2016″

O Premio Fiz Vergara Vilariño descobre a poeta Charo Lopes

DesdeCharo Lopes Sermos Galiza:
“Ao abrir a plica da XV edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño ía aparecer un nome até o momento non vinculado á escrita literaria. O xurado composto por Marta Dacosta, Verónica Martínez e Miguel Anxo Fernán-Vello ademais da alcaldesa de Sarria, Pilar López, con voz e sen voto e a presidenta da Asociación Ergueitos -convocante- María Casar, en calidade de secretaria, escolleu por unanimidade o poemario de Charo Lopes como gañador dunha nova edición do premio que se fallou esta segunda feira.
“Vinme vivir para o rural e estou a ter unha vida máis saudábel que me permite escribir e ter unha vida mellor. O feito de ser premio con dotación económica tamén é importante xa que, malia ter horta e moitas actividades relacionados co agro, a miña situación é precaria”, explica a gañadora, Charo Lopes, licenciada en Xornalismo e con formación como fotógrafa mais asentada na comarca de Arzúa dedicándose á vida no agro. “Optei por esta vida por non querer emigrar e ter unha profesión que conta con poucas saídas de traballo”, explica ao tempo que considera un “luxo” poder dedicarse á escrita, agora de forma individual xa que, como explica, son moitos os textos nacidos en coautoría e sen sinatura. “Escribín moito desde o anonimato colectivo. Militei moitos anos en Ami mais aquel traballo de escrita non tiña o protagonismo que ten o ambiente literario”, anota. (…)”