Eugénio Outeiro, Cláudia Morán e Manolo Broa gañan os Premios Johan Carballeira do Concello de Bueu

Desde o Concello de Bueu:
“Eugénio Outeiro Lojo, Cláudia Morán e Manolo Broa son os gañadores dos Premios Johan Carballeira convocados polo Concello de Bueu. Os xurados, reunidos este sábado 4 de outubro pola mañá, acordaron conceder o premio na categoría de poesía a Eugénio Outeiro Lojo coa obra Réquiem; e a Cláudia Morán e Manolo Broa coa reportaxe ‘Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume’, publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
O xurado do premio na modalidade de poesía compuxérono Xosé Luís Mosquera, poeta e gañador da edición anterior, Silvia Penas, poeta, e Manuel Forcadela, crítico literario, escritor e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Da lectura dos 44 poemarios presentados, o galardón concedeuse á obra de Outeiro Lojo, da que se sobranceou que “está ben artellada e moi acaída para o significado do premio convocante, cunha estrutura e arquitectura poética traballada, delicado no tratamento, nada panfletario que engancha por unha musicalidade evidente, de vocación trobadoresca e que conecta coa oralidade”. Así mesmo, trátase dunha poética máis clásica e diferente da cultivada na actualidade e que formula unha proposta de verdadeiro acto de memoria histórica.
Pola súa banda, o xurado na categoría de xornalismo estivo composto por Lois Pérez, gañador da anterior edición, Diana López Varela, xornalista pontevedresa, e Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. De entre os dezaseis traballos presentados ao certame, a gañadora foi a reportaxe de Cláudia Morán e Manolo Broa, de cuxo traballo o xurado valorou “a análise das aldeas sen case veciñanza, cunha perspectiva orixinal sobre os tópicos do lume”. A reportaxe establece a correlación entre o despoboamento e os incendios, e o contraste entre o urbano e o rural, así como as distintas vagas de lumes. Atópase, ademais, a análise entre a responsabilidade cidadá e política e o impacto sobre o territorio, ofrecendo unha visión directa do conflito e establecendo unha progresión eficaz no contido da reportaxe. A perspectiva trasloce un proxecto máis global, no que se achegan datos e contexto a un problema non sinxelo como é o despoboamento do rural e os incendios. Chama á reflexión dun xornalismo que reivindica o valor fundamental como elemento democratizador e emancipador da cidadanía contribuíndo á súa autonomía e conformador do espírito crítico.
O xurado desta categoría ademais fixo unha mención especial do traballo presentado por Míriam Ferradáns Ferradás titulado Altri e a erosión da identidade galega: cando o monocultivo enterra a memoria, publicado no Nós Diario.
A entrega dos premios vai ter lugar nun acto público que se celebrará ao longo deste ano. (…)”

Xosé Luís Mosquera Camba e Lois Pérez gañan os Premios Johan Carballeira do Concello de Bueu

Desde o Concello de Bueu:
Xosé Luís Mosquera e Lois Pérez Díaz son os gañadores dos Premios Johan Carballeira convocados polo Concello de Bueu. Os xurados, reunidos este luns pola tarde, acordaron conceder o premio na categoría de poesía a Xosé Luís Mosquera coa obra Trece maneiras de mirar un almanaque; e a Lois Pérez Díaz coa reportaxe Eloxio do apenovismo, publicada orixinalmente na revista Luzes.
O xurado do premio na modalidade de poesía compuxérono Manuel López, poeta e gañador da edición anterior, Oriana Méndez, poeta e crítica literaria, e Xosé Henrique Costas, profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e escritor. Da lectura dos 55 poemarios presentados, o galardón concedeuse á obra de Mosquera, da que se sobranceou “a madurez literaria e contemporaneidade que se amosa na fluída integración de múltiples rexistros textuais e culturais no propio devir do poemario”. Ademais, o xurado considerouna “unha proposta poética que destaca por combinar con habelencia múltiples rexistros dende o culto ao popular, con imaxes inesperadas e fragmentos de maior narratividade”. Todo iso leva a que “o poemario acade un resultado exitoso que contribúe a consolidar o panaroma poético das nosas Letras”.
Pola súa banda, o xurado na categoría de xornalismo estivo composto por Héctor Pena, xornalista do Nós Diario e gañador da anterior edición, Carolina Sertal, xornalista de Faro de Vigo, e Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. De entre os vinte e tres traballos presentados ao certame, o gañador foi a reportaxe de Lois Pérez, de cuxo traballo o xurado valorou “a interrelación entre cultura e construción da AP-9”. Ademais saliéntase “a orixinalidade á hora de abordar unha temática árida como as infraestruturas e capta a atención do lector/a dende o primeiro momento, facendo atractiva este tipo de información”. Así mesmo, “é moi interesante o percorrido de Norte a Sur que fai ou autor recollendo espazos e momentos históricos moi ben imputados co trazado da AP-9”.
A entrega dos premios vai ter lugar nun acto público que se celebrará arredor das Letras Galegas. (…)”

Manuel López Rodríguez gaña o XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía

Desde Nós Diario (foto do autor por Andrea Fernández Maneiro):
“Manuel López Rodríguez resultou gañador do XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario 831-Urb, que salientou de entre as cincuenta e tres obras presentadas.
O xurado, que se reuniu onte, estivo conformado polas poetas e profesoras Lucía Novas e Elvira Ribeiro, e Antón Lopo, tamén poeta e editor. Na acta, o xurado destacou que “é un libro de distopía cunha forte narratividade que ensaia unha forma de poesía híbrida, metamórfica onde o poder é descrito con crueza”.
A obra está escrita con versos rotos, prosa tecnificada e golpes de efecto que axudan a construír un libro que “pode lerse tamén como unha aventura de disfraces”.
Manuel López, poeta de Noia, cofundou o Colectivo Literario Sacou. Ten publicado libros individuais como Antítese nativa, Rompe, Desde onde non nace, Vangarda ule ou Nas pulsacións, alén de participar en revistas e volumes colectivos.
A súa obra mereceu numerosos premios de poesía, como o Suso Vaamonde, o Eduardo Pondal, o López Ardeiro, o Rosalía de Castro, o Francisco Añón do Concello de Outes, ou o Lueiro Rei, entre outros.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político nacionalista, poeta e xornalista de Bueu, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, que tamén foi alcalde de Bueu até o seu asasinato a mans dos franquistas.
Amais, o poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais.”

Miguel Sande gaña o XXV Premio Johan Carballeira de Poesía do Concello de Bueu

Desde o Concello de Bueu:
Miguel Sande resultou gañador do XXV Premio Johan Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario Brinde e desespero, que salientou de entre as cincuenta e sete obras presentadas. O xurado, que se reuniu este luns, 25 de abril, estivo conformado polo profesor e crítico literario Manuel Forcadela, a poeta e gañadora da anterior edición, Xandra Táboas, e o xornalista, crítico e editor César Lorenzo. Na acta, o xurado destacou que poemario aposta pola prosa poética, e parte da autoficción para presentarnos unha lectura sobre o cotián dende o ángulo do inesperado. A obra rompe con éxito a tensión entre pensamento e sentimento, e nel a realidade do cotián fala por si mesma, cunha expresión formal contida.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. Amais, o poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais. (…)”