Coplas do corazón de Antonio Tizón

Entrevista a Antonio Tizón en Radio Fene/Radiofusión:
“A editorial Elvira deu forma ao proxecto de Antonio Tizón e de todo o equipo artístico, coordinado por Eugenia Sanmartín, que o fixo posible. Está inspirado na figura de María Dominga Cordeiro García, unha muller analfabeta que gardaba centos de coplas na súa cabeza, unhas copras que lle cantaba ao seu neto preferido cando se sentaba con ela á beira da súa cama. Foi unha mera casualidade que o libro saía cando a Real Academia Galega lle adicou o Dia das Letras Galegas ás cantareiras. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Antonio Tizón presenta Coplas analfabetas en Magalofes, Fene

Desde Radiofusión:
“O escritor Antonio Tizón presenta este domingo 18 de maio en Magalofes (Fene) o seu libro-disco Coplas analfabetas. Eugenia Sanmartin, o dúo Barahunda, Davide Salvado e Carmen Penim interpretan as cancións incluídas no volume. Aprovéitase a biografía para o relato, pero sempre a través do filtro da literatura. A vocación literaria de Antonio Tizón débella, en boa medida, á súa avoa, María Dominga Cordeiro García (1900-1993), que era analfabeta pero gardaba na súa memoria prodixiosa centos de coplas, que lle recitaba e lle cantaba dende moi neno, cando sentaba con ela ao lado dereito da súa cama.
A esta muller, a quen sempre chamaba madriña, está dedicado este libro disco, Coplas analfabetas. Presentación, ás cinco da tarde do domingo no local veciñal de Magalofes. Despois actuarán as Xirifeiras. As Letras Galegas en Magalofes comezarán co teatro do grupo Licor Café de Cabanas o venres 16 ás nove da noite. O sábado 17 haberá un xantar veciñal. “

Gaivotas manchadas de petróleo. Abraham Pérez

Entrevista a Abraham Pérez en Radiofusión:
“”Non encaixa nas definicións habituais. É ensaio, máis non o é, son aforismos, máis non o son; ten algo de crónica, de diario, máis non é crónica nin diario” indica a crítica de Luz Darriba arredor do libro de Abraham Pérez Gaivotas manchadas de petróleo que vai xa pola segunda edición, publicada por Menino morreu.
Gaivotas manchadas de petróleo contén referencias ao cine, á literatura, música e redes sociais. Tamén aborda o modelo de artista que ten discurso, que crea discurso, co cal guía a súa visión artística: “É fatigoso, porque implica estudo e investigación constante, polo tanto, máis complicado (e seguramente con menos recoñecemento ao instante por parte do hipotético público)”.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

“Vacacións en Ribadeo”, Lois Pérez en Radiofusión

Entrevista a Lois Pérez en Radiofusión:
““Eu intento deixar a un lado a autocrítica, intento abandonarme á recreación, á experiencia e fundirme no recordo para mergullarte nesa época”. Ribadeo “marcoume moitísimo porque na infancia todo ten moito significado; cada obxecto, cada lugar, as persoas, os sentidos e a experiencia invádeno todo, inflúe de maneira transcendental.”
Nesta novela de aventuras, Pérez crea unha historia que mestura realidade e ficción. Escenarios reais e nomes de persoas que poboaron a súa infancia ao servizo da literatura. Empregando como símbolo un misterioso túnel, o pasadizo que se abre diante desta cuadrilla de rapaces. “Os nomes son verdade. Quique, Marina, Greta, Vanesa, Con algúns destes nenos e nenas reencontreime hai algunhas semanas, algúns había 30 anos que non os vía”. A entrevista pode escoitarse aquí.”