O Simposio María Victoria Moreno retrata o carácter pioneiro da autora e homenaxea a súa faceta poética

Desde a Real Academia Galega:
“O Simposio María Victoria Moreno foi inaugurado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e as organizadoras do programa, as académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, na sede da Academia. A tarde do 27 de novembro arrincou cun percorrido pola historia da literatura infantil e xuvenil galega para situar a María Victoria Moreno no “lugar de honra” que lle corresponde, indica a especialista neste eido da Universidade de Santiago de Compostela Blanca Ana Roig Rechou. “Moitas das obras que conforman a produción da autora, pouco extensa pero intensa, foron fundamentais para a consolidación da LIX galega, de aí que María Victoria Moreno sexa recoñecida como unha pioneira na constitución dese sistema literario e unha impulsora da educación literaria, ben planificada, a partir da boa literatura co obxectivo de axudar á conformación de lectores competentes”, expresa. (…)
A poesía de María Victoria Moreno
Antonio García Teijeiro ofreceu deseguido unha análise crítica da poesía infantil de María Victoria Moreno, centrada nos dous poemarios que dedicou á rapazada: E haberá un tirón de orellas? (1997) e Eu conto, ti cantas… (2005). “A proposta poética destes dous libros é marcadamente narrativa e está chea de musicalidade e xogos verbais, ademais de tratar temas como o amor e o respecto polos animais, a natureza como lugar de vida ou a propia creación literaria” (…)
Amigo da escritora desde os anos compartidos na codirección de Árbore -a colección de LIX de Galaxia que puxeron a andar xunto a David Otero-, Antonio García Teijeiro tamén debuxou un retrato íntimo da autora e da súa visión da poesía que, advirte, envolve todos os seus títulos. “As súas obras en prosa posúen unhas tinguiduras líricas que se poden apalpar a pouco que un entre no seu discurso literario. E están dun xeito delicado, coma sen querer molestar a prosa que escribe, pero que aniña no corazón do lectorado dun xeito morno”, define. A paixón por narrar e a paixón por crear poemas mestúranse na súa poesía infantil, que fai dubidar ao escritor se María Victoria Moreno “escribe un conto en verso ou sente a necesidade de poetizar e, a través dunha historia, escribir poesía”.
María Victoria Moreno tamén deixou escritos poemas para o público adulto, publicados postumamente en Elexías de luz (2006), nos que se detivo o condutor do recital, o escritor Xesús Rábade Paredes, quen coñeceu a María Victoria Moreno no instituto lugués, onde foi alumno dela. “Neste volume caben outros libros que se soñaron e acaso se plasmaron, mais de momento fáltannos os textos. Unha actitude lírico-subxectiva de saudades determina o conxunto desta obra”, valorou.
“Daquelas que contan”: o protagonismo das mulleres
A escritora Mercedes Queixas dedicou a súa intervención, titulada “Daquelas que contan”, a unha “moi significativa” marca autoral da narrativa de María Victoria Moreno: a presenza de mulleres como protagonistas, mulleres “que sofren o resultado da educación patriarcal á par doutras mozas e mulleres que son quen de a cuestionar en conciencia e de promover solucións liberadoras”. Un claro exemplo son os relatos compilados este ano no volume Nosoutras, no que todos os relatos están protagonizados por mulleres de distintas idades e estratos sociais, “desde prostitutas a labregas, libres ou sometidas, mais todas elas cun papel narrativo activo, mulleres afoutas, determinadas, resolutivas ante o infortunio, cuestionadoras de roles sociais”, analizou.
Nosoutras arrinca co manifesto do mesmo nome que María Victoria Moreno escribiu no nome de Úrsula Heinze, Palmira G. Boullosa, Helena Villar Janeiro, Ana María Fernández e ela mesma a finais dos anos 80. Este texto é “toda unha contundente e severa declaración de principios para se afirmar na continuidade do legado rosaliano, mais non como unha efeméride eventista, puntual e anacrónica, senón como herdeiras en eterna e progresiva renovación para afrontar vellos discursos que cada tempo novo semella recuperar”, advertiu a relatora, que tamén repasou desde a perspectiva de xénero a primeira novela da autora, Onde o aire non era brisa, escrita nos anos 60 e publicada postumamente en galego, e na que xa se “amosa un protagonismo feminino que impregnará a vocación literaria da autora; así como Anagnórise, protagonizada por outra profesora afouta; e Guedellas de seda e liño, “trazada desde o protagonismo feminino en clave refractaria das vidas reais diferentes”.”
Discurso literario
Isabel Soto, coautora da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro, profundou nalgunhas claves do discurso literario da escritora. Partindo das súas propias declaracións, analizou a súa concepción da escrita como desafogo, a súa relación cos libros e coa lectura, a vocación docente que sempre confesou, o compromiso coa lingua galega e as estratexias discursivas recorrentes nos seus textos.
Por máis que afirmase que escribía como un impulso e sen planificación, a lectura crítica das obras de María Victoria Moreno “pon de relevo estruturas planificadas e un sobresaliente manexo dos recursos narrativos”. “Non cabe dúbida de que, como boa filóloga, crítica e lectora, lles concede grande importancia aos aspectos formais que configuran o discurso (…). A habelencia construtiva de María Victoria Moreno deriva sempre en textos cos que desafía o lector potencial e cos que claramente innovou na literatura galega”, expresa Isabel Soto. A modo de exemplo, referiuse á estrutura de Leonardo e os fontaneiros, a do libro-xogo que lle permite a quen o le distintos camiños para a lectura, unha fórmula empregada noutras tradicións literarias nos relatos de aventuras pero que ela aplicou nun “relato realista no que a aventura non é externa senón íntima”.
O académico Andrés Torres Queiruga abordou finalmente a transcendencia no Diario da luz e a sombra (2004) nunha mesa moderada polo académico correspondente Xoán Babarro e compartida con Mercedes Queixas e Isabel Soto. (…)”

O Premio Rosa dos Ventos 2018 recoñece a Fina Casalderrey

Desde a Real Academia Galega (foto da RAG):
“A lectura dos libros de Fina Casalderrey deixou pegada nos mozos e mozas do Instituto Santiago Apóstolo de Buenos Aires. “Mergulláronnos na marabillosa cultura galega, a cal defendemos e defenderemos tendo a Fina -xunto a outros insignes intelectuais- como guieira”. Así queda reflectido na resolución da última edición dos Premio Rosa dos Ventos, que concede anualmente o alumnado de quinto de bacharelato deste centro arxentino-galego. A escritora e académica é a gañadora deste ano por decisión dun xurado que, xunto á calidade da súa obra e a súa “defensa comprometida da lingua galega”, quixo salientar o seu carácter.
“Fina tiña que ter a nosa Rosa dos Ventos“, expresan os mozos e mozas que resolveron o galardón, que valoran tamén a condición da académica como docente. “É ante todo mestra, e iso nótase cando un a escoita. Achega os conceptos dun xeito amable, sen estridencias, con agarimo…”, engaden sobre unha autora que puideron coñecer en persoa e que, “malia ser unha das figuras máis importantes da literatura infantil e xuvenil”, é unha persoa de “talante modesto, respectuoso, cariñoso, cercano e optimista”.”

Ourense: Homenaxe a Juan Antonio Saco Arce

Xosé María Lema Suárez, premio San Martiño de Normalización Lingüística

Desde a Real Academia Galega:
Xosé María Lema Suárez (Vimianzo, 1950) recollerá a mediados de novembro o premio San Martiño de Normalización Lingüística en recoñecemento á súa traxectoria. O académico correspondente resultou distinguido nos XXVIII galardóns que concede a Asociación Cultural O Brado, na modalidade Premio á normalización lingüística a toda unha vida.
Nesta edición tamén foron recoñecidos Manuel Pereira Valcárcel co Premio á difusión da lingua na comarca de Tabeirós-Terra de Montes e Uxía Senlle co Premio á normalización no ámbito galego. Os galardóns serán entregados nun acto aberto a todo o público que terá lugar no Teatro Principal da Estrada a segunda semana de novembro. (…)”

Pontevedra: III Xornada de Onomástica Galega. Os alcumes

A Coruña: Simposio María Victoria Moreno, os 27 e 28 de novembro

María do Cebreiro: “A produción cultural debe asumir a herdanza do rural desde unha perspectiva contemporánea e crítica”

Desde a Real Academia Galega:
“(…) A catástrofe do Prestige marcou un antes e un despois na produción cultural, especialmente arredor da poesía, que dalgún xeito testemuñou o impacto que provocou na sociedade. Porén, “outros procesos de perda e de reconfiguración territorial”, como os derivados dos incendios forestais, “non tiveron a mesma resposta” desde a literatura, nin en forma de novelas nin de poesía. A profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela vincula este diagnóstico a unha evolución paradoxal relacionada co mundo rural. “Todos os galegos pertencemos ao medio rural dalgunha maneira e a nosa articulación discursiva como cultura dálle moito peso historicamente pero, en cambio, semella que nos fose máis difícil rexistrar ou ler os procesos de transformación contemporánea que sofre, cando o que está a acontecer agora mesmo nel é algo moi brutal”, sinala en referencia aos devanditos incendios, a caída do prezo do leite ou o despoboamento.
Para María do Cebreiro é abraiante que esta situación non estea a dar unha resposta maior desde a expresión cultural. “Todos sabemos que está pasando algo pero non temos ferramentas nin para describilo, nin para facer un loito desa perda, nin para atopar solucións. Pero eu creo que desde a produción cultural hai que asumir esta herdanza desde unha perspectiva crítica e contemporánea, non podemos desentendernos dela. Estou pensando de novo, por exemplo, no caso dos incendios forestais; eu non son novelista pero paréceme que é para pensar literariamente, porque ao final tamén estamos desaproveitando un potencial que temos. Probablemente, atraídos polos cantos de serea de modelos urbanos, identificamos con modernidade cousas que non o son, ou que en todo caso teñen menos que ver co que nos está acontecendo que outras que temos ao lado e que nin sequera somos capaces de testemuñar”, profunda.
Dúas excepcións a esta norma son as obras da académica Chus Pato e de Lupe Gómez, que ofrecen cadansúa “resposta crítica” ante a desarticulación do tecido rural. “Escollín as dúas para este relatorio porque son poéticas moi singulares. En principio non é doado establecer similitudes entre elas, agás esa concepción crítica que teñen dos procesos de perda do mundo rural”, explica. “O ton da poesía de Lupe Gómez é de moita intensidade afectiva e a posición de Chus Pato é probablemente máis intelectualizada. Bebe do discurso filosófico contemporáneo, paréceme moi interesante como aplica, por exemplo, a teoría de Giorgio Agamben sobre o holocausto á conversión do medio rural galego en ruína, á destrución dun modo de vida. No caso de Lupe Gómez, a relación con esta cuestión é máis visceral, máis baseada seguramente no rexistro da propia experiencia. Ao ser as dúas tan distintas, tamén constitúen un bo banco de probas para pensar estes problemas”, detalla. (…)”

O Día das Letras Galegas de 2019 estará dedicado a Antón Fraguas

Desde a Real Academia Galega (fotografía do autor, do Consello da Cultura Galega):
“Antón Fraguas protagonizará o Día das Letras Galegas de 2019. Así o acordou o sábado7 de xullo o Pleno da Real Academia Galega na sesión ordinaria celebrada na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña. Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, historiador, etnógrafo, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo e querido polo alumnado, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común, Antón Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999) dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. Cos seus traballos e conferencias contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento, unha idea cuxa reivindicación segue a ser necesaria.
A biografía de Antón Fraguas é un percorrido por boa parte da historia galega do século XX. Entrou en contacto desde moi novo co galeguismo, cando estudou bacharelato en Pontevedra, unha etapa decisiva no rumbo que seguiría. Alí empezou a xermolar, como alumno no Instituto Xeneral e Técnico, o seu interese pola cultura galega da man de docentes como Antón Losada Diéguez, Castelao e Ramón Sobrino Buhigas. Foi, de feito, un dos fundadores, en 1923, da Sociedade de Lingua, nada co obxectivo de defender o galego e de elaborar un dicionario. Xa na etapa universitaria en Santiago ingresou, en 1924, nas Irmandades da Fala e colaborou co SEG, do que logo sería membro numerario.
Nesta institución inaugurou en Galicia, baixo a dirección de Ramón Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica, e abordou o Entroido e outros temas sobre a súa terra. Nestes tempos de mocidade publicou con asiduidade en Nós e A Nosa Terra. Comezaba unha obra, ampla e curiosa, con máis de trescentos libros e artigos de revistas, ademais de incontables anacos de xornais, nos que Galicia era o seu motivo esencial.
Antón Fraguas escribiu sobre xeografía, cunha proposta de comarcalización da que aínda se pode seguir tirando proveito; cultivou a historia, deixando biografías de personaxes ilustres como Murguía ou Castelao e a que foi a súa tese de doutoramento, sobre o Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela; e fixo tamén achegas á arqueoloxía. Pero o campo no que quizais máis destacou foi o do estudo da cultura campesiña, e en especial da súa parte espiritual. Festas, crenzas, romarías, cantigas, usos e costurmes, dicires etc. aparecen nos seus ensaios e conferencias que eran, en palabras do profesor Eiras Roel, non só amenos relatos, senón unha manifestación temperá e adiantada para Galicia do que hoxe se deu en chamar a historia das mentalidades.
Tras exercer como profesor auxiliar de Xeografía e Historia na USC, en 1933 incorporouse como docente ao instituto da Estrada, posto do que foi separado ao comezar a guerra civil. Por este motivo tivo que dedicarse ao ensino privado, que exerceu nunha academia propia, a Menéndez Pelayo, aberta en 1938 na rúa Algalia de Abaixo de Santiago. A partir de 1942, unha vez revisado o seu expediente de depuración, compatibilizou a dirección desta escola coa docencia na Facultade de Filosofía e Letras, que reclamara os seus servizos, ata que en 1950 gañou unha praza de catedrático de instituto. Ensinou primeiro no Instituto Masculino de Lugo e en 1959 acadou o traslado ao daquela Instituto Feminino Rosalía de Castro de Santiago, onde compaxinou o ensino medio co universitario ata a súa xubilación forzosa en 1975.
Compaxinou o ensino coa investigación en contacto con distintas institucións como o Instituto Padre Sarmiento ou a Real Academia Galega, na que ingresou en 1956 co discurso Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. En 1963 foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago en Bonaval e en 1976 participou na creación do Museo do Pobo Galego, do que foi director e presidente. Foi tamén, xa na Autonomía, coordinador da sección de antropoloxía cultural do Consello da Cultura Galega. Desde estas palestras organizou e colaborou en congresos e xuntanzas científicas que serviron de foro de discusión e de posta ao día do universo da etnografía galega.
Recibiu, entre outras distincións, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, a Medalla ao Mérito Cidadán e Cultural do Concello de Santiago, o Premio de Investigación e o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia, ou o nomeamento de cronista xeral de Galicia.”