


As persoas interesadas en participar neste IV Encontro Álvaro Cunqueiro. Camiño ao norde poden matricularse xa, e ata o próximo 12 de xuño, na seguinte ligazón da USC.



As persoas interesadas en participar neste IV Encontro Álvaro Cunqueiro. Camiño ao norde poden matricularse xa, e ata o próximo 12 de xuño, na seguinte ligazón da USC.
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
O
10 de xullo comeza a Feira do Libro de Sanxenxo (na Praza dos Barcos), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 23:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día (o 10 de xullo lerá o pregón inaugural Marcelino Agís Villaverde, a partir das 20:30 h.):
– 19:30 h. Presentación de Camiños, de Magín Blanco, publicado por Fol Música.
– 20:30 h. Charla ilustrada. Antes e despois de María Victoria Moreno, organizado por Urco Editora. Participan Eli Ríos, Lorena Conde, Lara Torres, María Montes e Xavier Senín.
– 22:00 h. Coloquio A liberdade de expresión e os seus límites, moderado por Elena Gallego Abad. Con Rodrigo Cota e Xabier Fortes.
Desde
a Real Academia Galega (foto da RAG):
“Máis de vinte e cinco especialistas participaron ao longo de tres días no VI Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade, organizado polo Instituto de Filosofia Luso-Brasileira, o Instituto de Filosofia da Universidade do Porto, o Centro Português de Vigo, a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela a través do Departamento de Filosofía e Antropoloxía, a Universidade Católica Portuguesa, o Movimento Internacional Lusófono e mais a revista Nova Águia.
A edición deste ano serviu de homenaxe a Andrés Torres Queiruga, cuxos estudos teñen profundado en numerosas ocasións na filosofía da saúdade. Este mesmo tema centrou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, pronunciado en 1980 e dispoñible nesta ligazón.
O Colexio Apóstolo Santiago de Vigo acolleu o sábado varias intervencións sobre o académico. Luís G. Soto e Marcelino Agís Villaverde abordaron distintos aspectos sobre a saudade e o filósofo, Renato Epifânio achegou o relatorio titulado “Repensando o ateísmo: entre Andrés Torres Queiruga e José Marinho” e Rocío Carolo Tosar, “O carácter ontolóxico da saudade: Ramón Piñeiro e Andrés Torres Queiruga”. A intervención do propio homenaxeado púxolle o ramo á xornada, na que tamén se presentou o número da revista Nova Águia dedicado á quinta edición do Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade.”
Desde
Sermos Galiza:
“Os investigadores Raúl Soutelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó son os gañadores do XI Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña – dotado cun galardón de 6.500 euros e a edición da obra gañadora- coa súa obra O son que coñeceu Ramón Caamaño.
O xurado estimou a “contribución social á historia da fotografía galega e da modernidade” ao combinar “fontes orais e arquivísticas, facendo unha descrición con mestría e amenidade, que parte do local para dirixirse a un público xeral. Desta maneira mesmo coas raíces do traballo no concello de Porto do Son, o ensaio acada unha dimensión moito máis abranxente e vincúlase ao conxunto do país
Destaca tamén que o traballo “combina dun xeito acertado o ensaio e a reportaxe fotográfica, tocando distintos planos e sectores, como a demografía, o mundo do traballo, os conflitos sociais ou mesmo a rede viaria”. Así mesmo, O son que coñeceu Ramón Caamaño reflicte, para o xurado, “a entrada do século XX de Galiza”.
Ademais da obra gañadora, o xurado decidiu destacar como finalista o traballo de Ana Naseiro Ramudo, titulado Revisión da Historia da Coruña. A fábrica de tabacos e a fábrica de mistos.
O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin, e composto pola doutora en Filosofía África López, a psicóloga e orientadora educativa Ana Torres, o historiador Uxío Breogán Diéguez, a filóloga Helena Miguélez e o gañador da última edición do certame, o catedrático de Filosofía, Marcelino Agís,”.
Raúl Soutelo é doutor en Historia pola Universidade de Vigo, profesor de ensino secundario e de didáctica das Ciencias Sociais na Universidade de Santiago de Compostela. Especializado en historia social contemporánea. Pola súa parte, Vázquez Lijó é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais é profesor asociado da área de Historia Moderna da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade de A Coruña dende 2007 ata a actualidade, unha plaza que compatibiliza coa de técnico de xestión do Museo marea do Porto do Son.”