Yolanda Castaño gaña o XXIII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio con Economía e Poesía: rimas internas

Desde Editorial Galaxia:
“Reunido o 14 de decembro de 2023 o xurado na cidade de Santiago de Compostela, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega; composto por María López Sández, Amancio Liñares Giraut, Rocío Carolo, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto.
Despois das correspondentes deliberacións, o xurado decide, por maioría, outorgar o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, na súa vixésimo terceira edición, á obra titulada Economía e Poesía: rimas internas.
O xurado destacou neste ensaio a súa capacidade para abrir un debate sobre a profesionalización do mundo cultural e a necesidade de dignificar as e os traballadores da palabra en xeral, e da poesía, en particular, con remuneracións acordes ao valor e importancia do seu traballo.
Defensor de posicións fondamente polémicas, este ensaio critica procederes dos distintos axentes do sistema cultural tendentes á desprofesionalización do oficio autorial e á minusvalorización das súas achegas.
Economía e Poesía: rimas internas establece un diálogo complexo, cheo de luces e sombras, que interpela a colectivos, institucións, artistas e profesionais incidindo na aposta polo xusto pagamento aos labores do oficio de poeta alén das concesións militantes.
Ensaio controvertido arestado e personalísimo, este texto bebe da singular experiencia da autora para elaborar unha crítica do noso mundo literario que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente. (…)”

Xosé Antón Cascudo Rodríguez gaña o Premio Ramón Piñeiro 2022

Desde Galaxia:
“A obra A mística da feminidade en Mad Men, de Xosé Antón Cascudo, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2022, que organizan conxuntamente o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secretaría Xeral de Política Lingüísitca da Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse na mañá do 26 de decembro, nas instalacións do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta XXII edición do Premio Ramón Piñeiro, está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano.
Compuxeron o xurado Rocío Carolo, Marcos Calveiro, María López Sández, Marta Neira e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto.
O xurado valorou en A mísitca da feminidade en Mad Men a súa aposta polo ensaio dende a análise semiótica do audiovisual máis icónico, no que se estuda a cuestión de xénero integrando na revisión o mellor das análises e do pensamento sobre o tema.
Escrito cun estilo ensaístico moi ben perfilado, posuidor dunha estrutura acaidamente arborada, A mística da feminidade en Mad Men achega, e anosa, unha proposta ensaística que conecta co máis destacado dos estudos internacionais neste ámbito, reflexionando sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo.
Así mesmo, o xurado salientou a variedade e o interese do conxunto de traballos presentados a concurso, o que amosa a vitalidade do xénero ensaístico en Galicia e espella a solidez da traxectoria deste certame, polo que levan apostando dende hai máis de dúas décadas a Editorial Galaxia e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secreatría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. (…)”

O VI Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade homenaxea a Andrés Torres Queiruga

Desde a Real Academia Galega (foto da RAG):
“Máis de vinte e cinco especialistas participaron ao longo de tres días no VI Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade, organizado polo Instituto de Filosofia Luso-Brasileira, o Instituto de Filosofia da Universidade do Porto, o Centro Português de Vigo, a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela a través do Departamento de Filosofía e Antropoloxía, a Universidade Católica Portuguesa, o Movimento Internacional Lusófono e mais a revista Nova Águia.
A edición deste ano serviu de homenaxe a Andrés Torres Queiruga, cuxos estudos teñen profundado en numerosas ocasións na filosofía da saúdade. Este mesmo tema centrou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, pronunciado en 1980 e dispoñible nesta ligazón.
O Colexio Apóstolo Santiago de Vigo acolleu o sábado varias intervencións sobre o académico. Luís G. Soto e Marcelino Agís Villaverde abordaron distintos aspectos sobre a saudade e o filósofo, Renato Epifânio achegou o relatorio titulado “Repensando o ateísmo: entre Andrés Torres Queiruga e José Marinho” e Rocío Carolo Tosar, “O carácter ontolóxico da saudade: Ramón Piñeiro e Andrés Torres Queiruga”. A intervención do propio homenaxeado púxolle o ramo á xornada, na que tamén se presentou o número da revista Nova Águia dedicado á quinta edición do Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade.”