Becerreá: actividades do 25 aniversario da A. C. A Pipa

Convocado o XXII Certame Literario A Pipa 2013 da Alta Montaña Luguesa

BASES

1. Temática.
O tema é libre.
2. Modalidades.
2. A.- Poesía (máximo 50 versos). Categoría infantil (Dos 8 ós 14 anos). Categoría xuvenil (Dos 14 ós 18 anos). Categoría Revista A Pipa para maiores de 18 anos.
2. B.- Relato, narración ou conto breve (máximo 5 folios por unha soa cara). Categoría infantil (Dos 8 ós 14 anos). Categoría xuvenil (Dos 14 ós 18 anos). Categoría Revista A Pipa para maiores de 18 anos.
2. C.- Dramaturxia breve. Maiores de 18 anos.
3. Os premios.
Para cadansúa modalidade e categoría establécense 1º e 2º Premio, mailos accésits que o Xurado considere necesarios.
Cada premio consiste nunha estatuíña de cerámica de Sargadelos con placa inscrita, un lote de libros, e o correspondente título acreditativo. A Asociación Cultural A Pipa de Becerreá non descarta que os traballos premiados poidan ser editados nun futuro.
4. Cerimonia de entrega de premios.
A Entrega de Premios de Poesía, Relato, Narración e Conto terá lugar o venres 27 de decembro de 2013 ás 21:00 h. na Casa de Cultura de Becerreá, no marco da XXII Noite Poética con Helena Villar Janeiro.
A Entrega de Premios de Dramaturxia breve terá lugar o sábado 28 de decembro de 2013 ás 21:00 h. na Casa de Cultura de Becerreá, coincidindo cun acto arredor de Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro (Editorial Laiovento), de Afonso Becerra.
(Os galardóns deberán ser recollidos durante estas dúas xornadas de entrega ou nun prazo máximo que conclúe na data de presentación dos traballos da edición seguinte deste Certame. De non ser así o agasallo outorgado á persoa premiada pasaría a formar parte dos fondos da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá.)
5. Presentación e Prazo.
5. A.- Cada participante poderá presentar un ou máis traballos inéditos, en lingua galega.
5. B.- Os traballos presentaranse anónimos, sinalando neles a Modalidade e Categoría na que participan, e achegando nun sobre pechado a identidade, o enderezo e o número de teléfono do/a autor/a, xunto a unha fotocopia do DNI.
5. C.- O prazo de admisión rematará o luns 16 de decembro de 2013.
5. D.- Os traballos poden entregarse, ou envialos ó seguinte enderezo: Certame Literario A Pipa. Rúa Ancares, 57. – 27640 Becerreá (Lugo).
6. O Xurado. O Fallo.
O Xurado estará composto pola Xunta Directiva da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá, que tamén poderá convidar a algún profesional do mundo do Ensino, da Literatura e das Artes.
O fallo farase público a través dos medios de comunicación, no blog (ao que tamén se pode acceder a través da web) ou na páxina de facebook A Pipa de Becerreá, e tamén se transmitirá persoalmente ós/ás gañadores/as.”

Vigo: presentación de Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, de Afonso Becerra de Becerreá

O venres 25 de outubro, ás 20:30 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), de Vigo, preséntase o libro Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, onde se xogará sobre a escrita dramática a partir de textos de Roberto Vidal Bolaño, participan, xunto ao autor, Pepe Carreiro.

Lugo: presentación de Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, de Afonso Becerra de Becerreá

O xoves 16 de maio, ás 19:30 horas, Libraría Biblos de Lugo (Rúa Salvador de Madariaga, 1, local 4, Torres do Seminario Maior), preséntase o libro Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. Previamente, de 17:00 a 19:00 horas, o autor asinará exemplares da obra na caseta da Libraría Biblos na Feira do Libro de Lugo.