Compostela: actividades do 7 de maio da Feira do Libro 2022

Blanca Millán e Ramiro J. Peralta gañan o II Premio Alberte Quiñoi

Desde Galaxia:
“O 22 de abril, na Casa do Concello da Estrada, reuniuse o xurado para escoller a obra gañadora desta II edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, formado por Andrea Jamardo Seijo, Sara Valcárcel, Rosa de Cabanas, Armando Requeixo, e Carlos Loureiro, como secretario.
Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza, o xurado acordou, por unanimidade conceder o II Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada As filloas de Manola, que se presentou baixo o pseudónimo “A saltarica mediaslongas”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Blanca Rodríguez Millán e Ramiro José Peralta Torres.
O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado a impecable confección da súa aposta plástica e textual, que conforman un relato cheo de matices para soster unha historia que defende os valores da xenerosidade nas relacións interpersoais, ao tempo que nos introduce no mundo da nosa tradición actualizada.
Esta proposta, ganduxada con moita atención ao detalle, e asentada en estruturas narrativas de habelenciosa execución, logra transmitir unha mensaxe vitalista que nos reconcilia coa esperanza dun mundo máis solidario e afectivo.”

A Estrada: acto de entrega do I Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado

Acompañando a autora, estarán José López Campos, alcalde do Concello da Estrada, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, e Sara Valcárcel, editora do libro.

Gloria Gómez Pavía gaña o I Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi

Desde Galaxia:
“Reunido o xurado, no Concello da Estrada, formado pola poeta Yolanda Castaño Pereira, a ilustradora Rosa Cabanas, o crítico literario Armando Requeixo, Carlos Loureiro Rodríguez, como secretario, e Sara Valcárcel Maceira, responsable de Comunicación e coordinadora de novos proxectos de Editorial Galaxia, escolleu por unanimidade a obra gañadora.
Despois de valorar orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza, o xurado acordou conceder o I Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada Eva, a carteira espacial, de Gloria Gómez Pavía.
O xurado destacou desta novela que é unha proposta moi expresiva con ilustracións orixinais e cunha linguaxe propia, que nos adentra nun mundo evocador cunha paleta de cores impactante e atractiva. Vertebra cuestións de ciencia nun relato integrador que apunta valores comunitarios, ben equilibrados coa vontade individual, autonomía persoal e a posta en valor dos oficios de sempre, da importancia dos procesos e das súas necesarias esperas. A acollida do pequeno, do diferente, no seo dunha comunidade plural e que teña en conta os coidados; a interconexión, a comunicación, a socialización máis humana son outros dos acertos a xuízo dun xurado que puxo en alta estima a numerosa participación e abraiante nivel creativo das propostas.”