Iria Collazo: “A palabra que definiría á perfección este galardón para min neste momento é alento”

Entrevista de Sergio Casal a Iria Collazo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que che levou a escribir esta historia de amor e desamor?
– Iria Collazo (IC): Hai oito ou nove anos que veño recompilando experiencias, sensacións e reflexións sobre da literatura, as relacións persoais e de parella, o desengano, tanto amoroso coma da propia vida, a nostalxia, o cambio ou a espera. Pólas por escrito axúdame a entender mellor o que penso e tamén a exorcizar algún deses fantasmas que todas levamos soterrados.
– ND: É a historia de dúas persoas que se atopan na escrita pero que se afastan na vida. Que lle interesaba explorar desa tensión?
– IC: Non defino a obra tanto como unha historia, senón que máis ben, a través de frases, de citas doutros escritores e escritoras, ou do relato de vivencias íntimas, imos construíndo o universo no que habita a voz narradora, que só nalgúns fragmentos se refire directamente a un “ti”; un narratario co que fala e intenta desafogarse, sen conseguilo. A partir da expresión do seu sentir máis fondo, das súas reflexións sobre o amor, a morte, o paso do tempo ou a esperanza de que todo mude, podemos internarnos no desacougo dunha muller que escribe para ser amada pero que non dá atopado na vida o abrazo que precisa. (…)”

Iria Collazo: “A voz de ‘A espera’ agarda unha paz que nunca dá chegado”

Entrevista de Fran Campos a Iria Collazo en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Como nace A espera?
– Iria Collazo (IC): Foi xurdindo aos poucos desde hai moitos anos. É unha compilación de reflexións sobre distintos temas que fun artellando de xeito que compartan un fío condutor común, e onde as relacións amorosas, a literatura, a filosofía ou a saúde mental teñen un papel fundamental.
– FV: Cal é a «espera» á que se refire o título da obra?
– IC: Abro a novela con varias citas de diferentes autoras e autores que quizais poidan axudar a desentrañar este misterio, aínda que penso que a espera é un estado mental que non se corresponde tanto a un momento concreto, senón quizais a unha traxectoria. A espera está presente en moitísimas obras da literatura universal e tamén se vai desenvolvendo ao longo da lectura global do texto. Neste sentido, a voz narradora sente que está nun momento vital en que non é quen de tomar as rendas da súa vida nin da súa relación de parella, que a leva constantemente a agardar unha paz que nunca dá chegado.
– FV: Hai vivencias propias na súa novela?
– IC: Si, definitivamente hai moitas, pero tamén hai outras que aparecen transformadas. A literatura, ao final, é un finximento; e tamén o é cada unha das liñas que aparecen en A espera. En canto aos personaxes, non diría que aparecen unicamente dous personaxes principais, aínda que boa parte da trama e das reflexións metaliterarias se constrúan ao redor da relación entre eles. (…)”

“A espera. Dúas historias de amor”, de Iria Collazo, gaña o XXXVIII Premio de Novela Manuel García Barros

Desde Galaxia:
“O xurado do XXXVIII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades), reunido o 14 de abril de 2026 na Casa do Concello da Estrada, acordou por unanimidade conceder o galardón á obra A espera. Dúas historias de amor, da autoría de Iria Collazo López.
O xurado destacou da novela a súa capacidade para mergullar o lector nunha poderosa historia de amor e desamor entre dous autores que se atopan na escrita e se afastan na vida.
Segundo recolle a acta, a obra presenta unha narración de grande forza emocional, que conduce por un carrusel de ledicias, tristuras, encontros e desencontros, debuxando un complexo mundo de relacións interpersoais no que ninguén sae indemne.
Tamén se salientou a súa escrita con profusión de citas literarias, o fino esmerilado dos dous períodos narrativos, a admiración pola contención expresiva e o esmaltado de prosa poética que percorre a novela, conducindo a un final climático que a pecha luminosamente.
O xurado estivo composto por Ánxela Rodríguez Rodríguez, Laura Paz Fentanes, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, actuando como secretario Carlos Loureiro Rodríguez. (…)”