Artigo de Susana Rois en Nós Diario:
“O pintor cego é a obra póstuma de Xabier P. DoCampo. O derradeiro libro que fixo a canda o ilustrador Xosé Cobas, o seu lector “máis comprometido”, en palabras da escritora e ilustradora catalá Teresa Durán. Chega ás librarías un diálogo artístico e literario cargado de referencias pictóricas e aprezo persoal.
Xabier P. DoCampo pensaba que “un libro ilustrado precisaba ser concibido coma unha obra conxunta, nacida dun texto literario e unha obra de ilustración que haberían de se ver fundidas nunha unidade narrativa na que texto e ilustración se ven obrigadas a unha interacción que constrúa a obra única”. Na súa convicción, o escritor bateu con Xosé Cobas, o ilustrador co que compartiu máis de tres décadas de traballo e amizade.
Dous anos após o pasamento do que fora Premio Nacional (estatal) de Literatura Infantil e Xuvenil, Xosé Cobas presenta da man de Kalandraka O pintor cego, a última obra que fixo en común con DoCampo. “Trátase dunha historia antiga que Xabier tiña na cabeza desde había tempo. Acabou de escribila como sempre facía, sen rematala, co texto aberto, pendente de definilo unha vez eu rematase o meu traballo”, explica Cobas a Nós Diario.
Mais a Xabier P. DoCampo chegoulle a morte antes de que o ilustrador avanzase até o final do libro. “Ía pola metade, e xa había tempo que Xabier non estaba en condicións de facer ningunha incursión sobre o texto. Eu xa lle propuxera introducir A illa dos mortos, do pintor suízo Arnold Böcklin, e animárame a facelo”, lembra, ao igual que outras achegas gráficas, resultado das conversas diarias que mantiñan e das moitas viaxes e vivencias compartidas. (…)”