Paseos pola Coruña Literaria Outono 2019

Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores. Todos eles serán ás 12:00 h. e terán unha duración aproximada de hora e media.

Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos. É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.
inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es, nas datas sinaladas na información sobre cada un dos paseos. O programa previsto é o seguinte:

Sábado 26 de outubroDores TembrásA Coruña: cartografía con puntos de fuga​. Inscrición desde o 14 de outubro.
Este paseo propón demorarse nalgunhas interseccións entre pasado e presente nun péndulo que cruza tamén da palabra pública á íntima. A Coruña como territorio fascinado da literatura.

Sábado 9 de novembroTito PérezUn paseo polo barrio. Inscrición desde o 28 de outubro.
Seguiremos o percorrido do protagonista de O latexar do barrio e comprobaremos in situ as súas diversas realidades e contrastes. Pasaremos polo lugar onde o enterro dun poeta congregou hai 111 anos a 40.000 persoas. E, como non podía ser doutro xeito, remataremos no mesmiño centro neurálxico do barrio dos barrios galegos.

Sábado 16 de novembro: María Casar. Sobre o espello do mar e do vento, arredor de Luísa Villalta. Inscrición desde o 4 de novembro.
Roteiro sobre a poeta e os espazos da cidade da Coruña que poetizou nos seus libros En Concreto e Papagaio. Un camiñar pola paisaxe urbana que sae dos versos e sinala o territorio como xerme da creación. A poeta re-constrúe a Cidade como lugar mítico, como espazo de vida e de historia, na que a música enche os baleiros.

Sábado 30 de novembro: Antonio Sandoval. As naturezas da Torre. Inscrición desde o 18 de novembro.
Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros!

Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 6 de agosto

O 6 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Tito Pérez asina O latexar do barrio, na caseta da Libraría Nobel da Coruña.
18:00 h. Presentación de En efecto bolboreta, de Ana Pillado Vega, publicado por Fervenza. Con Sofía de Labañou e María Manseliña.
19:00 h. Presentación de Galileo no espello da noite, de Xabier Paz, publicado por Xerais. Participan Carmen Denébola Álvarez Seoane, Vicepresidenta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Fran Alonso e o autor. Ao remate sinatura de exemplares.
19:00 h. Xulio López Valcárcel asina A invención dun Deus. Xesús de Nazaret. II. A configuración do mito. De Mesías a Deus, publicado por Laiovento, na caseta do Consorcio.
19:30 h. Enrique López asina Hércules e o xigante. Unha torre de lenda, na caseta de Hércules de Edicións.
19:45 h. García Lorca en imaxes. Seis poemas galegos, publicado por Alvarellos Editora. Con Henrique Alvarellos e Diego Rodríguez.
20:30 h. Antonio Sandoval asina A Torre, publicado por Kalandraka, na caseta de Moito Conto.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 6 de xullo

O 6 de xullo finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

13:00 h. Falando de libros con… Elba Pedrosa e Selina Otero. Modera Malores Villanueva. Sinatura de exemplares na caseta de Secretaría.
18:00 h. Tito Pérez asina O latexar do barrio, publicado por Do Peirao, na caseta de Nobel.
18:30 h. Brinca vai! De aquí para acolá, con Paco Nogueiras.
19:00 h. Sinatura de Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, publicado por Kalandraka, na caseta de Libros para soñar.
20:00 h. Presentación de Sulagar o soño, de Montserrat Villar González, publicado por Lastura. Participa Carlos Da Aira.

Tito Pérez: “Monte Alto mudou moito. Agora o barrio é moito máis moderno e cosmopolita”

Entrevista a Tito Pérez en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Moitas veces os autores rexeitan o próximo, pero vostede sempre escolle A Coruña.
– Tito Pérez (TP): Cando un escritor escribe ten que buscar unha motivación, e precisamente a miña é describir o próximo e os conflitos que pode ter a sociedade que me rodea. Hai moitos libros sobre Nova Iorque, París, etc. Pero eu creo que, desde o local, transcéndese ao universal.
– LO: Cal diría que é o peso desa identidade nos autores de aquí?
– TP: Dicía un crítico que Galicia ten moitísimos problemas estruturais. Por exemplo, o envellecemento da poboación, ou o cambio brutal do campo ao cidade. Contaba que eses problemas semellan que existen en todos os sitios menos na literatura galega. Eu creo que pode ser verdade, e a miña intención é tratar de encher ese oco. (…)
– LO: No relato que titula o libro, os seus habitantes semellan incapaces de ser inconformistas.
– TP: Eu creo que no fondo iso segue a ser igual. Agora o que cambiou é o exterior, pero o interior segue a ser parecido. Os hipsters dos que falabamos ao final teñen que emigrar para saír adiante. Os que quedan aquí poucas saídas teñen, e non loitan polo seu.
– LO: Segue o golpe da crise?
– TP: Si, porque somos a xeración da crise. Eu son enxeñeiro industrial, e cando comezou a crise non había traballo. É cando empecei a escribir. Non tiña nada fixo, e gustábame moito a literatura. (…)
– LO: Fala de ter tempo. As súas personaxes pérdeno en entretementos e ignoran as cuestións de peso social.
– TP: Claro. E na mocidade iso tamén está moi presente. Por exemplo, cando veñen as eleccións, a súa abstención é moi elevada. Moitas veces pensas antes en emigrar que en loitar polo noso e sacar adiante a situación. Pero así non conseguiremos o desenvolvemento pleno da sociedade que podemos ter. Iso é o que demanda o libro. (…)”

Premiados no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

Desde o Concello de Arteixo:
“O xurado composto por Charo Pita Villares (gañadora da 27ª edición), Inmaculada Otero Varela (representante da Asociación Galega da Crítica), Xabier López López (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), reunido o pasado 27 de abril, decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras:
1º. A casa das Castrouteiro, de Daniel Barral Calvo.
2º. A idade do escarnio, de Tito Pérez Pérez.
3º. Crónica de ningures, de Francisco Rozados Rivas.
De todos os relatos recibidos, case setenta foran admitidos a concurso por cumpriren estritamente as bases.
A coordinación agradeceu un ano máis a presenza no xurado dun membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como outro da Asociación Galega da Crítica, feito que contribúe a alicerzar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego. Entregaron os premios Ana Bello Vázquez, concelleira de Cultura e Festas, Valentín García Gómez, Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Carlos Calvelo Martínez, alcalde do Concello de Arteixo.
O acto de entrega, presentado por Alfredo Ferreiro, ofreceu ademais a actuación Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, co seu espectáculo Os contos de Joselín e unha lembranza de Antón Fraguas, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. (…)”

Finalistas do 28º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

“O xurado composto por Charo Pita Villares (gañadora da 27ª edición), Inmaculada Otero Varela (representante da Asociación Galega da Crítica), Xabier López López (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), reunido o pasado 27 de abril, decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (por orde alfabética de autor):
A casa das Castrouteiro, de Daniel Barral Calvo.
Crónica de ningures, de Francisco Rozados Rivas.
A idade do escarnio, de Tito Pérez Pérez.
A cerimonia de entrega de premios celebrarase o próximo 9 de maio, xoves, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo, e contará coa actuación de Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín.
O Certame de Arteixo acrecenta en 2019 a dotación dos premios en máis 1.300 euros, ofrecendo 4.000 € para o primeiro, 1.500 € para o segundo e 600 € para o terceiro, ademais da publicación da obra nun volume colectivo.
Rematado o acto, que incluirá unha lembranza de Antón Fraguas, escritor homenaxeado no próximo Día das Letras, ofrecerase un viño de honra.
A coordinación agradece tamén este ano a colaboración na formación do xurado (por regra, paritario) da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega así como da Asociación Galega da Crítica, o que axuda a asegurar un criterio literario cun rigor e unha calidade fóra de toda dúbida.”