Entrevista a Inacio Vilariño e Iván Suárez en Dioivo:
““Tiñamos unha materia prima de primeira calidade que non precisaba de gran elaboración”. Así, con esta metáfora tan axeitada, explica o debuxante Iván Suárez o cerne do seu traballo en Titoán e O pobre tolo, as dúas primeiras entregas da serie de oito volumes que Demo Editorial e a Librería Komic están a preparar arredor da biografía de Castelao. “O estilo que utilizamos está principalmente ao servizo do guión. Necesitabamos contar unha historia complexa de forma sinxela. As imaxes non podían distraer o que para nós era a principal: a propia historia de Castelao. E todo isto para min foi un reto moi grande porque ata o momento o meu rexistro como debuxante fora todo o contrario”, engade. E o resultado é o agardado polos autores: Suárez nos debuxos, e Inacio Vilariño no guión. Unha banda deseñada sen efectismos, sen dramatismos malia a dureza de parte do relato, e sen mitificacións, que escolle distintos aspectos da vida de Castelao para responder a unha pregunta con múltiples respostas posibles: quen era?, e atraer así ao lector cara á propia obra de Castelao. “Porque o obxectivo último é que a xente vaia a el, que lea os seus libros, que saiba máis del”, indica Vilariño. (…)”.
Arquivos da etiqueta: Titoán
A Estrada: centenario da voda de Castelao e Virxinia, roteiro e presentación de Titoán
Allariz: II Festa do Libro Galego, do 12 ao 14 de outubro
Allariz acollerá esta fin de semana a segunda Festa do Libro Galego na que se porán á venda as últimas novidades en galego. Organizada polo Concello de Allariz, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Anselmo Lorenzo e a libraría Aira das Letras. Desenvolverase na Praza de Abastos, cun horario de 11:30 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h. (o sábado pola mañá, se chove, non haberá feira). O programa literario é o seguinte:
Venres 12 de outubro:
– 13:00 h. Inauguración da Festa por Miguel Anxo Fernández e entrega dos premios do concurso de micro-relatos Aira das Letras.
– 19:00 h. Presentación do libro Olladas, de Adelaida Vidal, Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2011.
Sábado 13 de outubro:
– 18:00 h. Presentación do cómic Titoán, premio Castelao de banda deseñada 2011.
– 19:00 h. Presentación do libro Queer-mos un mundo novo, de Teresa Moure. Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2011.
Domingo 14 de outubro:
– 13:00 h. Presentación do libro infantil O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, e lectura contada do mesmo.
Titoán, de Iván Suárez e Ignacio Vilariño obtén o VII Premio de banda deseñada Castelao
O cómic Titoán, do debuxante compostelán Iván Suárez e o guionista de Lalín Ignacio Vilariño, é a obra gañadora da VII edición do Premio de banda deseñada Castelao, convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora. Miguelanxo Prado apuntou que todos os libros de banda deseñada que gañaron o Castelao foron editados tamén en castelán e están a ter unha boa acollida por parte do público, pois son obras “que chegan máis alá do mercado local e deféndense por si soas con dignidade”. Segundo explicou Miguelanxo Prado, Titoán é “unha achega adulta a un personaxe histórico como Castelao, a través dunha narrativa medida e axustada, sen parafernalia efectista”, e cunha solución gráfica “atractiva, coherente e eficaz, que funciona á perfección ao servizo que está a contar”. “Non é doado facer unha obra sobre Castelao sen caer no didactismo ou na cita enciclopédica”, afirmou Miguelanxo Prado, que subliñou tamén “a metalectura do texto, a historia que se conta nun segundo plano da obra, como Castelao constrúe unha historia e vai atopando personaxes e situación”, todo iso cunha “estrutura arriscada” na que o humor se mestura con momentos de grande intensidade poética.
A obra foi seleccionada por unanimidade, pois “ten un plus a nivel gráfico e de guión, cuxa orixinalidade e plantexamento vai alén dos estándares habituais”. O xurado decidiu tamén seleccionar como finalista a obra Salpock, o val dos cegos, de Álvaro López Santos e Luis Sendón, que é “unha fantasía heroica, unha utopía e unha ucronía en clave de aventura” (Galicia Hoxe). Tamén foi recollido en Culturagalega, Xornal, Galiciaé.