Arquivos da etiqueta: Tomás Barros
Xosé Ramón Freixeiro Mato analiza as cartas entre Carvalho Calero e Barros, con Ferrol como nexo
Desde Nós Diario:
“Unha amizade con Ferrol ao fondo. Correspondencia entre Carvalho Calero e Tomás Barros (1947-1983) é o título do libro que o filólogo e escritor Xosé Ramón Freixeiro Mato presentou no centro cultural ferrolán Torrente Ballester.
En declaracións a este xornal, o autor aclara a orixe da idea de editar esta obra: “Foi case como un encargo a través da amiga e compañeira María do Pilar García Negro“, que ademais prologa o texto. García Negro fíxolle chegar as cartas enviadas entre Ricardo Carvalho Calero e Tomás Barros. Ante a posibilidade de editar as misivas, Freixeiro explica que aceptou tanto pola admiración que sente de sempre por Carvalho Calero, “unha figura fundamental da filoloxía galega”, á que Freixeiro dedicou tamén a súa vida, como pola circunstancia de que Tomás Barros fora o seu profesor de debuxo na facultade de Maxisterio da Coruña.
Trátase dunha correspondencia enviada principalmente durante o período da ditadura franquista, polo que “estas cartas reflicten ese ambiente de ‘longa noite de pedra’ da ditadura”, explica Freixeiro.
As misivas tratan temas fundamentalmente relacionados coa súa propia obra, que tanto Carvalho como Barros van elaborando e publicando, do contido desas obras e tamén das peripecias editoriais que tiveron que seguir, pois “naqueles momentos non era fácil publicar”. Desta maneira, son frecuentes as cartas nas que falan tanto da revista Aturuxo que dirixía Barros en Ferrol e na que Carvalho desenvolvía un papel moi importante durante os anos 60, como da revista Nordés que Barros fundou xunto con Luz Pozo na Coruña, xa no ano 1975.
As cartas reflicten tamén o decorrer da vida de diaria de cada un dos autores. Freixeiro explica, en conversa con Nós Diario que neste aspecto existe un gran contraste no epistolario. Mentres Carvalho está totalmente entregado á causa da defensa da cultura galega, Barros está máis preocupado por “grandes temas como o sentido da vida”, para os que Carvalho di “que non ten nin tempo”. Tal e como reflicte unha frase escrita nunha das cartas que Carvalho envía a Barros: “Xornaleiro do meu país, fago o que o meu país quere e non o que quixera eu”.
Por iso unha das temáticas que reitera nas misivas é a insistencia de Carvalho Calero en que Tomás Barros aprenda e escriba en galego. Intenta atraer a Barros para a literatura galega, “con suceso”. Na última etapa da súa vida Barros publicará libros en galego.”