A Coruña: presentación de Prisciliano e priscilianismo. Da condena á rehabilitación

O martes 7 de agosto, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntase o libro Prisciliano e priscilianismo. Da condena á rehabilitación, coordinado por Victorino Pérez Prieto, publicado en Biblos. No acto, xunto ao autor, participan Tucho Calvo e Felipe Senén.

Declarado deserto o 8.º Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela para menores de 25 anos

“O fallo, de carácter unánime, foi dado a coñecer na cea anual celebrada na Casa Grande do Bachao na tarde-noite do venres 20 de xullo con asistencia de máis dun cento de persoas entre as que figuraban representantes de todos os sectores da cultura do país. O xurado, do que formaban parte a escritora María Xosé Queizán, que sería a titora desta edición, Iria Morgade como gañadora da anterior, e Tucho Calvo, lamentou a baixísima participación rexistrada “cando vivimos tempos en que a cultura e a imaxinación son máis necesarias que nunca” e, compartindo coa organización que “quizais non se acertou este ano na comunicación das bases á mocidade”, fixo un chamamento “á colaboración de cantas persoas poidan estar en contacto coa xuventude para acadar unha maior participación nos vindeiros anos”.
Antes de se servir a cea e da actuación do dúo formado por Dorothea Nicholas, violín da Orquestra Sinfónica de Galicia, e Fernando Gracia Gómez, profesor de frauta no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, deuse a coñecer o gañador do 4º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura, que organiza a asociación Pazos de Galicia. O galardón, que visualiza unha escultura do artista Luís Loureira, correspondeu a Alfonso Blanco Torrado, no que se recoñece un traballo de décadas tanto no campo social como na cultura de base, en especial en varias parroquias do concello de Guitiriz.” Desde Biblos Clube.

Tucho Calvo: ”Paz Andrade aspirou a poñer os galegos no mundo e na vangarda”

Valentín Paz Andrade era unha desas personaxes que formaba parte dunha xeración que viviu unha situación que en nada se pode comparar coa nosa. Pasaron dúas ditaduras, atravesaron unha guerra civil e conviviron con dúas mundiais. Eles souberon loitar e tiveron azos para cambiar o país. Nós non podemos amedrentarnos”. Así definiu o homenaxeado nas Letras Galegas o escritor Tucho Calvo, autor do libro Valentín Paz-Andrade. A memoria do século XX, quen este luns participou nun encontro do Ateneo de Santiago para celebrar o 17 de maio. Calvo, que foi presentado polo académico Salvador García-Bodaño e o catedrático Anxo Tarrío, rememorou a longa entrevista en profundidade que lle fixo ao autor de Galicia como tarea nos anos oitenta que daría como resultado este libro. Un resultado que, en calquera caso, acabou por ser serodio, xa que o libro non vería a luz até 1998 con Edicións do Castro. “A editorial SEPT de Isla Couto encargárame unha serie de entrevistas longas con persoeiros da vida galega. A de Valentín ía ser un libro, mais non chegou a saír nunca”, explicou Tucho Calvo, quen rememorou ademais o lugar onde falou co fundador de Industrias Pesqueras. “Foi no seu despacho da casa de Pousanova do Mar, aos pés de Samil. El era realmente a memoria do século XX e ese despacho impresionaba, cheo de debuxos de Castelao, de esculturas, de manuscritos de moitos históricos. Impresionaba”, explicou o escritor. (…)” Vía Dioivo.

Madrid: actos das Letras Galegas con motivo dos 15 anos do Grupo Poético Bilbao

Actividades sobre Valentín Paz Andrade

“Continúa a presentación de publicacións e novidades arredor da figura de Valentín Paz Andrade, homenaxeado nesta edición do Día das Letras. Máis de cen imaxes tiradas do álbum familiar de Valentín Paz Andrade compoñen a proposta que fai Ouvirmos arredor do autor na súa Fotobiografía. Textos de Miguel Anxo Seixas contextualizan este material e percorren a traxectoria do homenaxeado no día das letras. Xornais galegos como Faro de Vigo, La Voz de Galicia están a anunciar tamén as súas contribucións a esta homenaxe co lanzamento de diferentes publicacións sobre a vida e a obra deste persoeiro. Ao tempo, a empresa de alimentación Gadisa anunciou, que como vén facendo nos últimos anos, distribuirá dous millóns de bolsas con textos do homenaxeado na súa cadea de supermecardos. Canda a isto, agasallará aos seus establecementos 30.000 exemplares da novela de terro Formigas, de Tucho Calvo. Pola súa banda, a Consellaría de Cultura anunciou a celebración de concertos na rúa en diferentes localidades galegas. Os grupos Xardín Desordenado e Tender a Man interpretarán os versos deste autor nunha iniciativa que comeza hoxe en Vigo. Nestes días a CRTVG está a emitir os primeiros capítulos das Pílulas poéticas, unha serie de videopoemas sobre textos do homenaxeado.” Vía Cultura Galega.

Santiago: actividades destacadas dos 5 e 6 de xuño na Feira do Libro

Finaliza a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do sábado 5 e domingo 6 de maio son as seguintes:

* Sábado 5:
19:00 h. Presentación de Transmuta, de Xabier Cordal, publicado en Xerais. No acto intervirán, xunto ao autor, Manuel Bragado, Oriana Méndez, Mónica Caamaño e Arturo Casas.
20:00 h.. Presentación de Iria, de Anxo Angueira, publicado por Xerais. Acompañarán ao autor Manuel Bragado e Xosé Luís Méndez Ferrín.

* Domingo 6:
12:30 h. Presentación do libro A aldea, de Xavier Frías Conde, publicado por Urco Editora. No acto, o autor estará acompañado por Tucho Calvo.
18:00 h. Paula Carballeira e un representante de Kalandraka Editora presentan O principio, novo álbum desta autora e narradora, ilustrado por Sonja Danowski.

Vigo: mesa redonda sobre Valentín Paz Andrade

O martes 10 de abril, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, terá lugar unha mesa redonda sobre Valentín Paz Andrade, que, coa presentación e coordinación de Miguel Anxo Seixas Seoane, reunirá a Tucho Calvo, Xan Carballa e Charo Portela. Crónica posterior en Galaxia e no blogue de Ramón Nicolás.

Ourense: presentación de Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo

O venres 24 de febreiro, ás 20:15 horas, na CEO de Ourense (Praza das Damas), preséntase o libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, publicado en Biblos. No acto, xunto ao autor, intervirá Pilar Rodríguez.