A Coruña: lectura pública da obra de Florencio Delgado Gurriarán, o 15 de maio

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o grupo Valdeorras Infinda celebraremos as Letras Galegas coa lectura pública da obra de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado este 2022, na cidade da Coruña.

Será o domingo, 15 de maio, ás 12:00 h, diante do Teatro Rosalía de Castro. Estades convidadas todas as persoas que queirades ler poemas deste autor valdeorrés, figura clave do exilio mexicano. Pregamos que as persoas interesadas comuniquen o texto que queren ler, enviando un correo electrónico a acab@mundo-r.com

A Coruña: conferencia “As letras de Florencio. O éxito dun proxecto”, por Débora Álvarez Moldes

O 6 de outubro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16), na Coruña, Débora Álvarez Moldes ofrece a palestra titulada As letras de Florencio. O éxito dun proxecto, con introdución poética da man de Paco Campos. A continuación, Débora achegará ao público presente o percorrido vital de Florencio Delgado Gurriarán e das iniciativas públicas e privadas que se puxeron en marcha para reivindicar o seu papel na historia literaria galega. Tamén haberá a proxección da curtametraxe O castiñeiro morto, de Domingo D. Docampo, baseada no primeiro poema publicado polo poeta. Esta actividade encádrase no proxecto Valdeorras Infinda.
As persoas interesadas deberán inscribirse previamente no correo electrónico acab@mundo-r.com