A Ramallosa, Teo: entrega do Caxato de Avelino Pousa Antelo a Carmiña de Soutomaior, o 20 de agosto

O 20 de agosto, ás 12:00 horas, no Parque Avelino Pousa da Urbanización Os Verxeis en Oza (Concello de Teo), organizado pola Irmandade Avelino Pousa Antelo, a Irmandade Manuel María e a A. C. Xermolos, terá lugar o acto de entrega do Caxato de Avelino a Carmiña de Soutomaior. Na laudatio intervirá tamén Marica Campo. O acto estará presidido e coordenado por Alfonso Blanco Torrado, Baldomero Iglesias “Mero”, Esperanza Lema, Héitor Picallo, Martiño Picallo, Miro Casabella, Raúl Galego e Xosé Valdi (creador do Caxato). Logo do acto no Parque Avelino Pousa terá lugar un xantar de irmandade no Restaurante María Castaña da Ramallosa (é preciso avisar, antes do 16 de agosto, no teléfono 636032750).

Teo: VIII edición do Caxato de Avelino

O 20 de agosto, ás 12:00 horas, na Auditorio Constante Liste da Casa do Concello de Teo, a Irmandade Avelino Pousa, xunto coa Irmandade Manuel María e a A. C. Xermolos, farán recoñecemento do VIII Caxato de Avelino ás irmás Marica e Tereixa Campo, pola íntima afectividade, amizade e lealdade a Avelino Pousa Antelo, pois este recoñecemento de cada ano baséase precisamente na valoración de afecto, relación limpa e lealdade á persoa de Avelino, polo que se fan ben merecentes de tal honra. A profesora e escritora Pilar García Negro será a mantedora deste acto.
Posteriormente irase ao Paseo Avelino Pousa na Urbanización Os Verxeis, para realizar unha ofrenda floral no monolito que alí hai en honra de Avelino Pousa.
Dos agasallos a recibir por quen se recoñecen, un deles, o caxato, é obra do escultor Valdi e o outro consiste nun gravado de Héitor Picallo.

O XIV Hectómetro Literario estará dedicado a Miguel Anxo Fernán-Vello

Desde El Progreso:
“O monólito que Xermolos e a Irmandade Manuel María colocarán no Paseo dos Soños de Vilalba, deseñado por Valdi, aludirá ás súas raíces chairegas e ás facetas de escritor e de músico
O escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, natural de Cospeito, é o elixido pola Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos para dedicarlle o XIV Hectómetro Literario do Paseo dos Soños de Vilalba.
“É un gran poeta da Terra Chá”, asegurou o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, que considera necesaria esta homenaxe para saldar unha “débeda” cun autor cuxa poesía encaixa perfectamente co espírito desta iniciativa. “El cae ben no proceso creativo do Rañego e do Magdalena, porque é un cantor da auga e un amante da natureza, transmite as súas vibracións a través da súa obra”, destaca.
Dende as entidades promotoras desta homenaxe, coa que tamén colabora o Concello de Vilalba, salientan o labor de Fernán-Vello como editor en Espiral Maior, que fundaba en 1991, a súa achega a numerosas actividades culturais ou a súa colaboración co Festival de Pardiñas, do que foi pregoeiro en 1988.
Alfonso Blanco lembrou ademais os seus vencellos con Manuel María e con Xosé María Díaz Castro. De feito, dende que o Concello de Guitiriz creou un premio de poesía en lembranza do poeta vilarego, Fernán-Vello exerceu de xurado nas catro edicións celebradas -está convocada unha quinta- e a editorial Espiral Maior foi a encargada da publicación dos poemarios gañadores.
A xornada de homenaxe, na que estaba previsto que intervisen os escritores Darío Xohán Cabana -un dos referentes da lírica chairega para Fernán-Vello xunto a Manuel María-, Xulio Valcárcel e Luz Campello, ademais de Xulio Xiz, estaba fixada inicialmente para o 18 de abril, pero tivo que adiarse por mor do estado de alarma. Agora está pendente de que se fixe unha nova data para un programa que incluirá unha mesa redonda, unha comida de confraternidade e a inauguración do Hectómetro Literario número 14 do Paseo dos Soños, cun deseño de Xosé Díaz Val, ‘Valdi’.
A escultura, elaborada en aceiro corten, reproduce un libro aberto no que o seu autor trata de recoller a traxectoria de Fernán-Vello. “Ademais de ser escritor e editor, tamén ten a carreira de música”, lembra Valdi.
Unha das páxinas leva unha caricatura do homenaxeado e un anaco dun poema sobre a auga. Na outra folla reprodúcense unha guitarra, instrumento no que se formou Fernán-Vello; o contorno da Lagoa de Cospeito, en alusión ás súas raíces, e un pentagrama, coas dúas primeiras notas do Himno Galego, “que se escapa da páxina, porque a súa traxectoria segue”, precisa o artista. (…)
Miguel Anxo Fernán-Vello amósase moi agradecido á organización e a Alfonso Blanco por pensar nel para formar parte “dun paseo literario no que están moitos amigos meus, é un honor estar ao carón deles”. “Sentín unha ledicia especial, porque estou marcado humanamente e esteticamente pola Terra Chá, aí están as miñas raíces”, di.
O autor recoñece o Paseo dos Soños coma unha idea “moi fermosa” ao unir literatura e natureza, unha temática moi presente na súa obra sobre a Terra Chá. Confía en poder cumprir a débeda con Manuel María, que lle pedira un libro sobre a Terrá Chá, e publicar conxuntamente todos os poemas que lle dedicou.”

Vilalba: Celebrando a obra de Margarita Ledo Andión

O sábado 15 de setembro terá lugar unha homenaxe á obra de Margarita Ledo Andión. O programa de actos é o seguinte:
12:00 h. No Muíño do Rañego en Vilalba. Táboa redonda coa participación de María do Carme García Negro, Xosé López García, Xosé Ramón Pousa, Eva Veiga e David Otero.
Posteriormente, no Paseo dos Soños, inaugurarase o 7º Hectómetro literario, obra de Valdi.
14:30 h. Xantar de irmandade na Nova Ruta de Vilalba.
Posteriormente, intervención musical de Mini e Mero.

Para máis información ou apuntarse ó xantar, o público interesado pode chamar ao número de teléfono 646413890.

Outeiro de Rei: Memoria da Chaira enteira, no cabodano de Manuel María

O sábado 8 de setembro, en Outeiro de Rei, celébrase o cabodano de Manuel María, nunha nova edición da Memoria da Chaira enteira, organizada pola Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos. O programa está formado polas seguintes actividades:
14:30 h. Xantar de irmandade no Restaurante Río Ladra (A Ponte-Gaioso).
17:30 h. Recital de poesía en Penas das Rodas.
18:30 h. Lembranza no Cemiterio de Outeiro de Rei.
19:00 h. Rito da navalla arredor de Valdi, no Campo de Santa Sabela. Concerto de poesía cantada de Manuel María: A Quenlla, Miro Casabella, Tino Baz e Antón Valcarce.
Para máis información ou apuntarse ao xantar (20 €), o público interesado pódese dirixir ao teléfono 646413890.