O 20 de agosto, ás 12:00 horas, no Parque Avelino Pousa da Urbanización Os Verxeis en Oza (Concello de Teo), organizado pola Irmandade Avelino Pousa Antelo, a Irmandade Manuel María e a A. C. Xermolos, terá lugar o acto de entrega do Caxato de Avelino a Carmiña de Soutomaior. Na laudatio intervirá tamén Marica Campo. O acto estará presidido e coordenado por Alfonso Blanco Torrado, Baldomero Iglesias “Mero”, Esperanza Lema, Héitor Picallo, Martiño Picallo, Miro Casabella, Raúl Galego e Xosé Valdi (creador do Caxato). Logo do acto no Parque Avelino Pousa terá lugar un xantar de irmandade no Restaurante María Castaña da Ramallosa (é preciso avisar, antes do 16 de agosto, no teléfono 636032750).
Arquivos da etiqueta: Irmandade Avelino Pousa Antelo
A Irmandade Avelino Pousa Antelo recoñece Mero e Carme Varela no XI aniversario da súa morte
Desde Nós Diario:
“O auditorio Constante Liste, na Ramallosa, Teo, na comarca de Santiago, acolleu este domingo, 20 de agosto, os actos conmemorativos do XI aniversario do falecemento de Avelino Pousa Antelo.
A xornada de lembranza comezou cun “anexo”, unha homenaxe ao escritor e profesor galego Xoán Xosé Fernández Abella, só tres días despois do seu pasamento, o pasado 17 de agosto.
O escritor David Otero foi o encargado de dar a benvida ao público e de cederlle a palabra a Alfonso Blanco Torrado, quen falou en nome da Irmandade Avelino Pousa, a Asociación Cultural Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá.
Foi ao finalizar cando colleron a remuda as dúas persoas agasalladas: o músico e escritor Baldomero Iglesias ‘Mero’, a quen se lle entregaron o símbolo do Partido Galeguista do que Pousa Antelo foi militante.
Após este momento de ‘Dignidade galeguista’, a escritora, historiadora e autora teatral Carme Varela recolleu o ‘Caxato Avelino Pousa’, unha distinción que desde 2013 recibiron figuras e institucións moi próximas ao intelectual galego: Alfonso Blanco, o Concello de Teo, a parroquia de Santa María de Arzúa, Fina Casalderrey, a familia de Valentín Arias, Antón Costa Rico, a Fundación Penzol, Marica e Tereixa Campo máis Arlindo López Arias.
“Carme Varela foi unha gran colaboradora de Avelino Pousa como secretaria técnica da Fundación Castelao, fundada en 1984, grande apoio de cara a edición da obra completa de Castelao e tamén durante o ano do seu centenario en 1986”, explica a Nós Diario David Otero, para destacar que este recoñecemento non premia un currículo senón persoas da estima de Pousa Antelo.
“Durante 40 anos acompañando a Avelino fun facendo un listado de xente do seu aprecio, persoas coas que mantiña unha relación afectuosa e coas que compartía ideas”.
Tras as intervencións de Mero, Carme Varela e a familia de Pousa Antelo, o público visitou o paseo que leva o seu nome na Urbanización dos Verxeis/Oza, onde tivo lugar unha ofrenda floral que deu paso á interpretación do himno nacional galego polo gaiteiro Nubeiro.
A xornada concluíu cun xantar de irmandade que serviu tamén para celebrar o legado de Avelino Pousa, de quen Otero destaca o papel central da “Galiza como referente e o pobo como espazo de traballo para a conservación das ideas galeguistas”.
“Quedas na casa, mira que non se apague o lume”, rememorou Carme Varela no seu discurso de agradecemento. Un dito común en moitos lares da Galiza cuxa escolla gabou David Otero.
“É o resumo perfecto do que viñemos facer hoxe aquí no XI aniversario da morte de Avelino: axudando a que o lume de Avelino, o lume da Galiza, da idea galeguista non se apague”.”
Cacheiras, Teo: presentación de As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega
Teo: VIII edición do Caxato de Avelino
O 20 de agosto, ás 12:00 horas, na Auditorio Constante Liste da Casa do Concello de Teo, a Irmandade Avelino Pousa, xunto coa Irmandade Manuel María e a A. C. Xermolos, farán recoñecemento do VIII Caxato de Avelino ás irmás Marica e Tereixa Campo, pola íntima afectividade, amizade e lealdade a Avelino Pousa Antelo, pois este recoñecemento de cada ano baséase precisamente na valoración de afecto, relación limpa e lealdade á persoa de Avelino, polo que se fan ben merecentes de tal honra. A profesora e escritora Pilar García Negro será a mantedora deste acto.
Posteriormente irase ao Paseo Avelino Pousa na Urbanización Os Verxeis, para realizar unha ofrenda floral no monolito que alí hai en honra de Avelino Pousa.
Dos agasallos a recibir por quen se recoñecen, un deles, o caxato, é obra do escultor Valdi e o outro consiste nun gravado de Héitor Picallo.
Teo: VII edición da entrega do Caxato de Avelino Pousa Antelo, o 20 de agosto
O 20 de agosto, ás 12:00 horas, no Salón de plenos da Casa do Concello de Teo, terá lugar a VII edición do acto de entrega do Caxato de Avelino Pousa Antelo á Fundación Penzol, para, posteriormente, no Paseo Avelino Pousa na Urbanización Os Verxeis, en Oza (Teo), realizar a ofrenda floral en memoria e honra de Avelino Pousa.
PROGRAMA DE INTERVENCIÓNS
PRIMEIRA PARTE (na Casa do Concello de Teo)
1. Benvida por parte da Corporación de Teo.
2. Saúda de Alfonso Blanco Torrado en representación da Irmandade Avelino Pousa, Irmandade Manuel María e A. C. Xermolos.
3. Lectura da acta de concesión do Caxato Avelino Pousa Antelo á Fundación Penzol.
4. Intervención do mantedor do acto, Francisco Castro.
5. Entrega do Caxato Avelino Pousa Antelo á Fundación Penzol.
6. Intervención dun representante da Fundación Penzol.
7. Intevención da familia de Avelino Pousa Antelo.
SEGUNDA PARTE (no Paseo Avelino Pousa na Urbanización Os Verxeis, Oza/Teo).
1. Intervención dun representante da Irmandade Avelino Pousa, Irmandade Manuel María e A. C. Xermolos.
2. Ofrenda floral.
3. Intervención da familia de Avelino Pousa Antelo.
4. Intervención Institucional do Concello de Teo.
* Ao remate dos actos está programado un xantar no Restaurante María Castaña da Ramallosa (Teo). O prezo é de vintecinco euros (25 €)(pagarase no sítio). Quen desexe participar no xantar ten que AVISAR ANTES DO DÍA 17 DE AGOSTO ao email:erdao@hotmail.com ou ao tfno 636032750.
Teo: V aniversario de Avelino Pousa Antelo
O domingo 20 de agosto, ás 12:00 horas, na Casa do Concello de Teo, terán lugar os actos do V aniversario de Avelino Pousa Antelo.
PROGRAMA:
I. Casa do Concello de Teo.
* Benvida pola Concelleira de Cultura, Pilar Faxil.
* Saúda do Representante da A. C. Xermolos, Irmandade Manuel María e Irmandade Avelino Pousa, Alfonso Blanco Torrado.
* Intervención musical de Mini e Mero.
* Lectura da acta de concesión do Premio O Caxato de Avelino á familia de Valentín Arias.
* Intervén o Mantedor do Acto: Arlindo López Arias.
* Entrega do Premio por parte de Mini e Mero.
* Intervención da familia de Valentín Arias.
* Actuación musical de Mini e Mero.
* Intervención da familia de Avelino Pousa.
* Intervención Peche do Acto polo Alcalde de Teo, Rafael Sisto.
II. Xardín/Paseo Avelino Pousa, na Urbanización Os Verxeis.
* Actuación musical.
* Intervención en representación da A. C. Xermolos, Irmandade Manuel María e Irmandade Avelino Pousa, de Xosé Quintas Canella.
* Intervención familia de Avelino Pousa.
* Ofrenda floral a Avelino Pousa.
Estase programando un xantar e iso depende de quen se apunte. As persoas interesadas deben avisar en erdao@hotmail.com ou no teléfono 636032750.
Teo: homenaxe a Avelino Pousa Antelo
Desde Fervenzas Literarias e o Concello de Teo:
“O Salón de Plenos foi o centro de congregación na mañá deste martes, 20 de agosto, desde as 12:00 horas para aquelas persoas que quixeron lembrar a persoa de Avelino Pousa Antelo. A esta hora os participantes nos actos do cabodano foron recibidos na Casa do Concello, onde a partir das 12:30 h. comezou un acto no que se recordou a figura de Avelino Pousa Antelo con música, recitais e ofrendas. A sesión continuou ás 13:00 horas coa presentación da revista-libro monográfica Avelino Pousa. Nesta presentación participaron Alfonso Blanco Torrado, Héitor Picallo, Carlos Mella, Mini e Mero, Xosé Mª Lema Suárez, Martiño Noriega, alcalde do municipio, e representantes da familia de Avelino Pousa.
Posteriormente amigos e familiares que participan nesta xornada aproveitaron a hora de comer para compartir lembranzas e recordos nun xantar de irmandade no Restaurante Pórtico de Cacheiras.
Tras o xantar e tamén no Salón de Plenos do Concello de Teo, a xornada retómase pola tarde a partir das 18:30 h. cunha mesa redonda baixo o título Avelino Pousa, mestre galego normalizado, na que interveñen Antón Costa, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Mini e Mero, María Blanco Corral e Maca Arca, xunto co recitado de Xoán Xosé Fernández Abella.
E xa para rematar a xornada, a partir das 20:00 horas, realizase un último acto de afectos e recordos a Avelino Pousa no paseo Avelino Pousa, situado na Urbanización Os Verxeis, residencia habitual de Avelino Pousa nos últimos anos. Neste acto terá lugar unha ofrenda floral conxunta, na cal intervirán as fundacións e colectivos, e haberá intervencións poéticas, lecturas de textos e as actuacións musicais de Mini e Mero, Raúl Galego e Manoele de Felisa.
Xa para rematar, intervén a familia de Avelino Pousa e clausura o acto unha representación do Concello de Teo, xusto antes do peche co Himno Nacional Galego.
Este acto está organizado pola Asociación Cultural Xermolos, xunto coa Irmandade Manuel María e a Irmandade Avelino Pousa e conta coa colaboración do Concello de Teo.”