Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): Este homenaxeado [Valentín Paz Andrade] ten escasa obra literaria. ¿Inflúe isto na percepción que del poida ter o público nun día como o das Letras Galegas?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Non, a escaseza de obra literaria vén compensada cunha chea de obras de pensamento económico, político e literario. Agora a súa obra poética vaise incrementar porque se van publicar libros novos inéditos.
– G: Parece que a sociedade demanda un achegamento da RAG aos galegos. ¿Que lle parece o contacto entre a academia e os institutos?
– XLMF: A Real Academia Galega é unha institución que se resiste a ser unha momia. É a depositaria da memoria cultural e nacional do país, polo que ten que recibir as escolas e ter contacto coa xente. Ten que estar viva. (…)
– G: E como escritor, ¿séntese máis a gusto na poesía ou na prosa?
– XLMF: Á poesía esíxolle moito. Como escritor teño o vicio de ir sempre máis alá, forzar os límites. Interésanme máis os contos breves. (…)
– G: ¿Como ve a literatura galega actual?
– XLMF: Está nun intre de moita potencia. Hoxe a literatura máis nova está en mans de mulleres. Estamos nun momento moi rico, un signo de saúde deste pobo.
– G: Nós somos estudantes de portugués. ¿Que opina do ensino desta lingua nos institutos?
– XLMF: Sempre o pedín. Paz Andrade sostiña que hai que aprender portugués. De feito, Pescanova fíxose co monopolio da pesca en Mozambique grazas aos negociadores que sabían portugués.”
Arquivos da etiqueta: Valentín Paz-Andrade
O presidente galego que non foi
Desde El País:
“Hai unha certa xustiza poética en que as Letras 2012 dedicadas a Valentín Paz Andrade renoven a actualidade das súas intervencións finais, cando puxo en cuestión os defectos de construción da autonomía de Galicia en coexistencia co poder central. Unha situación que entendía insatisfactoria e chamada a colapsar se se mantiña a dobre estrutura de institucións de autogoberno propias coas herdadas do centralismo (división provincial, gobernos civís e deputacións). Porque Paz Andrade foi durante toda a súa vida un home que observando múltiples actividades (avogado, escritor, empresario, ideólogo, divulgador, poeta ou xornalista) tivo sempre o nervio da intervención política como eixo da súa interminábel acción pública, mantida desde moi novo na Pontevedra natal (23 de abril de 1898) até o derradeiro alento en Vigo (22 de maio de 1987). (…)”
A Coruña: conferencia Paz Andrade, home de empresa e galeguista
Valentín Paz Andrade na súa voz (e II)
“Continuamos escoitando a voz de Valentín Paz Andrade. Desta volta, dous fragmentos da conferencia La cultura gallega, que impartiu no Centro Galego de Bos Aires o 8 de agosto de 1957, e rematamos cun fragmento dunha entrevista concedida a Xan Carballa e Gustavo Luca de Tena para A Nosa Terra, o 11 de setembro de 1986. Os audios foron dixitalizados polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.” Vía Cultura Galega.
A bandexa de saída de Paz Andrade
“Paz Andrade, como todos os intelectuais da súa época, fixo da correspondencia un instrumento vital para o intercambio cultural tanto dentro da propia Galicia como para o exterior, onde residía boa parte da intelectualidade galega do exilio. Hoxe tentamos imaxinarnos como sería a bandexa de saída de correo electrónico de Valentín Paz Andrade, comunicándose cos seus compañeiros de letras e artes. Grandes figuras como Laxeiro, Osorio Tafall, Carlos Maside ou Isaac Díaz Pardo son parte da conversa. A selección foi feita pola responsable da dixitalización do arquivo Paz Andrade e técnica do CCG Emilia García López.” Vía Cultura Galega.
Vigo: acto de homenagem a Paz Andrade e Celso Emilio
A Coruña: Espazo compartido, no Día das Letras Galegas
Neste esvaradío universo de multiples historias a imaxe non é o que está diante, senón detrás, ou máis aló, na fuxida, cara a unha existencia imaxinaria, son trazos de soños esquecidos. Foi unha tarde de liñas onduladas na que un fato de amigos/as apoiamos incondicionalmente a idea que tivo Xabier Docampo para festexar o -Día das Letras Galegas- (sen institucións de por medio) na cidade de A Coruña. O proxecto era moito máis que un xogo de equilibrios. Movérmonos sen “pasaporte”, tentar convertérmonos nun vector de forza cara a cultura do noso país, neste intre de ar asfixiante, enrarecido polo despropósito dunhas medidas que sempre van na contra dos máis desfavorecidos. A capacidade de resistencia e reacción atópase estreitamente unida ao vigor cultural dunha sociedade formada por cidadáns que non vasalos. Unha sociedade onde a clase dirixente (enténdase política e poderes fácticos) acouta o territorio da educación, sanidade e cultura está sementando vulnerabilidade e desasosego, e como consecuencia, ignorancia e medo. Un país sen cultura-liberdade-igualdade é un país bárbaro, escuro, enchido dun primitivismo perigoso que pode levármonos a incontabeis noites de inmsonio nun pozo sen fondo. Un grupo de persoas relacionadas co mundo da creación artística imos procurar unha caixa de luz para compartila con outros/as habitantes desta cidade que asoma ao mar. Unha caixa de palabras e sons que non sexan fotogramas borrosos da nosa identidade. Para celebrar o Día das Letras Galegas o 17 de Maio do 2012, tentaremos levar a cabo un estalido de luz que agrome na sombra da sombra. Percorrer espazos na procura doutros/as moradores deste destartalado planeta coa fin de ollármonos preto uns dos outros, procurando albiscar nas distancias curtas o escintileo que aínda habita neste asteroide á deriva. Hai que procurar unha esperanza para seguir loitando, para que non consigan matarnos os soños: o cabalo branco alado que trote-voe á beira da escuma unha noite de verán de lúa chea, onde as ondas sonoras sexan a banda musical, e o canto dos grilos o chamen a voar cara ao bosque ata dar alcance ao raio de lúa que esvara nun claro inesperado. Verémonos o 17 de Maio na area máis orgánica, borrando lindes nunha superficie compartida. Imos facelo dende a lingua dos nosos antergos, sen prexuízos, nin complexos, cadaquén dende as súas referencias, amosaremos atmosferas envoltas no bafo da nosa terra, a pegada identitaria do que fomos, somos e seremos : un pobo fértil de infindas posibilidades. Porén deste mundo disparatado, cavaremos alí onde pareza imposíbel, sempre se precisa xente máis heroica que un mesmo!
Datos do percorrido: Comezaremos o traxecto ás 19:00 horas na rúa Troncoso para rematar na rúa da Estrela. Entraremos nos locais previstos de antemán, estes terán un cartel identificativo; despois dun saúdo preliminar, as intervencións consistirán en cantar, ler, recitar ou dramatizar un apuntamento teatral, todas as actuacións serán breves. Agasallaremos aos presentes cun pousavasos con versos de Paz Andrade, a quen está dedicado este ano o -Día das Letras Galegas-. Remataremos ás 23:30 horas diante do Teatro Rosalía de Castro. Pretendemos compartir dun xeito lúdico o -Día das Letras Galegas-
Boiro: II Romaría das Letras no Barbanza
O xoves 17 de maio, en Boiro, terá lugar a II Romaría das Letras no Barbanza, organizada pola A. C. Barbantia e a Agrupación O Faiado-2, que contará con diversas actividade. Entre elas, destacamos as seguintes de carácter máis literario:
No Pazo de Goiáns (Lampón-Boiro):
– 16:00 h. Recital de textos de Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012 e discursos institucionais.
– 16:30 h. Presentación do libro O alento nas costas, da escritora boirense Natalia Carou, con presencia da directora de Baia Edicións, Belén López Vázquez.
Pontevedra: conferencia de Carlos Callón sobre Valentín Paz Andrade
O martes 15 de maio, ás 19:30 horas, na Biblioteca Pública de Pontevedra (Rúa Alfonso XIII, 3), Carlos Callón pronunciará a conferencia Cicatrices de ferro nas palabras. A obra poética e o programa cultural de Valentín Paz-Andrade.