“(…) Víctor Freixanes
participa estes días no seminario Cen anos de Cunqueiro organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), onde onte falou do labor xornalístico do autor de Mondoñedo e do contexto social no que desempeñou a súa traxectoria. Freixanes indicou que Cunqueiro “desenvolveu unha parte moi importante da súa vida nos xornais e nalgunhas emisoras de radio” e definiu a Cunqueiro como un dos mellores escritores europeos dos últimos tempos. A primeira relaciónase coa formación do intelectual e ten lugar entre Mondoñedo, Lugo e a súa etapa como universitario en Santiago de Compostela. Nesta última cidade “entra en contacto cunha xeración que está a descubrir Galicia e a súa identidade”, apuntou Freixanes. É nesta época cando aparecen as primeiras publicacións de carácter literario ou crítico-artístico en xornais da época como El Pueblo Gallego. Co estalido da Guerra Civil, explicaba onte Freixanes no Arquivo do Reino de Galicia, comeza a segunda etapa da vida de Cunqueiro, e na que destaca o seu labor como xornalista e as súas primeiras publicacións en medios de comunicación afíns ao réxime. Segundo o director de Galaxia, tralo que falaron as escritoras Marina Mayoral e Inma López Silva, esta época é na que Cunqueiro pega un salto “vertixinoso” a La Voz de España e ás revistas Vértice e Santo y Seña, rematando no ABC como redactor xefe. O ano 1944 foi, segundo Víctor Freixanes, outra das datas claves na biografía de Álvaro Cunqueiro, xa que nese ano perdeu o carné de prensa e non tivo máis remedio que regresar ao seu Mondoñedo natal. Arranca aquí unha terceira etapa, que se converte no rexurdir do escritor lucense e da que sae unha das súas grandes obras, Merlín e Familia (1954). “En dez anos escribiu algunhas das que se consideran as grandes obras da literatura europea”, sinalou Freixanes. Tamén daquela comezaron as súas colaboracións con La Voz de Galicia e Faro de Vigo, e deste último asume a dirección ata 1970. A última das fases nas que o escritor galego divide a biografía de Cunqueiro corresponde aos últimos anos de vida de Cunqueiro, nos que “acadou o recoñecemento” colaborando con revistas e xornais de todo o mundo. (…)” Vía La Opinión.
Arquivos da etiqueta: Víctor F. Freixanes
Vigo: actividades do martes 5 na Feira do Libro
Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.
As actividades máis destacadas do martes 5 son as seguintes:
– 19:30 h. O escritor Manuel Portas fará a presentación do seu libro Un dedo manchado de tinta, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Xunto co autor, participarán no acto Manuel Bragado e o Grupo Loaira.
– 20:00 h. O escritor Miguel Anxo Fernández asinará exemplares do seu libro Lume de cobiza, publicado por Editorial Galaxia.
– 20:30 h. O escritor Francisco Castro presentará o seu libro In vino veritas, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e o músico Anxo Pintos.
Xulia Alonso gaña o Premio San Clemente en lingua galega, por Futuro imperfecto
“O primeiro libro de Xulia Alonso Díaz, Futuro imperfecto, resultou gañador da XVII edición do Premio Arcebispo Juan de San Clemente en lingua galega. Os outros finalistas foran Denso recendo a salgado, de Manuel Portas, e Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes. En castelán a novela gañadora foi Riña de gatos, de Eduardo Mendoza, e en lingua estranxeira Brooklin, de Colm Tóibin. Organizado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, o Premio está dotado con 9.000 euros e recoñece a mellor novela do ano en cada modalidade, elixida por alumnos de Bacharelato deste e doutos catro institutos galegos. A edición deste ano contou ademais cun instituto portugués e outro de Madrid.” Vía Galaxia.
Santiago: presentación audiovisual de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O mércores 22 de xuño, ás 20:30 horas, no hotel AC Palacio do Carme de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación audiovisual de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto participan, co autor, Ángel de la Cruz e Víctor F. Freixanes.
A Coruña: presentación do número 189 da revista Grial
O luns 6 de maio, ás 13:00 horas, na Sala de Prensa da Reitoría da Universidade da Coruña (Maestranza, 9), preséntase o número 189 da revista Grial, titulado Valar o común?, publicada en Galaxia. No acto participan Víctor F. Freixanes, Carlos Fernández, coordinador do número, e Carlos Amoedo, profesor de Dereito Administrativo na Universidade da Coruña, e colaborador deste número.
A Coruña: Festa do Libro, actividades do venres 13 de maio
Comeza unha nova edición da FESTA DO LIBRO, do venres 13 ao martes 17 de maio nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, organizada pola Concellaría de Cultura e a Agrupación de Libreiros da cidade, con horarios de 11:30 a 14:00 e de 17:30 a 21:30 horas. Este é o programa de actividades para o venres 13: PROGRAMA ACTIVIDADES FESTA DO LIBRO MAIO 2011:
* Venres 13:
– 11:30 h.- Inauguración da Festa do Libro.
– 18:00 h.- Presentación do DVD Lois Pereiro realizado polo alumnado do IES Urbano Lugrís e coordinado por Xulia Rodríguez Abella. No Kiosco Alfonso.
– 18:00 h.- Sinatura por parte de Mercedes Queixas Zas dos libros Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, publicado en Laiovento, e Vivir, aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, publicado en Galaxia. No posto das Bibliotecas Municipais.
– 19:00 h.- Presentación do libro Futuro imperfecto, de Xulia Alonso. Participan Víctor F. Freixanes, Fran P. Lorenzo, Elena Pernas e a propia autora. No Kiosco Alfonso.
– 20:00 h.- Presentación do libro de Antón Patiño Lois Pereiro. Radiografía do abismo, publicado en Espiral Maior. Conferencia do autor e proxección de imaxes sobre a figura de Lois Pereiro. Intervirá, co autor, Miguel Anxo Fernán Vello. No Kiosco Alfonso.
A Coruña: Encontro Cen anos con Cunqueiro da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, do 13 ao 15 de xullo
A Universidade Internacional Menéndez y Pelayo organiza o Encontro Cen anos con Cunqueiro, que se celebra do mércores 13 ao venres 15 de xullo na Coruña. Para información, matrículas e bolsas, os interesados pódense dirixir á Secretaría de Alumnos do UIMP (Rúa San Francisco, s/n. Fundación Luís Seoane, 2º andar), 15001, da Coruña (teléfono 981-140830, fax 981-140825, correo electrónico: galiciasa@uimp.es). O importe da matrícula será de 129 euros (para o alumnado universitario haberá unha redución do 50%). Estará dirixido por Carlos González Reigosa, tendo como secretaria a Clara García Folgueira.
“Hai cen anos que naceu en Mondoñedo (Lugo) o escritor Álvaro Cunqueiro, autor dunha obra que retrata con incomparable riqueza toda a maxia e a realidade da súa terra e, á vez, do Ocidente que a contén. Ningún outro escritor soubo mostrar como el, en creacións certeiras e case sempre poéticas, a alma de Galicia, mediante un xogo de espellos culturais que, paradoxalmente, atinan a reflectir o menos visible, e, á vez, o máis profundo do noso ser. Os seus poemas, novelas, pezas dramáticas e artigos teñen en común unha visión poliédrica que, literariamente ensamblada, nos ofrece un mundo propio paradoxalmente moito máis verdadeiro e completo -e tamén máis revelador e máis desvelado- que o que comunmente temos por real.”
O programa está formado por:
* Mércores 13:
– 10:00 h. Introducción á vida e obra de Cunqueiro, por Carlos G. Reigosa.
– 12:00 h. Álvaro Cunqueiro en mi experiencia literaria, por Luis Mateo Díez.
– 17:00 h. La poesía de Cunqueiro, por César Antonio Molina.
* Xoves 14:
– 10:00 h. Álvaro Cunqueiro, un escritor nos xornais, por Víctor F. Freixanes.
– 12:00 h. El humor en la obra de Cunqueiro, por Marina Mayoral.
– 17:00 h. Álvaro Cunqueiro e o teatro; por Inmaculada López Silva.
* Venres 15:
– 10:00 h. Álvaro Cunqueiro, narrador, por Dolores Vilavedra Fernández.
– 12:00 h. Cunqueiro e familia: a cociña e outras estancias, por Domingo Villar.
– 17:00 h. Poética e poesía de Álvaro Cunqueiro, por Arcadio López Casanova.
Freixanes: “A grande épica dos galegos sodes vós” (anuncia Mar Maior, o selo de Galaxia no exterior)
“(…) Antes de lle deixar paso á presentación multimedia, o editor [Víctor Freixanes] anunciou a creación dun selo co que Galaxia vai capitalizar a presenza mundial dos galegos e galegas da emigración: “Mar Maior é un proxecto no que dende a editorial vimos traballando dende hai tempo. Trátase dun selo editorial que proxectará a cultura galega e Galicia a través da rede social dos galegos no mundo”, explicou.
Freixanes lembrou que “a Galicia exterior existe” e engadiu que “debemos saber aproveitala para construír as nosas plataformas de difusión. Unha cultura que non é quen de estar presente no mundo da globalización, en diálogo coas outras culturas desenvolvidas, é unha cultura con problemas, e a cultura galega ten cartas para xogar nesta partida (…)”.
A nova completa pode verse aquí.
Bos Aires: presentación de O libro das Seniguais e do único Senigual, de María Rosa Lojo
O luns 25 de abril, ás 20:30 h., na Sala Alfonsina Storni, na Feira do Libro de Bos Aires, preséntase O libro das Seniguais e do único Senigual, de María Rosa Lojo, publicado en Galaxia. No acto participan a propia autora, a ilustradora Leonor Beuter e Víctor F. Freixanes. Ademais, contará coa participación do músico Alfredo Beuter.
Santiago: presentación de Proceso e encarceramento de Ramón Piñeiro, de Xosé Manuel Dasilva
O mércores 13 de abril, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, Xosé Manuel Dasilva presenta o seu estudo sobre o Proceso e encarceramento de Ramón Piñeiro, publicado en Galaxia. Estará acompañado por Víctor F. Freixanes, Xesús Alonso Montero e Miguel Barros. Crónica posterior en Xornal.