Xoán Costa: “Carvalho Calero é unha personalidade central do século XX galego”

Entrevista a Xoán Costa en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Este sábado sae do prelo un número de Sermos Galiza moi especial. Con máis páxinas das habituais (48), unha gran tirada de 4.000 exemplares e convertido nun monográfico sobre don Ricardo Carvalho Calero. Vostede está a cargo da coordinación, cal é a intención da publicación?
– Xoán Costa (XC): Ofrécese coa intención de que unha cantidade suficiente de exemplares, nestas circunstancias de incertezas, poida achegar ás lectoras e lectores unha información especial sobre Carvalho, independentemente de se a Real Academia decide prolongar ou non o ano Carvalho.
– ND: Dentro deste semanario rexístranse oito colaboracións distintas, protagonizadas por nomes como María Pilar García Negro, Aurora Marco, Francisco Rodríguez ou Margarida e María Victoria, fillas de Carvalho Calero. Cada unha afonda nun dos distintos eidos que conformaban a súa poliédrica personalidade, no Carvalho profesor, lingüista, poeta, pai… Queda algunha faceta por tocar neste suplemento?
– XC: Con certeza. Neste suplemento o que intentamos é ofrecer aqueles aspectos que son máis configuradores, por dicilo dalgunha maneira, da personalidade de Carvalho Calero. Uns desde o punto de vista da súa actividade social e política, como pode ser o texto de Aurora Marco; outros desde un punto de vista máis globalizante, como pode ser o texto de María Pilar García Negro, onde se ofrecen unha serie de razóns que xustifican a aproximación á obra de Carvalho con independencia de que se celebrase ou non o Día das Letras, pois estamos ante unha personalidade central do século XX galego.
E logo hai outros temas que inciden en aspectos máis ou menos coñecidos da obra ou a personalidade de Carvalho Calero, como poden ser o artigo de Freixeiro Mato, que afonda no debate entre reintegracionismo ou non reintegracionismo; ou o texto de Pilar Pallarés, que bota luz sobre a importancia da poesía de Carvalho Calero, tendo en conta que ademais el se consideraba a si mesmo predominantemente como un poeta. Sen esquecernos das dúas entrevistas coas súas fillas, Margarida e María Victoria, que nos ofrecen unha perspectiva máis familiar sobre o que se facía dentro da casa, pero que tiña a súa proxección fóra.
– ND: Resultou moi complicado o exercicio de condensación de todas esas facetas en 48 páxinas?
– XC: Nesas 48 páxinas só recollemos algunhas das facetas de Carvalho, que complementan o esforzo que está facendo Nós Diario cada día con esa dupla páxina da sección de Cultura, que durante o mes de maio segue afondando noutros aspectos da obra de Carvalho Calero que non están recollidos no semanario porque había que pór un coto, pero que realmente calquera deses traballos que están aí poderían figurar neste Sermos Galiza. Sen esquecermos unha novidade absoluta en todo o mundo editorial galego, centrar as páxinas de lecer, os pasatempos, na figura de Carvalho Calero. Entón eu diría todo conforma unha unidade, por moito que a parte máis visíbel sexa a que sae publicada este sábado e que leva por título Carvalho Calero: Vivir con autenticidade.
– ND: Precisamente no artigo de presentación do semanario, asinado por vostede mesmo, reflicte unha anécdota de cando Carvalho Calero acepta o posto de catedrático, que el define como “unha aventura tardía impropia dos meus anos”. Esta homenaxe por parte xa non só da Real Academia Galega, senón de todo o mundo da cultura deste país, chega tamén tardiamente ou, como se adoita dicir, mellor tarde que nunca?
– XC: Si, chegou tardiamente. O máis vale tarde que nunca non é unha boa opción. Nunhas circunstancias normais, posibelmente tivese recibido esta homenaxe nun período que podería ter sido moito antes ao longo destes últimos 20 anos. Foron circunstancias moi alleas ao que é a súa obra, a súa produción, incluso a súa vida e o seu compromiso coa Galiza as que impediron que se puidese dar antes, e aínda por enriba engádeselle estas circunstancias tan especiais que estamos a vivir que impiden que se lle renda plena homenaxe. Como se dicía nun editorial de Nós Diario facendo unha comparación cos partidos de fútbol que se suspenden por calquera circunstancia que impida o normal desenvolvemento do mesmo, logo retómanse no punto en que foron interrompidos. Xa que logo, consideramos que o ano Carvalho debería continuar cando as circunstancias o permitan.”

Ferrol: Imaxe e identidade no ciclo No tempo das Irmandades

O sábado 29 de outubro, ás 12:00 horas, no Real Coro Toxos e Froles (Rúa Magdalena, 220), en Ferrol, terá lugar a mesa de debate Imaxe e identidade, coa que a Real Academia Galega continúa o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.
Modera: Xesús Ferro Ruibal.
Relatores:
– Pepe Barro. De Céltiga a Zeltia, con Ferrol na orixe.
Siro López. Pequenas historias nas Irmandades ferrolás.
– Victoria Carballo Calero. Na busca de imaxes identificativas de galeguidade.

ciclo-no-tempo-das-irmandades-2016-1ciclo-no-tempo-das-irmandades-2016-2