Entrevista de Daniel Fernández a Xurxo Souto en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VNC): Contos do mar de Irlanda trata de historias de vida da xente. Entre todas as que recolles, destacarías algunha en concreto?
– Xurxo Souto (XS): É difícil porque o libro componse de 55 historias. Unha historia que me asombrou foi a dos gaiteiros do mar, levar un gaiteiro no barco era un privilexio, tocaba nos momentos de temporal. Eu coñecín a tres mariñeiros de Aldán que gravaron un LP no Gran Sol. Se escoitas a cinta óese o mar e o bruar do barco de fondo.
Tamén están os poetas do mar. Era un mundo violento e duro e pode parecer que non había lugar para ambicións estéticas. Pero hai. Por exemplo o poeta mariño Xosé Iglesias é a proba maior, ou o patrón de Os Castros, Serafín Mourelle, que cando volvía para casa e había bo tempo, pedía ao segundo apagar as luces para ver as estrelas.
E os pintores do mar como, Ksal, un maquinista que navegou en Terranova. Hai que ser moi artista para pintar a bordo co barco movéndose entre o xeo e o temporal. (…)
– VNC: Cales foron as túas fontes de información para recoller todas estas historias?
– XS: Dende pequeniño eu tiña esta querenza de saber que pasaba, subía a Torre de Hércules e preguntábame que pasaba máis alá. Comecei a preguntar a mariñeiros e patróns, tamén na radio, en Radio Coruña.
A guinda foi, cando fai seis anos presentouse na UDC a segunda edición de The second Spanish Armada, de Michael J. Carrol. Este é un libro que conta a visión dos galegos dende o outro lado. A partir de aí trabei amizade con el, visiteino na súa casa e atopei cousas das que aquí non había memoria, porén, si que se coñecían no fondo dunha ría irlandesa.
A zona do sur de Irlanda é unha das zonas máis deprimidas do país e a chegada dos pesqueiros galegos deu moita vida a eses portos. Houbo moito cariño e unha relación moi intensa. (…)”
Arquivos da etiqueta: Vivir na Coruña
Xosé Iglesias: “Todo mariñeiro leva un poeta dentro”
Entrevista a Xosé Iglesias en Vivir na Coruña:
“(…) El sempre sentiu o pulo de escribir. “Gañei algún concurso no instituto pero deixeino”. Non foi ata hai tres anos, despois de participar nun obradoiro da Asociación Escritoras e Escritores en Lingua Galega, adicado ao mar e á figura de Urbano Lugrís e impartido por Xurxo Souto, cando decide facer caso a esa necesidade interior. “Mandábanos deberes para escribir, foi o momento clave para comezar a sacar para fóra isto que había moito tempo que quería sacar”. Dende entón escribe, inspirado polo variable Mar Ártabro, ben sexa no móvil ou nun dos cadernos que ten pola cabina do seu barco. Así naceu Transfusión Oceánica (Caldeirón, 2014), o seu primeiro libro, composto por 36 poemas, acompañados doutras tantas ilustracións de Roberto Castro Iglesias. Nel, Xosé fala da metamorfose de home en barco, con versos como “as miñas costelas son cadernas/ e todo en min forma un esqueleto naval”. O poemario divídese en tres partes, etapas da vida de Xosé: Gran Sol, Lobos de Mar e Baixura. Mentres o escoitamos falar, imos saíndo pouco a pouco do refuxio do porto de Oza, navegando no seu barco, deixando a Boia do Chino a estribor e a Pedra das Ánimas a babor. Seguimos ao ralentí, que “o motor dun barco é coma unha muller, non hai que aceleralo”. (…)”
Xulio Pardo de Neyra: “Eu estaría moi honrado de que quen lese a miña novela se correse”
Entrevista a Xulio Pardo de Neyra en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VNC): Que tipo de historia atopará o lector ou lectora en Intensa e quente é a túa humidade azul?
– Xulio Pardo de Neyra (XPN): O lector, e a lectora por suposto, atopará unha historia de amor, unha desas historias de amor sen límites e condicionantes que, tal vez, sexa bastante difícil de atopar na vida real. Mais en todo caso, quen se achegue á novela vai atopar esa maxia intensa que só se desprende dunha relación intensa, dun mundo que bebe, que aspira e que se refai na intensidade azul dunha fartura física absoluta.
– VNC: Cualificas o libro como a primeira novela porno en galego. Cal é para ti a fronteira entre erotismo e pornografía?
– XPN: Para min, como para outros e outras investigadoras, o pornográfico, lonxe do rastreiro e do simple, é a maxia do explícito, mentres que o erotismo afunde na suxestión. Por tanto xulgo que a precitada fronteira estriba na forza do diáfano, da claridade.
– VNC: De onde te inspiras para crear os momentos sexuais da novela? Fantasías persoais, historias que che contan, momentos vividos…
– XPN: Hai de todo. As persoas somos fantasía e experiencias, e sobre todo cando nos achegamos á creación. Os momentos sexuais da novela proceden de variados ámbitos, da miña propia imaxinación e fantasías, de experiencias artísticas, en concreto literarias, e por suposto da miña vida real. (…)
– VNC: Nos teus doutorados, porque tes máis de un, abordas a temática cabaleiresca e a da Dama do Lago ou das augas, un elemento directamente relacionado coa fertilidade e sexualidade. Estas influído por este pouso?
– XPN: Si, claro. A miña faceta de investigador enche a miña vida por completo, e o asunto da forza da mitoloxía feminina da auga é algo que, amais de xulgar apaixonante, inflúe e influíu moito na miña escrita de creación. Na novela, ademais, fago un chisco de ollo tanto á miña propia actividade investigadora académica como, por outra parte, ao misterio da muller en chave ideolóxica relixioso-católica: non en van, nela fanse non poucas alusións á figura da María Madalena. (…)”
Eva Veiga: “A palabra permite conceptualizar a emoción”
Entrevista a Eva Veiga en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VnC): Eva, que é para ti a poesía? Que importancia pode ter para unha persoa, ou para a sociedade, como elemento de axuda?
– Eva Veiga (EV): Para min a poesía é unha arte e, como toda arte, é o modo de transformar a realidade dende un punto de vista da consciencia. Pero coido que a palabra ten algo que non teñen outras artes, que é a conceptualización. Ademais do sensible e o emocional, que é esencial, tamén está a capacidade de converter en concepto un pensamento ou emoción.
Concordo coas palabras de Octavio Paz nas que di que: “a historia ofrécenos a documentación do que se vive, pero a verdade é outra”, e a verdade vennos dada pola poesía. Ela expresa as emocións e sentimentos dun grupo humano, pero por riba disto danos a palabra en liberdade. Isto é para min o esencial. A poesía é fundamental a nivel social, universal, ten unha función crítica e fainos máis libres. Ao mesmo tempo tamén serve para establecer un vínculo afectivo co mundo xa que a poesía non existe sen emoción, ten que ser un golpe emocional que produza movementos tectónicos dentro.
Por outro lado a poesía tamén ten un valor terapéutico. Axuda a expresar o que un sente, ou o que non sabe que sente. Aquilo que está agochado. Axúdache a obxectivar o que tes dentro. Pensas que pensas, ou pensas que sentes, pero cando escribes decátaste da cantidade de sentimentos embarullados que hai no teu interior. A escrita axuda a poñer en orde isto. Axúdame a coñecerme a min mesma e a transformarme. A ir máis aló da palabras que conforman o imaxinario da nosa realidade e, quizais, transformar o meu mundo.
– VNC: Cal é a relación do poeta co lector?
– EV: A palabra debe ter visión prismática. Un bo poema ten que ter sempre un significado polisémico e a palabra non se cingue a unha lóxica determinada. Ao lector se lle dan algo rematado de sentido non ten nada que facer. O propio poema danos a posibilidade como lectores de reescribir ese poema. A ambición máis grande do escritor non é o propio libro que escribe, senón o libro que escribe con cada un dos seus lectores, que será distinto. (…)”
Dores Tembrás: “O silencio permite que a palabra se escoite, se lea, se diga”
Entrevista a Dores Tembrás en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VNC): Na poesía, ao igual que na música, o silencio é tamén parte esencial. Que papel xoga para ti o silencio nos teus poemas?
– Dores Tembrás (DT): O silencio é chave fundamental para min, como lectora e tamén como escritora. O silencio como orixe da palabra, un silencio activo, promesa. O que permite que a palabra se escoite, se lea, se diga. Como di Valente o poema conteno como material natural. Ouvir no poema, antes que a súa palabra, o seu silencio.
– VNC: Que significa para ti levar o Premio de Poesía do Concello de Carral por Cronoloxía da urxencia?
– DT: A concesión do premio foi un verdadeiro agasallo. Pero fun moi consciente de que tamén era unha lotería. Sentínme moi afortunada e feliz pola obra. Por saber que se publicaría en Espiral Maior. E no concello miman moito o certame, foi un pracer estar en contacto con todo o equipo de cultura.
– VNC: Por que ese título?
– DT: É un verso incluido nun dos textos que abre o poemario. Reunía todo o que me interesaba: presentar o libro ao lector de forma directa e breve, falarlle dos tempos da urxencia sen desvelar de máis. (…)”
Manuel Álvarez Torneiro: “Hai que escribir máis coa cabeza que co corazón, deixar arrefriar as cousas”
Entrevista a Manuel Álvarez Torneiro en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VNC): Vivir na Coruña Tardaches moito en publicar -pasados os 50 anos- pero en pouco tempo fuches quen de artellar unha obra moi ampla, con moitos títulos e moi persoal…
– Manuel Álvarez Torneiro (MAT): Si que tardei, tanto que eu pensei que xa non publicaba, que quedaría todo no silencio absoluto. Pero unha cousa é escribir e outra publicar. Se non publicas parece que non traballas, escribes e metes no caixón. Cando eu comecei a publicar abrín o caixón, miraba o que valía e o que non. Non todo o que fas é bo, eu teño moito poema feito que non me atrevería a publicar. Hai que escribir máis coa cabeza que co corazón, deixar arrefriar as cousas. A min interesábame publicar por non desperdiciar o traballo que tiña feito, tiña ganas de dicir algo. Presenteime a premios de poesía como o Esquío ou os Premios de Poesía Miguel González Garcés -gañou ambos en dúas ocasións- máis que pola recompensa en metálico, porque a obra do gañador sería publicada. E así foron saíndo os libros. Non chamei ás portas de ningunha editorial. (…)
– VNC: Música e poesía adoitan ter unha relación moi íntima na túa obra, e esta non é menos…
– MAT: Para min a música é todo. A arte das artes. Pero é curioso que nunca escribo escoitando música, téñoa gravada dentro de min. Neste sentido son moi selectivo, amigo do clásico, Schubert que é un constante na miña obra, Mozart, Beethoven…
– VNC: Os teus versos son claros, abertos, pero ao tempo profundos. Cales foron as túas referencias?
– MAT: Mira, hai xente que ten a menos as influencias que ten. Paréceme unha falta de humildade tremenda. O que hai que ter é influencias boas, non malas. Eu bebín moito de Pablo Neruda, é meu mestre, el foi quen me destetou e mostrou o que era a poesía. Tamén de César Vallejo aprendín moitísimo. Non podemos esquecer tampouco os clásicos, non se pode saltar o baleiro sen máis, deles aprendín a expresión, a medida do verso, a profundidade, a transcendencia que pode ter un poema… A xeración poética do 27 foi magnífica. Todos estes autores chegábanme porque falaban do meu tempo, do meu entorno e da realidade que eu vivía. (…)”