Xabier Maceiras: “Eu entendo que Arteixo está medrando e a xente estase indo e con ela a memoria”

Entrevista a Xabier Maceiras en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Cal é o obxectivo que se marca con este novo libro [Crónicas de Arteixo II]?
– Xabier Maceiras (XM): Realmente non me marco ningún obxectivo. O obxectivo é co blog. Crónicas de Arteixo II é un fillo do blog, igual que foi Crónicas de Arteixo I. O obxectivo que me marco co blog é encontrar historias e a seguir recuperando a memoria. O blog fixo seis anos en setembro. Procuro facer unha publicación semanal. Desde setembro de 2014 o blog tivo o seu primeiro fillo. En 2017 con 38 historias que publicaramos no blog. En 2020 volve con 50 historias. Fixeron unha viaxe da rede ao papel.
– LO: Curiosamente fai o recorrido inverso do habitual, vai da rede ao papel e non de papel á rede.
– XM: Efectivamente. Primeiro é o blog e logo o papel. Eu entendo que o papel para moita xente que mo demanda e así mo fixeron saber.
– LO: Crónicas de Arteixo I que acollida tivo?
– XM: Moi boa. De feito co tirón de Crónicas II houbo xente que me preguntou por Crónicas I.
– LO: Cre que se estas historias non as plasmase nun libro se poderían perder co paso do tempo?
– XM: Seguramente algunha si. O libro empeza en O Reiro con fotos atopadas. As historias máis recentes son coas que máis disfruto, con xente que viviu o Arteixo dos 50, 60 e os 70. Eu entendo que Arteixo está medrando e a xente estase indo e con ela a memoria. Para algunhas historias chegamos a tempo para recuperalas.
– LO: Por iso é tan importante recuperar a memoria.
– XM: Eu teño a fortuna de ter amigos e coñecidos. Falo de xente maior, pero non vai vivir eternamente.
– LO: Gustaríalle ter vivido estas historias que conta no libro do Arteixo de hai 50 anos?
– XM: O mundo actual no que vivimos, de présas, non me gusta. Non me gusta o ritmo de vida que levamos. Entón, si que me gustaría facer unha viaxe no tempo. Se cadra para ver como era a miña vida na infancia, onde había máis socialización. Hoxe está cada un ao seu. Eu teño esa necesidade vital de socializar. (…)”

Carballo: actividades destacadas do 13 e 14 de xullo na Praza dos Libros 2019

Finaliza a edición de 2019 da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 11 ao 14 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para este fin de semana, destacamos os seguintes:

Sábado 13
11:00 h. Un paseo entre viñetas, obradoiro de iniciación á banda deseñada a cargo de Manel Cráneo. Prazas limitadas.
11:30 h. Presentación de Diario sen datas dunha aborixe galega, de Diana Varela Puñal, publicado por Laiovento. Presentada por Fernando Cabezas Quiles.
12:30 h. Concerto-presentación do libro-disco Cores, contos e Rock’N’Roll, de Pakolas, publicado por Kalandraka. Coa colaboración de Laura Romero.
19:30 h. Sinatura de libros a cargo de Alberto Varela Ferreiro (Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia, Xerais); Xan Fraga (Carballo na memoria, Phottic/Galaxia); e Isabel Villanueva (O galego mola, Hércules).
20:00 h. Sinatura de libros a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz e Laura Tova (Música no faiado, Xerais); Fernando Calvo Trincado (O vello dos chupetes, Círculo Rojo); e Xabier Maceiras (Antoloxía das Confidencias de Picadillo).

Domingo 14
11:00 h. Presentación de Nas cortinas do tempo, de José Antonio Andrade, publicado por Embora. Acompañado por Santiago Pazos e Xosé Manuel Varela.
12:00 h. Manuel Rivas presenta Contra todo isto e Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, publicados por Xerais. Participa, xunto ao autor, Xosé Ameixeiras.
13:00 h. Sesión vermú con Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado): Cría fama e bótate a correr.
18:30 h. Concerto-presentación do libro-disco As viaxes de Paio e Aurelio, de Oviravai, publicado por Galaxia.
20:00 h. Presentación de As ramonas, de Ana Cabaleiro, publicado por Galaxia. Participa xunto á autora Mercedes Queixas.
21:00 h. Presentación de Un peixe no parqué, de Ramón Vilar Landeira, publicado por Xerais. Participa Xurxo Chapela.

Arteixo: Roteiro poético pola Costa de Arteixo con Xabier Maceiras e as Bibliotecas, o 30 de xuño

“O vindeiro domingo día 30 de xuño, a Rede Municipal de Bibliotecas e o escritor arteixán Xabier Maceiras, organizan un roteiro poético literario polo paseo marítimo da costa arteixá. Esta é unha máis das actividades que vos ofrecemos para festexar o 30 aniversario de Bibliotecas en Arteixo.
A saída será as 11 da mañá desde a praia de Sabón, no arranque do paseo, e no percorrido Xabier Maceiras contará algunhas historias do mar arteixán, falará de lendas que dan nome a varios topónimos do litoral de Arteixo, e dará lectura a algúns textos nos que autores como Eduardo Pondal, Eugenio Carré ou, entre outros, o arteixán Antón Castro, mencionan esta parte do Atlántico.
Este percorrido ou roteiro finalizará na praia de Valcobo polo que é importante que sepades que haberá que volver polos nosos medios ou sobre os nosos pasos, ata o punto de partida.

A liña vermella indica o roteiro do vindeiro domingo día 30 de xuño.

Para saber máis cousas das historias do noso litoral da man da literatura e sobre todo, da paisaxe que nos ofrece o noso concello xunto a Xabier Maceiras, debes anotarte na Biblioteca Central “Henrique Rabuñal” de Arteixo, chamando ao teléfono 981 659108 ou por correo electrónico en biblioteca@arteixo.org. Se precisas aclaracións tamén podes usar estas vías de contacto que che ofrecemos para inscrición.”