Arquivos da etiqueta: Xesús M. Sambade Soneira
Noelia Gómez Calvo gaña o V Premio de Poesía Gonzalo López Abente
Muxía: acto de entrega do IV Premio de poesía Gonzalo López Abente
Eli Ríos gaña o IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente
“Reunido o xurado do IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente, composto polos poetas Miro Villar, Serxio Iglesias e polo secretario da Fundación Gonzalo López Abente, Suso Sambade Soneira, con función de secretario e membro activo na deliberación do IV Premio de Poesía. O xurado determina que o premio deste ano 2017 é outorgado por unanimidade ao poemario que leva por título CULPABLE co lema Gita Gogóia, obra da que é autora Eli Ríos (Elisabeth Ríos Liste).
O xurado salienta que a obra é unha lúcida reflexión metapoética que cuestiona a enunciación do eu lírico, mesmo avogando pola súa anulación, e tamén a propia linguaxe, a través dunha complexa estrutura de verso longo e con pegadas de rupturismo e experimentación contracultural e vangardista.
– Valoramos a proposta poética que é moi arriscada, tanto no aspecto formal como de contido.
– O poemario achega unha deconstrución do verso ao tempo que se ofrece unha hibridación de xéneros, no que a poesía se transmuta en narrativa, dramaturxia ou ensaio lírico.
– Consideramos atinada a inclusión de elementos de cultura popular contemporánea.
Salientar tamén que neste IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente houbo unha alta participación, con media ducia de poemarios, dos que non se fan públicos os títulos, que o xurado considera que deberían ser publicados.
Costa da Morte 26 de xullo de 2017″
A Coruña: presentación da Fundación Gonzalo López Abente
O venres 20 de xuño, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase a Fundación Gonzalo López Abente. No acto participan Miguel Mato, Suso Sambade e Xosé Henrique Rivadulla Corcón.
A Coruña: actividades destacadas do sábado 4 na Feira do Libro
Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do sábado 4 de agosto son:
– 20:00 h.: Presentación De Xente Nova a Brais Pinto, de Xosé Fernández Ferreiro, publicado en Xerais. Participan: Manuel Bragado e o autor.
– 20:45 h.: Presentación de A derrota de Galicia, de Antón Baamonde, publicado en Xerais. Participan: Fermín Bouza, Manuel Bragado e o autor.
– 21:15 h.: Presentación de A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, publicado en Xerais. Participan: Suso Sambade, X. H. Rivadulla Corcón e Manuel Bragado.
Muxía: presentación de A narrativa mariña de Gonzalo López Abente
O sábado 26 de maio, ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal de Muxía, preséntase o libro A narrativa mariña de Gonzalo López Abente, publicado en Xerais con edición de Xesús Sambade. No acto participan, xunto ao editor, Félix Porto, Manuel Bragado e Ramón Nicolás.
Muxía: actos arredor do Día das Letras Galegas
A Fundación López Abente organiza os seguintes actos arredor do Día das Letras Galegas:
– Xoves 17 de maio. A partir das 12:00 horas: Homenaxe a López Abente. Os actos comezarán cunha ofrenda floral diante do monumento ao poeta, acompañada das intervencións de Félix Porto e Xesús Sambade. Logo X. H. Rivadulla Corcón lerá un texto de Abente sobre a lingua galega. A continuación os participantes desprazaranse ata a casa na que viviu López Abente, para inaugurar unha lousa conmemorativa, coa intervención de Xan Fernández e lectura de poema a cargo de Viki Rivadulla; finalmente os actos continuarán no Cabo da Grixa, lugar de nacemento do poeta muxián; alí descobrerase unha placa co texto no que o propio Abente fai mención ao seu nacemento neste lugar da vila. Intervirán no peche dos actos Manuel Vilar e Rosalía Fernández Rial, facendo a lectura do poema dedicado ao cruceiro do Cabo da Grixa.
– Venres 18 de maio, ás 18:45 horas: na Biblioteca Municipal de Muxía, presentación do libro Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, de Xan Fernández e Rosalía Fernández Rial.
Continúa a recuperación da obra literaria de Gonzalo López Abente
“Con só un ano de actividade, a Fundación Gonzalo López Abente está a lograr unha visibilidade inédita da obra deste escritor muxián. Deste xeito, a entidade acaba de anunciar que asinou a un acordo coa editora Espiral Maior para tirar do prelo a poesía completa deste autor en 2013, a coincidir co 50 seu cabodano. A edición farase na colección Ópera Omnia e será coordinada por Miro Villar. Xa este mesmo ano, Xerais publicará A narrativa mariña de Gonzalo López Abente, un volume que recolle seis relatos do escritor canda a un estudio de Xesús Sambade. Estas publicacións súmanse aos do poemario Bretemada, que da man de Alvarellos é finalista aos Premios da Edición deste ano.” Vía Cultura Galega.
Un libro inédito de Gonzalo López Abente chegará ás librerías o próximo mes
“A Fundación López Abente e a editorial Alvarellos porán nas librerías Bretemada, un poemario inédito do escritor muxián Gonzalo López Abente. Trátase dunha obra escrita en 1922 e que, por causas que se descoñecen, o autor non chegou a editar en vida. O manuscrito gardábase na Real Academia Galega, que permitiu o acceso ao documento para a realización dunha edición a cargo de Miro Villar e cun prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG. A obra será presentada en Muxía a mediados do mes próximo. En outubro chegará tamén ás librerías. Ademais, antes de que finalice o ano, sairá á luz a reedición de seis novelas curtas do mesmo autor, impulsada tamén pola fundación que leva o seu nome. Baixo o título A narrativa mariña de López Abente, agrúpanse seis relatos que, cun estudo introdutorio de Suso Sambade, porá nas librerías a editorial Xerais recuperando obras hoxe descatalogadas.” Vía La Voz de Galicia.