Entrevista a Xosé Carlos Caneiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que reunir textos tan diversos [A máscara de Ulises]?
– Xosé Carlos Caneiro (XCC): Hai dous motivos, o primeiro é xuntar a narrativa breve que fun facendo e ver como encaixa. O outro é que moitos deses textos corrían o perigo de perderse se non acaban nun libro.
– LVG: ¿Que encontrou ao colocalos xuntos nun volume?
– XCC: O primeiro foi unha evolución estilística. Hai unha gran diferenza de xeito de escribir aínda que os argumentos sobre os que escribo vanse mantendo: personaxes límite que viven en situacións límite. No libro evitei a orde cronolóxica para situar os relatos porque quería esa mestura de épocas e de estilos. (…)
– LVG: ¿Cales son os cambios?
– XCC: Estou escribindo con menos adxectivos, con menos cualificativos. Creo que é unha escrita menos barroca, máis simple. Facendo un pouco de autocrítica diría que a miña literatura anterior tiña ouropel de máis. No que estou traballando agora é en eliminar ese exceso. Pero non é fácil.
– LVG: A súa relación cos lectores ou co mundo cultural parece difícil. ¿Por que cre que é así?
– XCC: É unha relación de amor e odio. Hai xente que me quere ben e xente que me desquere moi ben. Como se non houbera termo medio. Pasa tanto cos libros como cos artigos. Co mundo cultural pásame igual, tamén é de amor e odio. Pero xa o teño asumido, parece que ten que ser así e non me preocupa.”
Arquivos da etiqueta: Xosé Carlos Caneiro
Ourense: actividades literarias destacadas do sábado 8 e domingo 9 na Feira do Libro
O sábado 8 e domingo 9 de xuño remata a edición de 2013 da Feira do Libro de Ourense (na Alameda, de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:
Sábado 8
– 13:00 h. As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os títeres galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de títeres galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde. Presentación do libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
– 19:00 h. Teatro Antroido representa Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, charla posta en escena entre a actriz Laura Ponte e o dramaturgo e fillo do autor, Roi Vidal Ponte.
– 20:00 h. Presentación do libro A máscara de Ulises, de Xosé Carlos Caneiro, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participará no acto Víctor Freixanes, director da editorial.
Domingo 9
– 20:00 h. Presentación do poemario Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado por Redelibros.
– 20:30 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado por Redelibros.
A partir das 19:00 horas, os autores asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.
Santiago: concerto-recital de Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa
O xoves 21 de marzo, ás 19:00 horas, no Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, terá lugar o espectáculo poético-musical Despois de ti, a chuvia, baseado no libro homónimo de Xosé Carlos Caneiro, coa presenza do autor e os músicos Emilio Rúa e José Gayoso.
Ourense: recital-concerto Despois de ti, a chuvia, de Xosé Carlos Caneiro
O martes 31 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Teatro Principal de Ourense, terá lugar a presentación do libro-disco Despois de ti, a chuvia, de Xosé Carlos Caneiro, publicado en Galaxia, coa participación musical de Emilio Rúa.
Xosé Carlos Caneiro: “A literatura existe porque primeiro foi poesía cantada”
Entrevista a Xosé Carlos Caneiro en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): Neste libro [Despois de ti, a chuvia] reivindícase como poeta fronte aos que o sitúan só como prosista.
– Xosé Carlos Caneiro (XCC): É que eu son poeta. Os meus inicios na literatura foron na poesía. Levo, ademais, 25 anos facendo recitais poéticos en todo o país, en España e en Europa, mesmo en América. Eu síntome poeta, outra cousa é como me vexan os críticos literarios.
– LVG: E tamén reivindica a poesía como música.
– XCC: A poesía é música, ambas as dúas comparten a emoción como compoñente esencial. E a poesía é a orixe da literatura, que existe porque primeiro foi poesía, recitada e cantada. Non se pode obviar ese carácter esencial, porque o que estaríamos facendo é reducir a literatura a unha forma máis de ocio, e debe ser algo máis.
– LVG: Vostede xa fixera un disco, De bar en bar, no que recitaba os seus poemas sobre música…
– XCC: É un traballo diferente a este. Aquí hai composicións de Emilio Rúa, cheas de sensibilidade e emotividade. O mellor que ten é a súa achega. Eu sempre fago autocrítica, e gustaríame que algúns versos fosen mellores, máis traballados, para que chegasen dun xeito mellor ao corazón da xente. (…)”.
Santiago: espectáculo poético-musical Camiños de amor e lúa, de Xosé Carlos Caneiro e Xosé Manuel Salgado
O xoves 14 de xullo, ás 21:00 horas, na Cidade da Cultura, dentro do programa Atardecer no Gaiás, Xosé Carlos Caneiro, acompañado do guitarrista Xosé Manuel Salgado, ofrecerá o espectáculo de poesía musicada Camiños de amor e lúa.
Xosé Carlos Caneiro gaña o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego
O venres 11 de marzo tivo lugar en Pontevedra o fallo da VIII edición Premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego, convocado por Novacaixagalicia coa vocación de impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación. Nesta ocasión o artigo gañador foi Sumar, Ana, de Xosé Carlos Caneiro, publicado en La Voz de Galicia o 28 de setembro de 2010, a propósito da morte de Ana Kiro. Nesta edición presentáronse un total de 23 artigos en galego.
Ourense: recital poético-musical con Xosé Carlos Caneiro e Xosé Manuel Salgado
O xoves 3 de febreiro, a partir das 20:15 h., na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, dentro dos XXI Encontros Literarios desta entidade, haberá un recital poético de Xosé Carlos Caneiro, baixo o título Poemas de Amor para Tempos Difíciles, no que estará acompañado á guitarra por Xosé Manuel Salgado.
Ourense: Auria, pregón de Xosé Carlos Caneiro e relatorio de Luís García Mañá
Dentro das actividades de Auria, que se desenvolve no Xardín do Posío de Ourense, o domingo 10 de outubro comeza a Feira do Libro, con entrada libre e de balde, en horario de 12:00 a 14:30 h. pola mañá e de 17:00 a 22:00 h. polas tardes. No programa literario destacan os seguintes actos:
12:00 h. Acto oficial de inauguración, con pregón a cargo de Xosé Carlos Caneiro.
19:00 h. Relatorio: Nazis en Galicia, material literario, a cargo de Luís Manuel García Mañá.
O programa completo pódese descargar aquí: Programa de Auria, Semana de Literatura Histórica.
Xosé Carlos Caneiro: “A literatura actual vive a procesión dos simulacros”
Entrevista a Xosé Carlos Caneiro en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia (LVG): ¿Importa a calidade?
Xosé Carlos Caneiro (XCC): A literatura actual non pide calidade, non se demanda. Unha función da literatura é divertir e a outra revelar; a revelación é algo necesario, pero agora o único que se esixe é a diversión. Se non existe esa revelación dá igual todo, ata meter un tiburón en formol e cobrar millóns de dólares por iso dicindo que é arte. Nas artes vivimos un proceso de simulacro, de certo cinismo.
(LVG): As súas novelas acadaron practicamente todos os premios da literatura galega.
(XCC): Si, e estou moi agradecido a todos os xurados que me deron eses premios, sempre baixo plica. A cara descuberta son o escritor galego menos premiado, só recibín o premio nacional da Crítica por Un xogo de apócrifos. Pero despois do Eixo Atlántico e o Blanco Amor por Ébora non tiven máis. A vida nova de Madame Bovary foi moi ben acollida polos lectores, e aínda se sigue vendendo; para min supuxo unha decepción que non fose recoñecida polo sistema literario galego, pareceume unha inxustiza.”