Desde
Sermos Galiza:
“O Incio é o concello escollido pola propia Marica Campo para que os seus compañeiros e compañeiras das letras lle rendan homenaxe outorgándolle a letra E que vencella a quen recebe o tributo coa súa terra. Alí naceu Marica Campo e alí volvía nos inesquecíabeis veráns no Val do Mao que a escritora lembra como “un espazo para a liberdade e as aventuras infantís. Dese tempo, son as “mil e unha trasnadas” protagonizadas polas sete irmáns máis o irmán e un curmán que compartían xogos de verán.
Naceron alí tamén os primeiros escritos dunha autora que conta xa cunha ampla e recoñecida bibliografía na que visita diversos xéneros, da poesía á narrativa, pasando polo xornalismo ou o ensaio. “Eu, xa de moi nena, escondíame nun pombal que había no fondo da horta para escribir historias que me inspiraban as cancións que escoitaba na radio ou no gramófono ao que lle había que dar manivela”, lembra no seu relato autobiográfico recollido na propia páxina da AELG da escritora que é tamén autora de numerosas letras de cancións.
Humoristas Bos e Xenerosos
Xosé Lois, “O Carrabouxo”, Pepe Carreiro, Xaquin Marín, Siro López e Gogue son, para a AELG, os Bos e Xenerosos desta edición do 2013, cinco humoristas gráficos que recollerán de forma colectiva o galardón anual das persoas protagonistas da literatura. En canto ás institucións, o galardón da entidade presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias decidiu recoñecer o traballo das asociacións culturais nacidas nos anos setenta e oitenta. O Galo de Compostela, O Facho e Alexandre Bóveda da Coruña, Auriense de Ourense, Lumieira de Carballo, Medulio de Ferrol e Francisco Lanza de Ribadeo son as agrupacións que naceron con vontade de difundir e apoiar a cultura galega e que despois de máis de catro décadas continúan en activo.
Confirmouse tamén o Premio AELG 2013 á Escritora Galega Universal para a portuguesa Lídia Jorge e sumou un novo galardón, o de Mestres/as da Memoria que premiará a informantes da literatura de tradición oral que contribuíran de maneira decisiva a recuperar o noso patrimonio.
Galeusca en Pontevedra
A AELG será desta volta a anfitriona do convívio entre as literaturas catalá, vasca e galega que cada anos ten lugar nunha das tres nacións. Á asociación galega decidiu que esta trixésima edición que lle toca organizar terá lugar na cidade de Pontevedra no mes de novembro e estará dedicada á literatura infantil e xuvenil.
Finalmente, a asemblea da AELG aprobou renovar o anterior Consello Directivo incorporando ás escritoras Rexina Vega e Alicia Fernández.”
Arquivos da etiqueta: Xosé Lois González O Carrabouxo
Ourense: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
A
sexta feira 24 de febreiro, ás 20:30 horas, no Museo Municipal (Rúa Lepanto, 8) de Ourense, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración da Livraria Torga, participará o propio autor acompañado por Rut Reza e Xosé Lois González, O Carrabouxo.
Marín: presentación de Sermos Galiza
A
quinta feira, 1 de decembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal de Marín, decorrerá o lanzamento público de Sermos Galiza en Marín. Participan neste acto Marga Romero, Francisco Carballo e Xosé Lois o Carrabouxo. A Asociación Queremos Galego Marín, organizadora do acto, agasallará os asistentes cunha actuación musical de Carmen Gallego, Laura Romero e César Loureiro.
Santiago: Volver a Castelao
O
sábado 15 de outubro, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia Monte Gaiás de Santiago de Compostela, terá lugar a Xornada Volver a Castelao, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Consellaría de Cultura e Turismo. O programa, que pode ser descargado aquí (Volver a Castelao), está composto polas seguintes actividades:
– 10:30 h. Conferencia de Xusto Beramendi: Castelao e a construción da nación.
– 11:30 h. Conferencia de Manuel Rei Romeu: De Rosalía a Castelao.
– 12:30-13:00 h. Pausa.
– 13:00 h. Mesa redonda: Castelao ao pé da letra, con Xoán Costa e Inma López Silva.
– 16:30 h. Mesa redonda: Castelao e a arte do pensamento social, con Siro López e Xosé Lois “O Carrabouxo”.