Vigo Literario | Primavera 2016

CartelVigoLiterarioPrimavera2016Abannervigoprimavera2016 Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizan este programa de paseos polo Vigo literario.

– Todos os paseos con saída ás 11:30 h.
– 50 prazas por paseo, que se asignarán por orde de chegada das solicitudes.
– A inscrición é independente para cada un dos paseos, sempre a partir das 10:00 horas do día que se detalla en cada paseo, no correo electrónico actividades.snl@vigo.org:

Sábado 9 de abril
Memoria, política e cidade. O Vigo de Cabalos e lobos, con Fran P. Lorenzo

· Inscrición a partir do día 2 de abril (inclusive).
· Punto de partida: Rúa Privada Moderna.
Recórdao ti e recórdallelo aos outros… Esa obriga, expresada nun verso do poema 1936 de Luis Cernuda, é a que alenta o percorrido titulado Memoria, política e cidade. O Vigo de Cabalos e lobos. O roteiro ten no seu epicentro o edificio de Gran Vía, 2, auténtico protagonista da novela Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Premio Blanco Amor 2014. A visita, que atravesa os lugares desa ficción pero que tamén pretende dialogar coa magoada memoria da cidade e dos seus espazos perdidos, partirá da Privada Moderna, unha singular rúa, moi preto do Calvario, no vello límite do concello de Vigo e Lavadores. Desde aí, en menos de dez minutos, e cun alto previo no muro de Vía Norte, chegarémonos a Gran Vía, 2, o fogar da familia Beckmann, os protagonistas de Cabalos e lobos, cabo da cicatriz invisíbel do Scalextric. O arquitecto dese edificio, Francisco Castro Represas, e a súa obra racionalista serán tamén algúns dos fitos deste paseo que atravesa por entre vellos cafés que non existen xa, refuxios antiaéreos, teatros pantasma, cinematógrafos, polas rúas Urzaiz, con parada no vello Derby, a entrada de Príncipe, Colón, Cine Fraga, a vella redacción do Faro de Vigo, Policarpo Sanz (Cable Inglés, Café Colón), Casa Sanchón, a Porta do Sol no horizonte, o Teatro García Barbón, o Teatro Rosalía, Marqués de Valladares, a Alameda (Editorial Galaxia) e As Avenidas, cabo do Bar Comercio, o Navy Bar de Manuel Antonio. Alí fronte ao Náutico e ao pé da Estación Marítima, fronteira do alén, remata o roteiro de Cabalos e lobos.
A duración aproximada do roteiro é dunha hora e corenta e cinco minutos.

Sábado, 16 de abril
Urbanita, rural e libertario, o Vigo do que vimos, con Rexina Vega
.
· Inscrición a partir do día 9 de abril (inclusive).
· Punto de partida: Estación Marítima, diante do Náutico.
O paseo comenza na Estación Marítima, pasaremos polo Berbés, subiremos polo Casco vello e Porta do Sol ata o escenario dos fusilamentos no 36 no Monte do Castro.
Percorreremos tanto as orixes ligadas ao mar, pesca e emigración, como a vida recreativa e teatral de principios de século. O golpe de estado que en Vigo se escenificou na Porta do Sol e a primeira represión no monte do Castro rematarán a viaxe.
A duración aproximada do roteiro é dunha hora e corenta e cinco minutos.

Sábado, 30 de abril
Vigo. A estética do desequilibrio, con Xosé María Álvarez Cáccamo.

· Inscrición a partir do día 23 de abril (inclusive).
· Punto de partida: Cruce Vía Norte con Escultor Gregorio Fernández, a carón do muro da estación do tren.
Este será o traxecto: Vía Norte – Urzáiz – Príncipe – Velázquez Moreno – Progreso – Pracer – San Sebastián – Ferrería – Paseo de Alfonso XI – Elduayen – Porta do Sol – Policarpo Sanz – Doutor Darío Álvarez Blázquez – Marqués de Valadares – Reconquista – Praza de Compostela – García Olloqui – Cánovas del Castillo – Peirao de Trasatlánticos.
A duración aproximada do roteiro é dunha hora e corenta e cinco minutos.

Coñécense as novelas finalistas da XXII edición do Premio San Clemente

Desde o Instituto Plurilingüe Rosalía de Castro:
“O mércores 16 de marzo presentáronse as novelas finalistas da XXII edición do Premio Literario Arcebispo San Clemente. En lingua galega son:
Amor en alpargatas, de Manuel Portas (Xerais).
As últimas galerías, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Galaxia).
Izan o da saca, de Xabier Quiroga (Xerais).”

Gondomar: presentación de 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca

O12645143_1112882418750977_163834670063731356_n venres 19 de febreiro, ás 20:30 horas, na sala de conferencias do Instituto de Estudos Miñoranos, aula Ponte de Rosas, situada na Avenida da Feira, 10, baixo, de Gondomar, preséntase o libro colectivo 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, coordinado por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro, e publicado por Biblos. No acto participan Marta Dacosta, Pepe Cáccamo, Ledicia Costas, Miriam Ferradáns e Irene Silva, que nos ilustrarán sobre a xestación deste orixinal e importante libro e recitarán algúns dos seus poemas.

A RAG celebra os cen anos de Xose María Álvarez Blázquez

DesdeHomenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez o Diario Cultural da Radio Galega:
“A RAG celebra os cen anos de Xose María Álvarez Blázquez coa relectura do seu libro de poemas Canle segredo. A nova completa pode escoitarse aquí.”

Xosé María Álvarez Cáccamo: “Con Canle segredo Álvarez Blázquez adiántase dalgunha maneira ao seu tempo”

EntrevistaXosé María Álvarez Cáccamo a Xosé María Álvarez Cáccamo, desde a Real Academia Galega:
“El mesmo definíase como un home cíclico, condición que explica en parte que a partir dos anos 50 se centrase máis na investigación, a comunicación xornalística e o labor editorial. Pero Xosé María Álvarez Blázquez afondara antes na creación literaria, un camiño no que “o seu mellor libro de poesía” é Canle segredo, asegura o seu fillo e escritor Xosé María Álvarez Cáccamo. Desta obra falará o vindeiro día 15 na homenaxe que a Real Academia Galega lle renderá a Álvarez Blázquez no seu Tui natal co gallo do centenario do seu nacemento. Na xornada, moderada pola académica Margarita Ledo, tamén intervirán o académico Darío Xohán Cabana e Ana Acuña.
(…) – Real Academia Galega (RAG): Cales son esas claves?
– Xosé María Álvarez Cáccamo (XMAC): Todo o mundo ten comentado que se trata dun libro conversacional, onde hai unha carga emotiva moi importante. É un libro de amor, de solidariedade coas vítimas da historia, de evocación da nenez, tamén de referencias aos fillos. Pero detrás diso que poderiamos chamar tema aparente hai un motivo, para min máis ca un motivo complementario, un elemento temático importante que non se revela de maneira inmediata. É o propio concepto do secreto, que non é fácil de transmitir. Por outra banda, o poeta está permanentemente preocupado por coñecer a esencia das cousas (…), esa preocupación polos significados ocultos da existencia que el tenta descubrir a través dun poema ou dos signos da natureza. (…)
– RAG: Hai coincidencia na crítica en que Canle segredo é unha obra que abría camiños. E probablemente tería unha pegada fonda na renovación da poesía galega de posguerra se saíse á luz no seu tempo natural. Foi Álvarez Blázquez consciente desa dimensión no seu momento ou a posteriori?
– XMAC: A verdade é que non sei se foi consciente diso. No traballo que presentarei en Tui falo precisamente tamén desa faceta, en que medida abriría camiños. “De ter saído á luz no seu momento, Canle segredo contribuiría sen dúbida ao reforzamento da voz da subxectividade”. Sen dúbida, non abriría os da poesía social, que abriu Celso Emilio, pero posiblemente si dialogaría, ou abriría talvez un rumbo, o da poesía conversacional, intimista, de afondamento nas claves emocionais da existencia. E a voz do eu, que estaba primeiro disfrazada, ou latente, na poesía das vangardas, no neotrobadorismo e no neopopularismo. Despois esta voz é substituída na poesía social pola voz do nós colectivo, de modo que a voz subxectiva do eu na poesía de posguerra non digo que non apareza, pero aparece pouco, e Canle segredo contribuiría sen dúbida ao reforzamento da voz da subxectividade. Agora, en canto a si el era consciente disto, eu sospeito que non o era moito, porque se o fose teríase dado máis présa en publicar o libro. Para min segue sendo un pouco un misterio ese tempo tan longo [sen saír á luz]. No prólogo á edición que aparece en 1976 el fala dunha especie de inercia do tempo, de esquecemento e, por outra banda, das súas múltiples ocupacións e a súa entrega, a partir de finais dos 50, máis á investigación que á creación. (…)
– RAG: Álvarez Blázquez tamén publicou, en 1950, outra obra singular no seu tempo, Roseira do teu mencer, un libro de poesía infantil. Chama a atención a tenrura, o xeito de asumir a paternidade que amosa, que parece máis próxima ao momento actual que ao dos homes da súa xeración.
– XMAC: Se me permite un xogo de palabras, unha especie de paternidade moi feminina.
– RAG: Si, podería dicirse así.
– XMAC: Meu pai era un home moi tenro, un pai entregado aos fillos e fillas, e viviu con especial emoción o nacemento da súa primeira filla, que desgraciadamente morreu moi nova. “En Roseira do teu mencer amosa unha paternidade moi feminina (…). É outro dos seus mellores libros” Si, resulta sorprendente esa posición emocional, afectiva, e o feito de que apareza un libro de poesía infantil en Galicia nese momento. É ademais un dos mellores libros de poesía infantil de todos os tempos, estou convencido diso, e outro dos seus mellores libros. Despois de Canle segredo, eu quedo con Roseira do teu mencer. (…)”