Reportaxe de Daniel Salgado en El País:
“Co sintagma “viúvas dos vivos”, Rosalía de Castro rexistrou, en Follas Novas (1880), a ferida migratoria aberta en Galicia. A poeta escribía cando as primeiras estatísticas oficiais do Goberno español ofrecían datos da emigración oficial: entre 1860 e 1880 deixaron o país 122.875 persoas. Como a literatura dificilmente se desanoa do mundo en marcha, continuou dando conta do exilio económico que asollou o territorio ao longo do século XX. Aínda a falta dunha épica da cuestión —así o denuncia Xavier Alcalá—, as pegadas de galegos á procura dunha vida mellor polo mundo adiante aparecen unha vez e outra nas letras galegas. Xosé Neira Vilas en Esperando o leiteiro (Galaxia, 2012) e o propio Alcalá en Verde oliva (Galaxia, no prelo) son as máis frescas mostras.
O detective Frank Soutelo, o personaxe creado por Miguel Anxo Fernández e protagonista de catro novelas de serie noir, é fillo de emigrantes a California. N’A fame fatal de Alberto Lema, lembra a coordinadora da revista de libros Protexta, Ana Salgado, a protagonista anuncia que marcha para as Canarias. Da Porta blindada de Margarita Ledo sae Antón Moreda, histórico galeguista da emigración marxinado dende os cenáculos piñeiristas. As maneiras en que o fenómeno social máis relevante da historia recente se entremete na narrativa son múltiples, equívocas, fragmentarias, ruinosas. “Non entendo como desaproveitamos a oportunidade da épica”, considera, ao respecto, Xavier Alcalá, “non entendo como cada escritor galego non ten unha novela sobre a emigración; dá para todos”. (…)”
Arquivos da etiqueta: Xosé Neira Vilas
Xosé Neira Vilas: “Xa non hai Lelos nin Balbinos, pero eu enténdome ben cos nenos de hoxe”
“Así
de claro é Xosé Neira Vilas na páxina que o xoves 7 de xuño lle dedica o Faro da Cultura (do Faro de Vigo) nunha longa entrevista que lle fan co gallo da publicación de Esperando o leiteiro. Podes ler a conversa completa, en formato PDF, aquí.” Vía Galaxia.
Santiago: presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas
O
martes 5 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase a nova novela de Xosé Neira Vilas presenta a súa nova novela, Esperando o leiteiro, publicada en Galaxia. Participan, xunto ao autor, Víctor F. Freixanes, Valentín García Gómez e Dolores Vilavedra.
Xosé Neira Vilas: “Emigrei a Bos Aires para poder estudar e ter libros”
Entrevista
a Xosé Neira Vilas en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): ¿Que o levou a emigrar?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Marchei a Bos Aires para estudar e ter libros. Alí, traballando, entre outras cousas, fixen a carreira de xornalismo e coñecín a Anisia, unha moza cubana que estudaba o mesmo, coa que casei e fundamos a editorial Follas Novas, onde publicamos algúns libros en galego, ademais dos primeiros escritos por nós.
– G: Tamén tiñan unha distribuidora…
– XNV: Si, ¡e abarcaba toda América! Fixemos tres mostras do libro, en Bos Aires, Montevideo e Caracas. Mandabamos catálogos de todo o que se publicaba en Europa relacionado con Galicia aos exiliados e sociedades galegas. E tamén libros galegos á Biblioteca Nacional. Financiabamos a actividade co 30% que nos daba o maiorista. ¡Non gañabamos nada!, máis ben perdiamos cartos. Seoane, no prólogo do meu libro Historias de emigrantes, lémbranos a Anisia e a min en conferencias e actos culturais, ”tratando de vender o invendible: libros…”, como dicía, que sempre levabamos nunha maleta. (…)
– G: ¿Como foi a volta a Galicia?
– XNV: Ao xubilarnos decidimos volver. Eu regalara a casa onde nacín á Xunta para que fixera unha biblioteca, e fixo moito máis. César Portela realizou un proxecto magnífico, restaurando a casa e creando a sede da Fundación, cunha biblioteca con 8.700 volumes. A casa natal ten hoxe museo etnográfico, biblioteca para nenos e para adultos e salón de actos. (…)”.
O Couto, Ponteceso: actos literarios do venres 18 de maio, no Festiletras
Festiletras,
o festival literario que cada ano se celebra no Couto (Ponteceso) arredor do Día das Letras chega ao seu 30 aniversario. E faino cun programa que se prolongará desde o día 16 ao 20 deste mes e que inclúe máis de trinta actos entre concertos, actuacións teatrais, presentacións literarias, maxia ou contacontos. Destacamos nomeadamente os actos do venres 18 de maio:
– 10:00-11:30 h.
* Na Escola Infantil A Galiña Azul (Ponteceso): animación literaria a cargo das fadas pondalianas (Bergantiños, Baltar e Rouriz) e Silvia Losada.
* No CEIP As Forcadas (Corme): animación literaria a cargo de Xoán Babarro arredor da novela O dragón de Gondomil. Concurso de Galeoke animado polo colectivo Tinta de Lura.
* No CEIP Eduardo Pondal (Ponteceso): animación literaria a cargo de Ana María Fernández arredor de Rosalía de Castro. Do A ó Z. Concurso de Galeoke animado polo colectivo Tinta de Lura.
* Na Fundación Eduardo Pondal (salón de actos). Con presenza de Xelucho Abella Chouciño (Gundar e o cabalo de oito patas), animación musical a cargo de Gloria Mosquera de Mamá Cabra e o acordeonista
Diego Maceiras e animación literaria do CD interactivo Gundar e o cabalo de oito patas a cargo de Tinta de Lura para alumnado do CRA Nosa Señora do Faro.
* No IES de Ponteceso: intervención literaria de Miguel A. Mato Fondo (Xope de Lilaina) e Xabier P. Docampo (O libro das viaxes imaxinarias) con alumnado de primeiro de Bacharelato.
– 12:00 h. Na Casa dos Veciños (Salón de Actos):
* Inauguración da exposición Querido Balbino coa presenza do seu autor: Xosé Neira Vilas.
* Escenificación de Balbino a cargo de Tamara Lema.
* Proxección audiovisual permanente Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda con Monte Branco.
– 12:45 h. Na Casa dos Veciños (Os Soportais):
* Inauguración da placa a cinco escritores: Xelucho Abella Chouciño, Miguel Anxo Mato Fondo, Xabier P. Docampo, Xoán Babarro e Ana María Fernández coa interpretación musical do Himno Galego a cargo
dos gaiteiros do Centro Coreográfico Galego.
– 13:00 h. Na Casa dos Veciños:
* Palabras de Xosé Neira Vilas e escenificación das Memorias dun neno labrego a cargo de Cándido Pazó para alumnado do IES de Ponteceso.
– 14:30 h. No Restaurante Miramar (Valarés):
* Xantar literario cos escritores homenaxeados.
* Sobremesa literaria coa presentación dos libros máis novos de Xabier P. Docampo (Mans), Xosé Neira Vilas (Cartas de Neira Vilas a Valentín Paz Andrade e a Celso Emilio Ferreiro), Xoán Babarro (Macarrón de narices) e Ana María Fernández (Páxinas de carricanta)
* Animación musical a cargo dos gaiteiros do Centro Coreográfico Galego.
– 22:00 h. Na Casa dos Veciños (Salón de Actos. Donativo para Escola de Verán 2.00 € por adulto):
* A Noite dos Poetas. Presenta a xornalista pontecesá Lorena Pose e anunciará a axenda sonora da Costa da Morte.
* Xurxo Souto, Lectura do Manifesto da regueifa.
* Luís O Caruncho e Benito Lobareiras.
* Joan Garriga.
Santiago: actividades destacadas do luns 30 de abril na Feira do Libro
Continúa
a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do luns 30 de abril son as seguintes:
– 19:00 h. O escritor Xosé Neira Vilas presenta o seu libro 100 anos do himno de Galicia publicado por Edicións Embora. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares das súas obras.
– 20:00 h. Presentación do libro A praza é nosa. Quen constrúe a democracia? de varios autores, coordinado polo xornalista Marcos Pérez Pena e publicado por 2.0 Editora. Participan no acto Marcos Pena, Antón Lado e varios dos autores da mesma.
Quiosco: Grial 193
“O
traballo de Valentín Paz Andrade e mais de Isaac Díaz Pardo como emprendedores galeguistas centran o número 193 da revista Grial, que acaba de saír do prelo. Textos dos dous persoeiros, artigos sobre o seu traballo da man de Xoán López Facal, Uxío Labarta ou Fernando Salgado, así como lembranzas de Alonso Montero e Neira Vilas sobre a figura do fundador de Sargadelos ocupan boa parte desta entrega. Canda a isto, un artigo sobre as posibilidades de Galicia como parte da Lusofonía, da man de Henrique Monteagudo e Serafín Alonso Pintos, ou unha análise sobre xornalismo e novos medios da man de Carlos G. Reigosa son outros dos contidos que se poden atopar no número.” Vía Cultura Galega.
Ferrol: comeza a Feira do Libro coa presenza de Xosé Neira Vilas
O
xoves 19 de abril comeza a Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), onde se presentará, a partir das 20:30 horas, o libro 100 anos do Himno Galego, de Xosé Neira Vilas, publicado por Edicións Embora. O autor lerá previamente, ás 19:30 horas, o Pregón oficial co que dará comezo a Feira.
Xosé Neira Vilas: “Arrancaban os mozos do agro e metíanos á forza no frente de guerra”
Entrevista
a Xosé Neira Vilas en Praza:
“(…) – Praza (P): Esperando o leiteiro é un monólogo con moitas conexións coas súas anteriores obras sobre a emigración. Lembra tamén a Memorias dun neno labrego…
– Xosé Neira Vilas (XNV): Ten cousas semellantes, si, ás obras que situei no ámbito da infancia. Pero cambian as situacións, a linguaxe… É un monólogo en segunda persoa, que non é algo habitual na literatura galega. Con algo de costumes, de antropoloxía, de socioloxía… Está ambientada nunha época moi triste, que foi a dos anos 40. Pero este libro, ao contrario de Memorias, tamén ten moito humor. É certo que eu tratei moito dous temas nas miñas novelas: a aldea e a emigración. Pero chegou un momento, cando estaba en Cuba, que decidín deixar de lado a narración ficional e dedicarme á investigación. Entendino como un deber con Galicia. Despois volvín á novela. (…)
– P: Hai moita historia tamén na novela. A guerra civil, os escapados, o contrabando de wolframio… Respecto da guerra hai nos personaxes un sentimento de incomprensión, como se fose algo alleo a eles. Que quería subliñar?
– XNV: É unha obra de fición, pero tamén recolle testemuños reais. É verdade que os soldados andaban devorados polos piollos, que algúns se disparaban nos dedos para que os levasen… e que ían de caza cando non estaban combatendo. Quixen salientar algo que xa dixen máis veces, que é que arrancaban os labregos do agro e metíanos á forza no frente de guerra. Non sabían nin onde estaban, nin sabían por que loitaban. Eran recrutados, non era unha cuestión de ideoloxía. O do wolframio era a corrupción total. Gañábase moito diñeiro, e ata traían prostitutas de Francia. Os gardas requisaban as pedras que levaban os labregos para o contrabando e vendíanas eles mesmos. Eu mesmo sendo rapaz fun algunha vez, pero non atopei ningunha daquelas pedras. Corrín, si, diante dos gardas. Mesmo a xente que traballaba de xeito legal buscando wolframio collía algunha pedra para vendela de estraperlo. Chegou a cousa a tanto que deixaban as terras sen traballar para dedicarse a buscar o mineral. En Querido Tomás falo algo disto. (…)”
Vigo: presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas
O
mércores 11 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas (Avenida Martínez Garrido, 21), de Vigo, Xosé Neira Vilas presenta a súa nova novela, Esperando o leiteiro, publicada por Galaxia. Estará acompañado por Víctor F. Freixanes e Isaura Abelairas. No acto a actriz Uxía Blanco realizará a lectura dalgúns fragmentos da obra.
Crónica posterior en Galaxia.