Raigame,
a Revista de Arte, Cultura e Tradicións Populares que edita a Deputación de Ourense a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo acaba de ver publicado o seu número 35. Desta volta, a entrega céntrase na figura de Xosé Neira Vilas e da súa obra Memorias dun neno labrego. Diferentes investigadores repasan a biografía tanto do autor como de Balbino, protagonista da obra, e analizan o contexto histórico da mesma. Os interesados en facerse cun exemplar poden contactar co Centro Xaquín Lorenzo no mail ccpraigamepublicacions@depourense.es ou no teléfono 988249493. Vía Cultura Galega.
Arquivos da etiqueta: Xosé Neira Vilas
A Coruña: Memoria das Memorias dun neno labrego, espectáculo de Cándido Pazó sobre a obra de Xosé Neira Vilas
O sábado
15 de outubro, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, con entradas a 7 euros, terá lugar, na conmemoración do 50 aniversario da primeira edición das Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, un espectáculo en que Cándido Pazó combina a súa experiencia como autor, actor e director coa súa coñecida traxectoria como contador de historias, apoiado por un coidado traballo de videocreación.
Vilalba: Antía Cal, Chairega de Honra
O
sábado 1 de outubro, ás 12:00 h., na Casa da Cultura de Vilalba, a Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María organizan un acto no que se nomeará a Antía Cal Chairega de Honra. Previamente terá lugar unha mesa redonda coa participación de Avelino Pousa Antelo, Xosé Neira Vilas, Carmiña de Soutomaior, Xosé Manuel Beiras e María Xosé Lamas, actuando como moderador David Otero. Posteriormente terá lugar un xantar no restaurante Nova Ruta de Vilalba, tralo que actuarán Mini e Mero. Para anotarse a comida, que custa 17 euros, os interesados deberán chamar o teléfono 646413890 ou ben enviar un correo electrónico á dirección xermolos@xermolos.org
Carballo: Memorias das Memorias dun neno labrego, por Cándido Pazó
O
xoves 15 de setembro, ás 21:00 horas, no Pazo da Cultura (Rúa do Pan) de Carballo, e dentro das actividades do 35º aniversario da Asociacion Cultural Lumieira, terá lugar a representación de Memorias das Memorias dun neno labrego, a cargo de Cándido Pazó, no 50 aniversario da primeira publicación do libro de Xosé Neira Vilas. Vía Fervenzas Literarias.
Santiago: proxección do documental Neira Vilas. Memorias dun neno labrego
O
xoves 15 de setembro, ás 19:00 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII), de Santiago, terá lugar a proxección do documental Neira Vilas. Memorias dun neno labrego, dirixido por Ismael González Díaz, coincidindo coa exposición Querido Balbino, inaugurada o día 2 de setembro.
Xosé Neira Vilas lembra como chegou a Compostela como un Balbino máis
“A
exposición Querido Balbino 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego foi inaugurada este venres [2 de setembro] na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, e na súa apertura estivo presente o escritor Xosé Neira Vilas, “pai literario” de Balbino, un personaxe cualificado como “o Harry Potter galego” pola universalidade que alcanzou durante os 50 anos de vida do libro. Durante o acto de presentación, o escritor pontevedrés ha resaltado o especial valor de que a mostra chegue á “primeira cidade” que visitou na súa infancia, cando era “un Balbino máis”. Segundo relatou, nela puido ver por primeira vez “casas altas e pegadas”, tras percorrer os 25 quilómetros que a separaban da súa aldea natal, “toda unha aventura naquela época”, asegurou. Así, cualificou de “emotivo” o seu regreso “da man dun neno de papel chamado Balbino, que a pesar da notoriedade alcanzada, continúa coa mesma humildade, afán por saber e rebeldía” que mostraba hai 50 anos baixo a pluma do escritor que, por aquel tempo, residía na cidade arxentina de Buenos Aires. No acto tamén estiveron presentes os responsables e colaboradores desta iniciativa, entre eles, o director xeral da Editorial Galaxia, “amigo e editor” do literato, Víctor Freixanes, quen lembrou que a novela é ben acollida aínda hoxe por nenos e adolescentes, aínda cando a literatura galega vive “acomodada a unha franxa de idade que rolda os 50 anos”. Ademais, sinalou que Neira Vilas é un “activista dos libros e da lingua”, e neste sentido apuntou que, despois de vender uns 700.000 exemplares da súa novela insigne, o autor de Vila de Cruces continúa coa súa produción literaria, e que dentro de poucos meses sumará unha nova publicación inédita á súa obra. (…)” Vía Xornal.
‘Un mural colectivo homenaxea a Xosé Neira Vilas en Santiago’
“A
Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Santiago de Compostela, realizará este martes, no marco da súa programación dedicada a Xosé Neira Vilas, un mural colectivo no que participarán 25 nenos de entre 4 e 11 anos. Segundo informou a Consellería de Cultura, a actividade terá lugar este martes 30 de agosto ás 11:00 horas no Salón de actos da biblioteca e, durante esta, os mozos converteranse “en pintores por un día deixando a súa pegada artística á vez que se divirten”. O deseño do mural e a coordinación dos participantes para colorealo corresponde a Xoana Almar e Miguel Peralta, dous ilustradores formados en Granada e afincados en Santiago, que ofrecen “o seu bo facer de xeito xeneroso e desinteresado”, segundo precisou Cultura, para a realización desta obra colectiva. O resultado da obra poderá contemplarse na Biblioteca Ánxel Casal a partir do venres 2 de setembro, día da inauguración en Santiago da exposición Querido Balbino. 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego, coa que a Xunta homenaxea a Neira Vilas.” Vía Xornal.
Monforte: actividades destacadas do sábado 27 na Feira do Libro
A
XIV edición da Feira do Libro de Monforte remata o sábado 27 de agosto, na rúa Cardeal, con horarios entre as 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas, contando, neste último día, coa seguinte actividade destacada:
– 19:00 h. Presentación do libro Penúltimo dietario, de Xosé Neira Vilas, publicado en Xerais, coa participación do propio autor.
Carballo: actividades literarias do venres 26 de agosto na Praza dos Libros
Dentro
da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolve entre o xoves 25 e o domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o venres 26 de agosto:
– 19:30 h. Presentación de Penúltimo dietario, de Xosé Neira Vilas, publicado en Xerais. Participan Silvana Castro, Manuel Bragado e o propio autor.
– 20:15 h. Sinatura das súas obras por parte de Xosé Neira Vilas.
– 20:30 h. Conversa con Ignacio Silva, autor de Cara B, e Rosalía Fernández Rial, autora de Átonos.
O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.
A Coruña: actividades do luns 1 na Feira do Libro
Estas
son as actividades literarias máis destacadas previstas para o luns 1 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que se desenvolverá, como todos os anos, nos Xardíns de Méndez Núñez, até o vindeiro mércores 10 con horarios entre as 11:00 e 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas:
– 19:30 h. O escritor e académico Xosé Neira Vilas, asinará exemplares dos seus libros.
– 20:00 h. Presentación do libro Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado, e actuación de Clara Pino.
– 20:30 h. O profesor Jorge Mira asinará exemplares do seu libro A ciencia no punto de Mira, publicado por Auga Editora.
– 20:45 h. Presentación dos libros Penúltimo dietario, de Xosé Neira Vilas e Aníbal Otero. Lingüística e política en España na guerra civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, publicados por Xerais. Xunto cos autores, participará no acto Manuel Bragado.