Lugo: actividades destacadas na Feira do Libro o xoves 14

OFeiras do Libro 2015 xoves 14 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. Dentro das súas actividades, destacan:

19:00 h. Presentación dos libros Modelos de lingua e compromiso e A poesía oculta de Filgueira Valverde, publicados en Baía Edicións, coa presenza do encargado da edición do primeiro, Xosé Manuel Sánchez Rei, e o autor do segundo, Xosé Ramón Freixeiro Mato, xunto a Marica Campo.
20:00 h. Recital de poesía, presentado por Eva Xanín e José Estévez, coa participación de: Beti Arias, Evinha de la Torre, Xosé Luís Louzao, Chus Amieiro, Manuel Germade, Adela Figueroa, Ramón González, Conchita Paz, Serxio Aller, Luisa Paz, Manuel Celso Matalobos, Ana P. Croas, Jesús Trashorras, Luisa Arias, José Pedreira, Ana Vila, Paco Ledo e Iria López. A actuación musical, correrá a cargo do grupo Pandereteiras da Lúa. No mesmo acto, terá lugar a presentación do libro Xoel, do escritor José Estévez, publicado por Redelibros.

Feira do Libro de Santiago: actividades do martes 5

OFeira do Libro de Santiago 2015 martes 5 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Xosé Ramón Freixeiro Mato e membros do Grupo de Investigación da Universidade da Coruña presentan Modelos de lingua e compromiso, en edición de Xosé Manuel Sánchez Rei e A poesía oculta de Filgueira Valverde, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicados por Baía Edicións.
20:00 h. María Xosé Queizán presenta Son noxento, publicado en Xerais. No acto participa, xunto á autora, Manuel Bragado.

Xosé Manuel Sánchez Rei: “Parece que o galego é a única lingua do mundo que non ten dereito a un estándar culto”

EntrevistaXosé Manuel Sánchez Rei 2 de Montse Dopico a Xosé Manuel Sánchez Rei en Praza:
“O profesor titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Xosé Manuel Sánchez Rei é o coordinador do libro Modelos de lingua e compromiso (Baía Edicións), que se presenta na Libraría Pedreira de Compostela o vindeiro 14 de abril. A obra dá acubillo a traballos realizados polos profesoras e profesores da Facultade de Filoloxía da UdC Goretti Sanmartín, Laura Tato, Manuel Ferreiro, Xosé Ramón Freixeiro Mato e o propio Sánchez Rei, integrantes, asemade, do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega da Universidade coruñesa. Na publicación, os expertos defenden que “dificilmente se pode pensar nunha restauración social da lingua cando o que se pretende restaurar está fortemente erosionado polo español, cando se confunde autenticidade idiomática soamente con variedades coloquiais ou cando se parece tolerar con certa normalidade, mesmo en ámbitos académicos, inquietantes doses de hibridación con aquela lingua”.
– Praza (P): Hai compromiso dabondo pola calidade da lingua galega?
– Xosé Manuel Sánchez Rei (XMSR): Non se lle pode pedir o mesmo a unha persoa que non puido falar galego ou a quen lle foi prohibido ou que non tivo acceso a el que a un profesor da Universidade ou un profesor de ensino medio… Ou mesmo aos políticos, que teñen entre unha das súas principais encomendas, segundo o Estatuto, a de velaren pola saúde, calidade e proxección social da lingua. Pensamos que hai que facer ver que as autoridades políticas, académicas e instucionais teñen un primeiro grao de responsabilidade en que a lingua se promocione cunha certa calidade lingüística. Non coñezo ningún país normal no noso ámbito onde os poderes políticos ou académicos fagan gabanza de que non falan ben o seu idioma ou de que o falan mal. E tampouco coñezo ningunha serie de televisión neses países onde os propios personaxes fagan un uso inadecuado da lingua, como pasa aquí con programas como A Casa da Conexa, que é un verdadeiro esperpento para o galego. Hai dous niveis: a responsabilidade que teñen os políticos e os poderes públicos e logo a sociedade, que debe, na medida do posible, empregar a lingua da mellor maneira posible. (…)
– P: Como pode desaparecer [a lingua galega]?
– XMSR: Pode desaparecer a través de dúas vías: a primeira a través da confluencia co español, porque se cada vez o galego é máis español e menos galego, acabará sendo un dialecto español con catro cousas folclóricas; e a segunda por substitución, cando en vez de galego se fale español. Conflúese tanto co español que hai veces que escoitamos algún político e temos dúbidas de en que lingua está a falar.
– P: Reivindica que hai que atender á tradición galego-portuguesa.
– XMSR: Son dos que pensa, como o resto de compañeiros que participan no libro, que o galego ten o mundo aberto grazas ao portugués. Non hai nada polo que desaproveitar esa tradición galego-portuguesa e xa dicía Dieste que unha palabra galega no medio do portugués é como unha pinga de auga no medio dunha cunca de auga. É o mesmo. Para ter unha lingua de calidade debemos acudir a esta tradición galego-portuguesa, que non está moi lonxe de como fala a nosa xente. Todos coñecemos xente que ten expresións totalmente galego-portuguesas, pero que se van utilizando cada vez menos. Debemos conectar con esa fala auténtica, popular e enxebre e defender esa unidade básica dialectal entre galego e portugués. É de tolos non aproveitar ese gran recurso. Xa o quererían para eles os cataláns! (…)”

A Coruña: XI Xornadas sobre Lingua e Usos. Lingua e Universidade, do 26 ao 28 de novembro

UnLingua e usos 2014 ano máis o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, co financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza as Xornadas sobre Lingua e Usos que este ano alcanzan a súa undécima edición.
O tema escollido para esta edición é o de Lingua e Universidade.
Días: 26, 27 e 28 de novembro de 2014.
Lugar: sala do Consello de Goberno, Reitoría, A Maestranza (A Coruña).
Prazo de inscrición ata o 21 de novembro. Pódese realizar aquí.
– Está solicitado un crédito de libre configuración para o alumnado da UDC que asista a esta actividade.
– Para obter o diploma de asistencia será preciso acudir ás conferencias programadas.

PROGRAMA

2014 Lingua e Usos 12014 Lingua e Usos 2

A Coruña: conferencia sobre Aspectos da toponimia coruñesa e bergantiñá, por Xosé Ramón Freixeiro Mato

OXosé Ramón Freixeiro Mato martes 4 de novembro, ás 20:00 horas, no local social da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar a segunda conferencia do Ciclo Recuperación, análise e divulgación da toponimia menor da Coruña e da súa comarca, patrocinado pola Deputación da Coruña. Versará sobre Aspectos da toponimia coruñesa e bergantiñá, e estará a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato.

A Coruña: presentación da Correspondencia entre Manuel María e Ramón Otero Pedrayo (1951-1974)

O1546425_547247265408771_3128800503444807537_n martes 21 de outubro, no salón de actos da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase a Correspondencia entre Manuel María e Ramón Otero Pedrayo (1951-1974), publicada pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos. No acto participan os responsábeis da edición, Xosé Manuel Sánchez Rei e Estefanía Mosquera Castro, acompañados por Xosé Ramón Freixeiro Mato. Posteriormente abrirase un coloquio co público presente.

Xosé Ramón Freixeiro Mato: “O galego no século XXI perdeu máis falantes que en toda a historia anterior”

EntrevistaXosé Ramón Freixeiro Mato a Xosé Ramón Freixeiro Mato en Radiofusión:
““A sociedade galega ten que decidir e optar: ou mantemos o galego ou o perdemos”. O dilema formúlao o catedrático das Áreas de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Xosé Ramón Freixeiro Mato. Faino tras revelar o Instituto Galego de Estatística que o galego xa non é a lingua de uso frecuente da maioría da poboación. A Xunta valora positivamente ese dato a través da lente do bilingüismo e salienta “un aumento das persoas que se desenvolven habitualmente nas dúas linguas cooficiais de Galicia”. Porén, no que atinxe á lingua orixinal do país, o IGE informa de que en 2011 apenas o 44 por cento da cidadanía usa “sempre” o galego, cando hai dez anos ese dato era do 57 por cento. “Ás veces” fálano o 45 por cento e “nunca” o 11 por cento. Segundo Freixeiro Mato, en moi poucos anos o reparto entre galego e castelán inverteuse por completo e agora “a situación é moi preocupante e non podemos pechar os ollos á realidade”. (…)
“No mundo urbano e entre a xente nova o galego é unha lingua residual”, láisase o profesor, atribuíndo parte da responsabilidade ás políticas educativas e ao incumprimento do Plan de Normalización Lingüística por parte da Xunta. “30 anos son moitos para unha lei: a sociedade en 30 anos mudou moito”, reflexiona mentres pide que se respecte o marco lexislativo mentres se traballa por actualizalo.
Xosé Ramón Freixeiro Mato deu ao prelo con Xerais a primeira Estilística da Lingua Galega, que vén de merecer o Premio de Investigación dos Premios da Crítica 2014 pola “novidade e orixinalidade da proposta, que é a primeira deste tipo en lingua galega, e a concepción e enfoque amplo da Estilística ao abeiro doutras disciplinas lingüísticas”, segundo estableceu o xurado. O volume, que xa recolleu cualificativos como “monumental”, “imprescindbile” ou mesmo “un fito dos nosos tempos”, enche un baleiro para o sistema galego, xa que a estilística “era un oco que había na nosa filoloxía”, concede o autor.
A obra, cuxa metodoloxía de traballo supuxo a lectura de centos de obras para detectar os mellores exemplos do galego, supón tamén, confesa Freixeiro Mato, un “agradecemento” particular para os escritores e escritoras no noso idioma que “en tempos complicados, sen recoñecemento social”, foron quen de conseguir “unha lingua literaria de calidade, apta para a creación artística”.”
A entrevista completa pódese escoitar aquí.