Patricia Torrado Queiruga gaña o LI Certame Literario do Concello de Vilalba coa obra Nakba

Desde Culturalia GZ:
“A obra da sonense Patricia Torrado Queiruga, que recibirá 7.000 euros e verá publicada a súa creación, foi a elixida polo xurado integrado por figuras de prestixio cultural e académico.

O xurado do LI Certame Literario do Concello de Vilalba vén de facer público o seu ditame, proclamando como gañadora a obra Nakba, presentada baixo o lema “Coma quen lambe a ferida”, e cuxa autoría correspondeu á escritora e poeta Patricia Torrado Queiruga.
O certame, o máis antigo de Galicia e tamén un dos de mellor dotación económica, está recoñecido como unha das grandes citas da creación literaria no país. A gañadora desta edición recibirá un premio de 7.000 euros, ao que se suma a publicación da obra.
O xurado estivo composto por figuras de referencia do ámbito cultural e académico galego: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia; Xulio Xiz, xornalista; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal; Luz Airado, avogada e poeta; e Andrea Fernández Maneiro, poeta e gañadora da edición anterior.
A alcaldesa Marta Rouco destacou “a importancia de manter vivo un certame que forma parte da identidade cultural de Vilalba e que é, ademais, un referente en toda Galicia polo seu prestixio e pola súa aposta decidida pola creación literaria”. Engadiu que “detrás destas cinco décadas de historia hai un compromiso claro co talento, a cultura e a palabra escrita”.
Pola súa parte, a concelleira de Cultura Mónica González puxo en valor a calidade da obra gañadora e da propia convocatoria: “o Certame Literario de Vilalba demostra ano tras ano a súa capacidade de atraer voces potentes e diversas do panorama literario galego. Este premio non só promove a creación, senón que tamén proxecta o nome de Vilalba”.”

Acta do fallo da XXX edición do Certame Literario Manuel Orestes Rodríguez López

Andrea Fernández Maneiro gaña do 50º Certame Literario do Concello de Vilalba

Andrea Fernández Maneiro gaña a 50 Edición do Certame Literario do Concello de Vilalba con Meridiano Orixe – A raposa que anda aos grilhos.
Baixo a presidencia da Concelleira de Cultura Tamara Rodríguez e actuando como Secretaria a Técnica de Cultura Sonia García Paredes, o xurado formárono a escritora vilalbesa Cecilia Fernández Santomé; Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia, Xulio Xiz, xornalista; e Fidel Fernán, director do grupo de Radio Principal.”
(Autor da foto: José Cuervo).

O belén de Begonte xa ten gañadores do seu concurso de poesía 2023

Desde Terrachá Xá:
“O xurado do XLVIII Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal, convocado polo centro cultural José Domínguez Guizán de Begonte, formado por Xavier Rodríguez Barrio, escritor; Sara Blanco Díaz e María Jesús Blanco Díaz, da Comisión de Cultura do centro convocante, e Xulio Xiz Ramil, presidente do Centro, fixo público o seu fallo.
Lidos os traballos presentados, acordaron premiar co primeiro premio, dotado con 600 euros e figura de Sargadelos a María Soledad García Riveiro, de Nigrán (Pontevedra), polo poema titulado Bethléem.
O segundo premio, dotado con 300 euros e figura foi para Xosé Otero Canto polo poema presentado co lema Luces sacrae, titulado Ao neno levade lelías de música e poesía.
Pola calidade dos traballos concedéronse dúas mencións de honra, dotadas con figura de Sargadelos. Foron para David Corral Díaz, begontés residente en Ferrol, polo poema presentado co lema Alecrín, titulado Un neno, noso veciño. O outro foi para Manuel Laespada Vizcaíno, de Albacete, polo poema Postales del Belén.
Os premios serán entregados o próximo 27 de xaneiro, no decurso do acto de clausura do Nadal de Begonte.”