Santiago: Memoria das Memorias dun neno labrego, de Cándido Pazó, coa presenza de Xosé Neira Vilas

O 28 de xaneiro, a partir das 20:30 h., no Salón Teatro de Santiago, estréase o espectáculo de Cándido Pazó Memoria das Memorias dun neno labrego, sobre a obra de Xosé Neira Vilas, quen subirá ao estrado para recibir a merecida e calurosa homenaxe do público.

Noia: presentación de Todo é silencio, de Manuel Rivas

O venres 28 de xaneiro, a partir das 20:00 h., no Teatro Coliseo Noela (Rúa Curro, 4) de Noia, preséntase o novo libro de Manuel Rivas Todo é silencio, publicado en Xerais. No acto, as alumnas Miriam López Romero e Paula Gómez González e os alumnos Pablo García Blanco e Sergio García Domínguez entrevistarán ao escritor para a revista Entrepontes. Acompañarán musicalmente o acto o trío formado pola cantante Iria Peña e os guitarristas Gastón Rodríguez e Miguel Ladrón de Guevara. Colabora o Concello de Noia.

Lugo: presentación de Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 28 de xaneiro, ás 20:00 h., na Librería Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval, gañador do X Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, publicado en Espiral Maior. No acto, acompañando ao autor, participan Miguel Anxo Fernán-Vello, Marica Campo e María Casar. Organizado pola A. C. Ergueitos.

A Coruña: estrea do proxecto de fusión artística Fuso Negro

O venres Fuso Negro28 de xaneiro, a partir das 20:30 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, e con entrada libre, bota a andar o proxecto de fusión artística Fuso Negro, -nome quitado dunha personaxe de Ramón del Valle-Inclán-, que tenta ser un proxecto cultural, tipo spoken word, no que o poeta Xoán Abeleira, o baixista Álvaro Muras, o guitarrista Julio Cuns, o percusionista Karlos Barral e o batería Bruno Couceiro fusionan, basicamente, a música, o teatro e a poesía de vangarda. Recollemos esta entrevista publicada en Galicia Hoxe.

Boiro: mesa redonda sobre o O Pazo de Goiáns, con Antón Riveiro Coello

O venres 28 de xaneiro, a partir das 20:30 h., no salón de plenos do Concello de Boiro, a Asociación Cultural Barbantia e o Concello organizan unha mesa redonda titulada Pazo de Goiáns: patrimonio histórico, cultural e medio ambiental, na que participarán o historiador “Queté” Vázquez Lijó; o profesor, escritor e socio de Barbantia Xulio Gutiérrez Roger; o escritor e presidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello; e mais o profesor e socio de Barbantia Xesús Laíño, que moderará o debate.