Xabier P. DoCampo: “A Real Academia Galega non me necesita”

Entrevista a Xabier P. DoCampo no Xornal de Galicia:
“O meu respecto pola Real Academia Galega é tanto que teño clarísimo que non me necesita. (…) Cando teñan unha vacante, se queren, que me pregunten a miña opinión; poden estar seguros de que nunca direi o meu nome. Pensei máis veces en ser santo, se cadra porque hai máis prazas, que en ser académico. Iso é unha teima de Jaureguizar e algún máis. Están tan empeñados en propoñernos a min e a Agustín Fernández Paz que fixemos un acordo: que nos dean unha cadeira para os dous, pero que nola dean canto antes, que estamos engordando” (…)
Os primeiros lectores de DoCampo foron o avogado Rafael Bárez e o profesor Francisco Silvosa, os seus compañeiros no seminario de Lugo. Cada noite, recorda, o cativo que foi escribía un conto e facía dúas copias con papel carbón. Unha para cada un. “Non deixei de escribir dende entón, pero até 1986 non publiquei. Cando rematei O misterio das badaladas xa tiña outra novela a medio facer e un libro de contos. Por moito que me quixese proletarizar, por moito que pensase que publicar era un vicio burgués, ao que me conducía aquilo era á frustración máis absoluta”. Para aforrar, resumiu o argumento do libro e mandóullelo a catro editoriais cunha carta na que lles explicaba a única condición da poxa: o primeiro en amosar interese quedaba co orixinal. Adiantouse Vía Láctea, onde chegara a súa oferta rebotada dende Ediciós do Castro. “Aínda teño pola casa as cartas de Xela Arias, de Xerais; Carlos Casares, de Galaxia; e alguén de Sotelo Blanco que xa non recordo pedíndome a novela. Xa chegaban tarde”.”

Vigo: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas

O martes 5 de abril, ás 20:00 h., na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa) de Vigo, preséntase o libro Vivir, unha aventura irrepetíbel, biografía de María do Carme Kruckenberg, obra de Mercedes Queixas, publicado en Galaxia. No acto participan Iolanda Veloso, Francisco Castro, Mercedes Queixas, e a propia María do Carme Kruckenberg. Crónica posterior en Xornal.

Víctor Freixanes: “Detrás de Vilanova de Alba está un país sen a vontade de ser”

Entrevista a Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Cre que o seu oficio de editor interfire na túa repercusión como escritor?
– Víctor Freixanes (VF): Na miña repercusión como escritor non sei moi ben. Supoño que hai xente que pensa que son un escritor con vantaxes, e é certo. Estou no sistema e estou en posicións de responsabilidade no sistema. Pero tamén é certo que hai e houbo moita xente así: Guelbenzu, Gimferrer, Gallimard, Carlos Casares, Fran Alonso. E non pasa nada. Forma parte do sistema. Os que estamos nisto temos sempre a sensación de ter que demostrar dúas veces a condición. Tamén é verdade que eu levo na escrita desde os 24 anos, cando se publicou Unha ducia de galegos, e que a miña obra literaria é anterior ao meu traballo como editor. Non oculto que cando me decidín a publicar este libro, Cabalo de ouros, era unha dúbida que tiña de se debía publicar na editorial que dirixo ou non. Pero non é a primeira vez que me pasa. A cidade dos Césares é un libro que eu lle dera a Galaxia, entre outras cousas porque eu tiña alí publicada toda a miña obra. Dirixía Xerais por entón e case cando o libro estaba para entrar en imprenta, os compañeiros de Xerais dixeron que como era posible que estando á fronte dunha editorial o libro fose publicado por outra. Agora quizais o fago con menos dúbidas porque a miña casa para editar foi sempre Galaxia, que onde están todos os meus libros, menos dous. (…)
– LVG: ¿Séntese cronista dunha época en desaparición?
– VF: Na escrita de cada quen faise a parábola do mundo que vive. No meu caso creo que tamén. Nas miñas novelas hai esas parábolas. Nesta, que está máis cerca de nós no tempo e na paisaxe que o Triángulo ou que os Césares, está moito máis clara esa crónica. Detrás de Vilanova de Alba está un país sen a vontade ser. Vai no discurso porque a escritura de ficción é o máis parecido a debrocar os soños no diván do psiquiatra.”

A Coruña: charla musicada A poesía de Álvaro Cunqueiro, con César Morán

O martes 5 de abril, ás 20:00 h., no Kiosko Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez) da Coruña, con entrada libre até completar capacidade, prosegue o ciclo Cinco días con Cunqueiro, organizado pola Concellaría de Cultura en homenaxe ao autor mindoniense, do que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento, coa charla musicada: A poesía de Álvaro Cunqueiro, a cargo de César Morán.

A Coruña: Notas ao documental da AS-PG: ‘Don Álvaro Cunqueiro ou o camiño da memória’, conferencia de Miguel Mato

O luns 4 de abril, a partir das 20:00 h., no Kiosko Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez) da Coruña, con entrada libre até completar capacidade, comeza o ciclo Cinco días con Cunqueiro, organizado pola Concellaría de Cultura en homenaxe ao autor mindoniense, do que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento, coa conferencia de Miguel Mato: Notas ao documental da AS-PG: ‘Don Álvaro Cunqueiro ou o camiño da memória’.

Pontevedra: presentación de as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó

O martes 5 de abril, ás 20:00 h., na Libraría Michelena (Rúa Michelena, 22) de Pontevedra, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. No acto terá lugar un recital audiovisual realizado por Sara Riobó con pinturas de Nuria Pahino dunha duración aproximada de vinte minutos, no que intervirán, ademais do propio autor, Marián Bañobre e Santiago Cortegoso.