Recoñecemento internacional para tres libros de cociña

“O libro coordinado por Yolanda Castaño Cociñando ao pé da letra, coas fotografías de Andrea Costas, vén de ser nominado aos prestixiosos GOURMAND WORLD COOKBOOK AWARDS 2011, uns premios que recoñecen os mellores libros de cociña editados do mundo. A categoría na que se conseguiu a nominación é na de Best Cookbook Photography, algo que non nos sorprende pois ademais da altura das literarias receitas que os cociñeiros escribiron, o traballo de Andrea Costas brilla por si mesmo. Os resultados anunciaranse o mércoles 6 de marzo de 2012 no teatro Les Folies Bergère de Paris. Por outra banda, o segundo dos libros de Benigno Campos, Novas receitas da cociña de Larpeiros está entre os finalistas na categoría de Best TV Celebrity Western Europe.” Vía Galaxia. Desde a Asociación Galega de Editores informan que a obra Guía secreta da gastronomía de Galicia: Lugo de Miguel Vila Pernas, publicada o pasado mes de agosto por Alvarellos Editora, foi recoñecida como Mellor guía de viaxe gastronómica e competirá agora na fase final do concurso onde se medirá cos gañadores da mesma categoría doutros países e linguas.

Dez medios únense para concienciar da importancia da comunicación en galego

“No marco da feira Terractiva, en Arzúa, presentábase este sábado, 17 de decembro, a campaña Vitaminas para o galego. Dez medios na nosa lingua, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Praza pública, Radiofusión, Tempos Novos, Certo.gl, Quepasanacosta, O Sil, Valminor.info e Crónica3 participan neste proxecto que quere concienciar a sociedade da importancia de contar con medios na nosa lingua. O proxecto desenvolverá ao longo dos vindeiros meses concertos, presentacións e relatorios por todo o país, e editou xa diferentes elementos promocionais como paraugas ou calendarios. Segundo apuntan os promotores, un dos obxectivos da iniciativa é “axudar á supervivencia dos medios na lingua do país, así como impulsar o nacemento de novas cabeceiras”. Vía Cultura Galega.

Antonio Rey Somoza é o gañador do Premio de Historia Medieval de Galicia do ano 2011

“A edición número once do Premio de Historia Medieval de Galicia foi para a obra A nobreza na poesía lírica Galego-Portuguesa, de Antonio Rey Somoza. O xurado, reunido no Concello de Noia, o dezasete de decembro de dous mil once, cabodano do Mariscal Pardo de Cela, estivo formado D. Henrique Monteagudo como presidente e, como vocais, D. Xerardo Agrafoxo Pérez, D. Clodio González Pérez, D. Pedro García Vidal e D. Marcos Fernández Ferreiro; actuando como secretario, sen voto, Don David González Couso. O Premio é outorgado conxuntamente por Toxosoutos e os concellos de Carnota, Muros, Outes, Lousame, Noia e Porto do Son. A obra explora a información que ofrece o cancioneiro trobadoresco galego-portugués (no seu sector satírico) e as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, un corpus textual que corresponde á situación plenomedieval (século XIII) do centro e o occidente da Península ibérica. Un traballo que salienta polo seu carácter interdisciplinar, ao mostrar a utilidade da explotación dos textos literarios como fonte de información histórica, complementaria e nalgúns aspectos (por exemplo, no terreo das mentalidades) superior á obtida das fontes documentais tradicional. Os ideais e actitudes da nobreza son presentados coas mesmas palabras de individuos da época; os valores e o modo de vida nobiliar aparecen vividamente retratados; queda de manifesto a rigorosa estratificación da sociedade medieval -mesmo no interior do propio estamento privilexiado- reflectida na súa simboloxía e na ironía/sarcasmo das cantigas; tamén se recupera información de interese dende o punto de vista da relixiosidade (o culto mariano, a cuestión das milagres, etc); e, por suposto, información referida ao campo da cultura medieval e mesmo á historia do humor e o entretemento. Desde o punto de vista do propio premio, ten outra cualidade: abre as portas aos estudos que combinan a historiografía coa filoloxía, un aspecto previsto desde o comezo, pero ao que raramente se lle deu acollida.” Vía Asociación Galega de Editores.

Aurora Marco: “As mulleres foron a columna vertebral da guerrilla galega”

Entrevista a Aurora Marco en Radiofusión:
Invisible e fundamental foi a achega feminina á resistencia antifranquista, segundo constatou a profesora da Universidade de Santiago Aurora Marco tras unha investigación de cinco anos. “As mulleres constituíron a columna vertebral da guerrilla galega”, asegura, aínda que foron moitas máis as que exerceron de enlace que as que subiron ao monte. As guerrilleiras trataban de meter armas no cárcere, proporcionaban comida e alimentos, abrían casas de apoio, avisaban dos movementos da Garda Civil, enviaban notas… Todas estas tarefas, argumenta Marco, foron as que permitiron a supervivencia da loita contra a ditadura durante unha década. (…)”. Aquí pode escoitarse a entrevista completa: 151211GUERRILLEIRAS.mp3.

Ramil (Agolada): Festa do Solsticio de Inverno

“O mércores 21 de decembro, na Eira da Xoana, en Ramil (Agolada), terá lugar unha nova edición da Festa do Solsticio de Inverno. O programa é o seguinte:
– 17:00 h. Encontro na Eira. Para elaboración de fachos.
– 17:45 h. Subida ao Cotón dos fogos. Acto de despedida ao Sol que se fará simultaneamente con outros grupos que estarán situados en lugares destacados da contorna. Os grupos confirmados que van participar son: “Bico da Balouta” e “Buxaina da Ulloa.”
– 18:30 h. Queima do Tizón. Facendo lume novo que queima o ano vello que remata.
– 19:30 h. Acto literario. Entre outros, presentación por Anxo Moure do libro O Rei da Floresta, de Curra Figueroa.
– 20:30 h. Cea e actuacións. Coma no ano anterior temos confirmada a presencia de Mini e Mero.

NOTAS:
1.- Para a cea traede a vosa comida e algo máis para agasallar aos demais.
2.- Como noutras ocasións nós poñeremos queixo elaborado por Chus, marmelo e café. Aportación solidaria 2 € soci@s e 3 € non soci@s.”

Dolores Vilavedra: “Rosalía e as baleas”

Artigo de Dolores Vilavedra en El País (Galicia):
“Congratulémonos: de certo, Rosalía volve a estar no centro do interese da novas xeracións investigadoras, como aconteceu noutros tempos que deixaron estudos fundamentais para a interpretación da obra rosaliana. Oxalá aconteza desta volta outro tanto: polo de agora, vaian botándolle un ollo a Rosalía e Murguía na procura da patria soñada de Diego Pardo Amado, un útil repaso á recepción crítica da devandita obra entre 1857 e 1916, repaso que se completa cunha escolma das máis salientables achegas que se produciron nese tempo, entre as que se inclúen as Notas biográficas de González Besada, nas que durante ben tempo beberon todos os que falaron da vida da insigne escritora, ou o famoso discurso de Javier Vales Faílde, difícil de atopar para as persoas interesadas e exemplo senlleiro da manipulación de que foi obxecto a figura rosaliana. Neste liña, bótase de menos que, malia a ampla atención (non exenta dun certo alento reivindicativo que comparto no fundamental) que Diego Pardo lle dedica ao papel xogado por Murguía na construción da memoria da escritora, non se comente en ningún momento a corrección a que someteu algún dos seus poemas tras o seu pasamento. (…)”.

O Grupo de Investigación Rosalía de Castro estrea web

“O Grupo de Investigación Rosalía de Castro, coordinado por María do Cebreiro Rábade e cun proxecto orientado ao estudo da obra narrativa rosaliana, anuncia a publicación do seu web, con información sobre produción e reunións científicas, bibliografía e máis datos.
O obxectivo do proxecto é emprender unha análise da obra narrativa de Rosalía de Castro dende tres claves metodolóxicas: historiografía literaria comparada, estudos de xénero e estudos de tradución. Asemade, o proxecto pretende contribuír á difusión social da literatura de Rosalía e participar do proceso de renovación dos estudos rosalianos.
Os membros do grupo son: Fernando Cabo Aseguinolaza (USC), Margarita García Candeira (Universidade de Huelva), Helena Miguélez Carballeira (Universidade de Bangor), Kirsty Hooper (Universidade de Liverpool), María López Sández (USC), Manus O’Duibhir (USC), María do Cebreiro Rábade Villar (USC), Mirta Suquet Martínez (USC) e Dolores Vilavedra (USC).” Vía Poesía galega.

2011: un ano para a memoria (de Cunqueiro)

Reportaxe en Cultura Galega:
“En xaneiro varias institucións públicas presentaron no CCG as liñas básicas dunha programación destinada a homenaxear a figura de Álvaro Cunqueiro ao longo de toda Galicia. Co Consello da Cultura Galega como entidade canalizadora, a concorrencia da Consellería de Cultura, a Real Academia Galega, os concellos de Vigo e Mondoñedo e as universidades do país ofreceron as liñas mestras dun intenso ano de programación cultural que acolleu congresos, exposicións, representacións teatrais, tertulias e diferentes iniciativas. “Cunqueiro é un escritor moi atractivo”, asegura Henrique Monteagudo, coordinador dos Faladoiros Cunqueiro que organizou en diferentes cidades galegas, Madrid e Barcelona, o Consello da Cultura. “Para as xeracións novas”, asegura Monteagudo, “Cunqueiro é unha figura cada vez máis remota e por isto estas accións son importantes”. Monteagudo considera que as accións do Ano Cunqueiro tiveron unha boa resposta do público e constatou o atractivo da súa figura para os galegos. “A primeira vista, Cunqueiro é un autor que atrae”, asegura Monteagudo, “pero logo non é un escritor en absoluto fácil. Require un lector bastante experto, que comprenda os xogos literarios que establece” (…)”.

Santiago: presentación de Teoria de Inverno. Os Presentes do Apalpador

“A terça-feira, 20 de dezembro, ás 19:30 horas, na Faculdade de História de Santiago de Compostela, terá lugar a apresentaçom de Teoria de Inverno. Os Presentes do Apalpador, trabalho coletivo que conta com a participaçom de Jorge Paços, André Pena, Pepe Árias, Maria Iglesias, José André Lôpez, André Seoane, Mar Llinares, Carlos Calvo, Anjo Rua Nova e Jose Cadaveira, publicado por A Gentalha do Pichel.” Vía Portal Galego da Língua.

Coñécense as obras premiadas no XXXVII Premio Modesto R. Figueiredo de relatos

“A Fundación Pedrón de Ouro elixiu Rianxo como lugar da entrega da edición número trinta e sete do Premio Modesto R. Figueiredo de relatos para, segundo explicou o seu presidente, ser partícipes da conmemoración do 125 aniversario de Castelao. A proposta tivo boa acollida no Concello, e o vindeiro día 30 farase entrega do galardón no auditorio municipal. Onte tivo lugar, na vila rianxeira, a reunión do xurado, que acordou premiar o traballo de Amancio Liñares Giraut Coreografía Obama. Xosé Ramón Fandiño, presidente da Fundación Pedrón de Ouro, destacou do traballo gañador que é unha obra “moi vangardista, moi ben artellada e moi ben escrita. Pensamos que é unha gran aportación á nova narrativa galega”. O gañador recibirá 1.000 euros en metálico como premio e a publicación do seu relato.
O xurado tamén quixo destacar outros traballos dos 39 que se presentaron ao certame concedendo dous accésits que foron para Frío azul, de Ledicia Costas, e para Eco da afasia, obra de Xaime Domínguez Toxo. Ámbolos dous recibirán 400 euros e a publicación dos seus relatos xunto co gañador. Fandiño, Anxo Angueira, Agustín Agra, Tucho Calvo, Esther Carrodeguas, David Otero e Xesús Santos, como coordinador, formaron o xurado encargado de fallar esta edición do Premio Modesto R. Figueiredo, que se entregará nun acto no que participará o escritor e académico rianxeiro Xosé Luís Axeitos.” Vía La Voz de Galicia e Certo.