O martes 22 de novembro, ás 20:00 horas, na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (Praza da Universidade, 1), preséntase o libro Poñente, de Pere Tobaruela, publicado en Xerais. O acto contará coa participación de Juan Monterroso, Lourenzo Fernández Prieto, Xoán Carmona, Manuel Bragado e o propio autor.
Arquivos anuais: 2011
A Coruña: presentación de A vida fóra, de Miguel Sande
O martes 22 de novembro, ás 19:30 horas, no Kiosko Alfonso da Coruña, preséntase a novela de Miguel Sande A vida fóra, publicada na Editorial Galaxia. No acto, en que participan, xunto ao autor, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Luís Vilela e Carlos Lema, actuará un grupo de violinos e canto do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e outras sorpresas. Crónica posterior en Galaxia.
Ourense, A Coruña, Vigo, Santiago: charlas de literatura infantil e ilustración arredor de Un misterio na mochila de Alba, con Fina Casalderrey e Xosé Cobas
Á procura dunha lingua de ‘calidade’
Artigo en El País (Galicia):
‘As únicas linguas que non mudan son as mortas. A variación é característica esencial de calquera idioma. A uniformidade do rexistro estándar é resultado dun proceso complexo que non remata cunha variedade dialectal, que non é unha eiva, senón unha riqueza. E o galego non é excepción. Se algo o ameaza son as interferencias do castelán. O profesor da Universidade da Coruña Xosé Manuel Sánchez Rei reforza con argumentos coma estes a réplica a preconceptos sobre o galego no ensaio Lingua galega e variación dialectal, que acaba de publicar Laiovento. (…)
“É grave a deficiente colocación do pronome persoal átono, mesmo por eliminar as distintas opcións existentes e confluír co español, a introdución de tempos compostos, de maneira directa ou disimulada [a partir, por exemplo, da tradución de ‘haber’ a ‘ter’] e, en xeral, na ruptura da sintaxe do galego que mesmo galegofalantes poden non recoñecer ou traducen sistematicamente ao modelo español”, subliña Goretti Sanmartín. O problema está intrinsecamente relacionado coa percepción social do estándar. “Dun xeito inconsciente, moita xente asume que o galego é a lingua B e a o castelán a lingua A”, cre o profesor Freixeiro Mato. (…)”.
‘De Frantz Fanon a Cunqueiro’
Artigo de Daniel Salgado en El País (Galicia):
“Aquela galería das clases populares, confeccionada a modo de catálogo de curiosidades e gabinete de oficios e artes da cultura non industrial, chamouse Xente de aquí e acolá. Un dos libros centrais de Álvaro Cunqueiro, publicado por Galaxia en 1971, tamén coñeceu versión en francés. Pero foi 21 anos despois e co título Galiciens, courbeaux et parapluies. Ese Galegos, corvos e paraugas traduciuno François Maspero e publicouno Actes du Sud, a editora fundada por Hubert Nyssen en 1978. (…)
Segundo Laurence Malingret, en 2005 adscrito á Universidade de Santiago, Maspero traduciu a partir da tradución ao castelán, La otra gente. Así o certifica Actes du Sud. Non foi, con todo, a única paraxe da editorial francesa, cuxo fundador morreu recentemente, na literatura galega. Les Chroniques de sous-chantre [As crónicas do sochantre] apareceron naquel mesmo ano de 1992, da man de Claude Bleton e con limiar de Torrente Ballester, e, aos dous anos, L’année de la comète ou la bataille des quatre rois [El año del cometa]. A atención de Actes du Sud ás literaturas ao sur -de Francia, enténdese- levouna, amais, até Suso de Toro. Foi no selo Jacqueline Chambon, integrado en Du Sud, onde Anne Bragance publicou en francés e en 2006 Trece badaladas, pero con título lixeiramente modificado e tamén con base no español: Le trezième coup de minuit [O décimo terceiro golpe de medianoite]. Chambon mesmo converteu en best-seller no hexágono O mandarim, de Eça de Queirós.
Lugo: presentación de Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa
O luns 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Noemí López, ilustradora do mesmo, e Manuel Bragado. Crónica posterior en El Progreso.
Foz: recital poético-musical en homenaxe a Manuel María
O venres 18 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Foz (Avenida da Mariña, 16), a Escola de Música Municipal e a Delegación de Cultura do Concello de Foz organizan un acto poético musical en homenaxe ao poeta Manuel María co gallo dos 45 anos de Versos florecidos en louvanza de Foz, gañadores dos I Xogos Florais do ano 1966. Como relator estará Suso Fernández e os poemas musicados serán cantados por Arcadio Mon. Todos os asistentes recibirán un exemplar dos Versos florecidos.
María do Cebreiro: “Ler ou non”
Artigo de María do Cebreiro en El País:
‘(…) A presenza (ou ausencia) dos clásicos da literatura galega no sistema de ensino obrigatorio é unha cuestión decisiva. Afecta directamente ao xeito no que estamos enfrontándonos á transmisión do noso pasado cultural. Un pasado cultural ameazado. Por iso mesmo é de estrañar que o problema non estea a merecer a atención que require.
Paradoxalmente, a crise do ensino da literatura galega vén coincidir coa preeminencia concedida á lingua por parte do nacionalismo hexemónico. Pero ningunha lingua debería aspirar a ser un fetiche. E o que é máis importante, ningunha lingua é independente dos seus usos. As linguas transmiten ideas, sensacións e valores que a miúdo os textos literarios encarnan dun xeito singular. Unha cousa é impoñer nas aulas o pasado literario, como se se tratase dunha realidade unívoca, e outra ben diferente é minorizalo nos programas de estudos. Facelo implicaría limitar de xeito substantivo o horizonte de lecturas que nos permite habitar o mesmo espazo aos adultos e aos mozos.
Benvidos ao deserto do real. Na fin da Galaxia Gutenberg, o importante xa non é que os rapaces lean a este autor ou a aqueloutro. O importante é que lean. Xa non se trata de experimentar aquilo que só certos autores, e dunha certa maneira, transmitiron nalgunhas obras, e só nesas. Trátase de ler aquilo que os profesores, en cánones mudables, lles damos para que escollan. Como me dixo un dos meus alumnos: “Vostede lía o que lle mandaban, agora lemos o que queremos ler”. (…)’.
Manuel Lourenzo González gaña a XXIX edición do premio Blanco Amor de novela longa
O autor Manuel Lourenzo González gañou a XXIX edición do Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor, organizado este ano polo Concello de Santiago. Co lema ATL, Manuel Lourenzo creou unha trama ambientada no futuro. En verbas do xurado, “a intriga que desenvolve a trama está ben dosificada e consegue captar a atención do lector. O mundo futuro no que se desenvolve resulta sólido e sen estridencias. E, ao mesmo tempo, ATL ocúpase dos problemas da identidade e o sentido da vida que son manexados de maneira eficaz”. O premio será entregado ao gañador polo alcalde, Xerardo Conde Roa, nun acto que se celebra o 2 de decembro, ás 20:00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. O escritor xa ten obtido outros senlleiros galardóns da literatura galega, coma o Xerais, o Pedrón de Ouro ou o García Barros, entre outros. Vía Cultura Galega.
Homenaxe a Xosé Neira Vilas na revista Raigame nº 35
Raigame, a Revista de Arte, Cultura e Tradicións Populares que edita a Deputación de Ourense a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo acaba de ver publicado o seu número 35. Desta volta, a entrega céntrase na figura de Xosé Neira Vilas e da súa obra Memorias dun neno labrego. Diferentes investigadores repasan a biografía tanto do autor como de Balbino, protagonista da obra, e analizan o contexto histórico da mesma. Os interesados en facerse cun exemplar poden contactar co Centro Xaquín Lorenzo no mail ccpraigamepublicacions@depourense.es ou no teléfono 988249493. Vía Cultura Galega.