Pontevedra: presentación da reedición de Elegías y canciones, de Álvaro Cunqueiro

O xoves 10 de novembro, ás 20:00 horas, no Café Moderno de Pontevedra, preséntase Elegías y canciones, unha edición actualizada do poemario de Álvaro Cunqueiro publicado en 1940, en reedición publicada por Follas Novas. Na presentación intervirán Luís Alonso Girgado, Luís Cochón e Armando Requeixo.

Mos: presentación do proxecto 2020 European Art Tour

O venres 9 de decembro, no Pazo dos Marqueses de Mos, terá lugar o acto de presentación do proxecto itinerante de arte e cultura 2020 European Art Tour, deseñado para que novos artistas de todalas disciplinas poidan ter un espazo de difusión para as súas creacións. No evento haberá exposicións, presentación de obras, mercado creativo e sesións de curtametraxes. Os interesados en participar poden contactar coa organización nestas dúas ligazóns do proxecto.

Gondomar: Agustín Fernández Paz falara sobre a súa última novela en Espazo Lectura

O martes 8 de novembro, a partir das 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, a asociación Espazo Lectura celebra a sesión mensual do club de lectura Sete Vidas, centrado en títulos de narrativa, coa participación de Agustín Fernández Paz, para falar cos lectores e lectoras da súa última novela Non hai noite tan longa (Xerais, 2011). Na primeira parte da sesión, de 20:00 a 21:00 horas, as persoas que participen no club poderán conversar arredor da novela antes de que o propio autor se incorpore á tertulia para charlar cos lectores e lectoras.

A Coruña: exposición Le monde habité, con fotografías de Gustavo García Roig e poemas de François Davo

Desde o mércores 9 ao mércores 30 de novembro, na Casa Museo María Pita (Rúa Herrerías, 28) da Coruña, con horario de martes a sábado, de 10:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 20:00 h., domingo, de 10:30 a 14:00 h. (luns pechado), e dentro do Outono fotográfico 2011, poderase visitar a exposición Le monde habité, coa fotografía de Gustavo García Roig e a poesía de François Davo. A inauguración terá lugar o mércores 9 de novembro, ás 20:00 horas, e, dentro dela, terá lugar un recital poético do propio autor.

Arturo Casas: “A literatura é un acto social”

Entrevista a Arturo Casas en La Voz de Galicia, a través de Galaxia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Defende unha dimensión social da literatura?
– Arturo Casas (AC): Trátase de recuperar as coordenadas sociais e políticas do feito literario. A literatura é unha actividade cultural e social e sería moi limitado entender que a lectura é un acto de sofá ou de cama. (…)
– LVG: ¿Por que esa escasa atención ao ensaio en Galicia?
– AC: Demanda unha maioría de idade cívica e tamén que se dean as circunstancias para saber que se poden achegar solucións a través do pensamento. Todo depende da función que se lle asigne á literatura. En sociedades culturalmente avanzadas e libres o ensaio é un bo metro para medir o grao de liberdade desa sociedade. A francesa, por exemplo, ten unha tradición ensaística forte, nos lugares en que é feble, en Galicia, en España e en América Latina, o ensaio foi a ferramenta fundamental do debate público. (…)
– LVG: ¿Faltan debates de ideas?
– AC: Hai debates marcados polo interese inmediato, son máis de consignas que de análises. Unha das tarefas é que se poida recuperar a maneira máis pausada de reflexionar e a acción, porque reflexionar é intervir, pero con razón, non con consignas.”

Santiago: presentación de Pintalabios, de Ana Cibeira

O mércores 9 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Pintalabios, de Ana Cibeira, publicado en Toxosoutos. No acto, acompañando á autora, participan Antía Otero e David González Couso.

Ourense: presentación de Quince sonetos de amor e once poemas máis, de Víctor Campio

“O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu a presentación da publicación Quince sonetos de amor e once poemas máis, unha antoloxía sobre a obra de Víctor Campio que busca contribuír ao recoñecemento da traxectoria literaria do escritor e á difusión da súa poesía. O profesor, escritor e académico Xesús Alonso Montero é o antólogo da obra, que foi promovida pola Xunta de Galicia e pola Deputación Provincial de Ourense. O director xeral do libro, Francisco López, definiu a Víctor Campio como “un extraordinario poeta, que xa ten un lugar na lírica contemporánea exclusivamente coa forza da súa obra”. Tamén destacou a súa satisfacción como ourensán por participar na presentación de Quince sonetos de amor e once poemas máis, “unha compilación entendida como unha forma de regreso que lle devolve á súa pequena patria o que xurdiu dela”.” Vía Fervenzas Literarias.

Ollos de auga, finalista do premio de novela negra sueca

“A primeira novela de Domingo Villar, Ollos de auga, un dos libros máis vendidos entre os lectores e lectoras galegos, foi xa publicada en doce países e continúa cos éxitos alén das nosas fronteiras. Xa fora finalista en dúas categorías dos Crime Thriller Awards en Gran Bretaña e agora é a academia sueca de novela negra a que a seleccionou entre as cinco finalistas na categoría de mellor novela negra traducida en 2010. O fallo coñecerase o vindeiro 19 de novembro.” Vía Galaxia. Tamén en La Voz de Galicia.

An Alfaya: “Quixen ser escritora e lectora”

Entrevista de Camilo Franco a An Alfaya en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“- La Voz de Galicia (LVG): Para un autor, ¿que diferenza hai entre presentar unha obra diariamente nun xornal e facelo nun libro?
– An Alfaya (AA): A diferenza é na escrita. Nunha novela para un xornal hai unha esixencia de espazo. Hai que conter a linguaxe, non podes esmerarte nin recrearte nas descricións. Hai que utilizar máis substantivos e menos adxectivos. Cada capítulo ten que pecharse estimulando no lector a continuación para o día seguinte. Cada capítulo, un co outro, ten que levar ao lector ata ao final.
– LVG: No tránsito dun soporte a outro, ¿non tivo a tentación de incorporar cousas que deixou fóra por cuestións de espazo?
– AA: Non tiven a tentación de facelo porque sería outra novela [Vía secundaria]. Os bosquexos estaban perfi lados, os personaxes están aí. Quizais engadir cousas sería abrir outras vertentes e a novela variaría moito. Non gañaría na trama argumental. (…)”.