Bases do XXXVII Certame Nacional Galego de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo do 2011

BASES XXXV II CERTAME NACIONAL GALEGO DE NARRACIÓNS BREVES PREMIO MODESTO R. FIGUEIREDO DO ANO 2011

1. Finalidade do premio. A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de Rianxo organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de Premio Modesto R. Figueiredo. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.
2. Requisitos para participar. Poderán participar todos os autores e autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.
3. Traballos que se poden presentar. Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.
4. Tempo e modo de presentación. As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 20 de novembro de 2011 a algún destes enderezos:
Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela
Concello de Rianxo (Concellería de Cultura), 15920 Rianxo – A Coruña
Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas que o Xurado considere apropiados para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e o currículo vitae se o considera oportuno, no exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.
(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.
5. Premios. A obra gañadora será premiada con 1000 euros. Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas poderán obter os segundos premios que serán de 400 euros cada un. Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda que non conten con premio económico). En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento dos seus autores e autoras.
6. Xurado e decisión. O Xurado estará composto por catro especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e PEN Clube de Escritores de Galicia) e do Concello de Rianxo. Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, secretario/a e moderador/a (estes dous últimos con voz pero sen voto).
(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
O Xurado reunirase cara á terceira semana do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.
7. Entrega de premios. Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de Rianxo na segunda quincena de decembro en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.
8. Obxeccións e normas de interese. A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, que terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.

O feito de concursar xa obriga as autoras e aos autores a aceptar as bases deste certame.

Candidatos galegos para os premios ALMA

“Fixéronse públicas as candidaturas para a edición 2012 do Premio Memorial Astrid Lindgren (ALMA), un dos máis importantes da literatura infantil e xuvenil no ámbito internacional. Na lista figuran a escritora Fina Casalderrey e mais o ilustrador Miguelanxo Prado entre un total de 184 candidatos de 66 países. Esta é a lista completa de candidaturas. O nome dos gañadores darase a coñecer o 20 de marzo de 2012.” Vía AGPI.

Santiago: recital poético Picaversos, con Olga Novo, Martin Wu e Lupe Gómez

O martes 18 de outubro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, e baixo o lema Ferid@s, chega a segunda sesión do ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Os tres lectores convidados a continuar este ciclo de lecturas son Eva Veiga, Estevo Creus e Mónica de Nut, que ofrecerán ao público con textos propios e alleos baixo ese paraugas temático, intercalados con música. A entrada custa 2 euros.

Monforte: presentación da obra poética completa de Xosé Lois García

O martes 18 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de España, 2) de Monforte, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participa Camilo Gómez Torres.

Fran Alonso: “Tento dar conta do que acontece ao meu redor, interpretándoo sen o xulgar”

Entrevista a Fran Alonso en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Neste libro analiza as relacións sociais da actualidade, teñen mudado moitos nos últimos anos?
– Fran Alonso (FA): En Ninguén reflexiono sobre a vecindade cunha mirada indiscreta do que percibimos pola apariencia ou escoitamos a través das paredes; pero tamén é unha análise sobre como as novas tecnoloxías (internet, os móbiles) inflúen no noso hábito de comunicación. Agora as nosas relacións sociais pasaron a basearse na proximidade a ser mediatizas pola tecnoloxía.
– AD: ¿É unha reflexión optimista ou feita dende a morriña?
– FA: Non me gusta a melancolía, pero tampouco é positiva. Limítome a dar conta do que acontece no meu tempo; trato de interpretalo sen o xulgar.
– AD: ¿Trátase dun ensaio con faciana de novela de ficción?
– FA: É totalmente ficción. Son moitas historias entrelazadas a través dos “hoax”, os bulos que chegan a través do e-mail.”

Estudo de Comercio Interior do Libro en Galicia 2010

“O estudo de Comercio Interior do Libro en Galicia 2010, confeccionado cos datos achegados por unha mostra de 28 das 45 empresas pertencentes á Asociación Galega de Editores, ofrece unha panorámica completa do sector no pasado ano. Na nosa opinión, tres son os datos máis significativos ofrecidos: o emprego no sector diminuíu un 20% de 2008 a 2010; a edición aumentou un 8,2% no número de títulos e o 27,1% no de exemplares; a facturación diminuíu de 2009 a 2010 nun 8%.
EMPREGO
249 son os traballadores do sector. A diminución de emprego agudizouse en 2010, ano no que se perderon o 14% dos empregos directos e se reduciu case á metade o número de colaboradores profesionais externos. Froito da concentración e da externalización é a actividade comercial a que en 2010 reduce máis o emprego (18,8%).
EDICIÓN
En 2010 a edición privada aumentou en Galicia o número de títulos publicados, chegando aos 2.115, dos que 1.556 foron en galego (74%), 520 en castelán (24,6%) e 27 noutras linguas (1,4%). Outrosí sucedeu coa edición en galego que chegou aos 2.028 títulos -o que supuxo un aumento do 22,33%-, dos que 1.566 foron publicados por editores galegos (77,2%), 320 por membros da Asociación de Editores de Madrid (15,8%) e 139 polo Gremio de Editores de Cataluña (6,8%). É de salientar que o libro en galego sitúase por diante do editado en éuscaro (1.446 títulos), aínda que moi lonxe dos publicados en catalán (10.287), que continúan co seu crecemento espectacular.
O incremento de títulos editados en Galicia ten o seu correlato no aumento do número de exemplares. En 2010, os editores privados galegos fabricaron 3.361.000 libros, o que supón un crecemento do 27,1%, así como da tirada media, que se sitúa en 1.589 exemplares por título. Este aumento da edición reflítese no catálogo vivo dos membros da AGE que acadou os 13.269 títulos.
Con respecto ao volume de edición por materias é moi significativo o crecemento dos títulos de Divulgación, que pasan de 41 a 203, como tamén do seu número de exemplares fabricados, que aumenta de 87.000 a 414.000, cifras que explican, en boa medida, o crecemento do conxunto da edición do sector neste período.
A edición literaria en Galicia mantivo en 2010 os seus parámetros anteriores, supoñendo o 21% dos títulos e o 23,5% dos exemplares. É significativo o aumento da edición de Narrativa, tanto en títulos (297 en total), como en exemplares (que superán o medio millón); baixando pola contra o volume de edición de poesía e teatro, de forma importante. A Literatura Infantil e Xuvenil aumentou lixeiramente o seus títulos até chegar aos 491 (23,2%) e, tamén, os exemplares fabricados, 705.000 (21% do total). Pola contra, a edición de libro de texto baixa, tanto en número de títulos -pasa de 582 a 491 (23,2%)- como de exemplares producidos, 898.000 (26,7%). (…)” Vía Manuel Bragado. Tamén en Cultura Galega e La Voz de Galicia.

A Universidade da Coruña propón facer honoris causa a Manuel Rivas

“O claustro da Universidade da Coruña decidirá o lunes 17 de outubro se aproba distinguir co título de doutor honoris causa ao escritor Manuel Rivas. A proposta deste recoñecemento partiu da Facultade de Filoloxía, cuxa xunta decidiu elevar ao claustro a decisión. (…)” Vía La Opinión. Tamén en Galaxia e Xerais.

Entrevista a Agustín Fernández Paz en A voz de Vilalba

A revista A voz de Vilalba do mes de setembro publica unha longa entrevista con Agustín Fernández Paz na que se repasa a concesión do Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil e a publicación da súa novela Non hai noite tan longa, pero tamén a situación da lingua galega, a presenza da literatura no ensino… entre outras moitas cuestións. A entrevista comeza cunha pregunta de Mario Paz González, o entrevistador, sobre a presenza de referencias a outros xéneros como o fantástico ou a novela negra en Non hai noite tan longa, ao que o escritor responde que “o da novela negra foi premeditado. Eu son, desde hai moitos anos, un bo lector dese tipo de novela na que, aproveitando unha historia, faise unha análise crítica da sociedade. Ademais, pra contar algo, non hai mellores tramas que as da novela negra, pois dun capítulo vanche levano ao outro, ata o final. O elemento fantástico é unha especie de marca da casa”. (…) A revista pódese descargar e ler a entrevista completa aquí.” Vía Xerais.

A Coruña: presentacións de O día que morreu Steve McQueen, de Kiko Neves, Desobediencia, de Rosa Enríquez, e Pegadas

O sábado 15 de outubro, ás 21:00 horas, no Centro Social Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9) da Coruña, terá lugar a presentación da novela O día que morreu Steve McQueen (unha novela de Xavi Ribak), de Kiko Neves, o poemario Desobediencia, de Rosa Enríquez, e o libro colectivo Pegadas, todos eles publicados por A Porta Verde do Sétimo Andar.

A Coruña: Memoria das Memorias dun neno labrego, espectáculo de Cándido Pazó sobre a obra de Xosé Neira Vilas

O sábado Memoria das Memorias dun neno labrego15 de outubro, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, con entradas a 7 euros, terá lugar, na conmemoración do 50 aniversario da primeira edición das Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, un espectáculo en que Cándido Pazó combina a súa experiencia como autor, actor e director coa súa coñecida traxectoria como contador de historias, apoiado por un coidado traballo de videocreación.