Galicia Classics homenaxea a Álvaro Cunqueiro

“O ciclo Galicia Classics fará unha homenaxe ao escritor Álvaro Cunqueiro durante os meses de setembro e outubro coa programación do espectáculo O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro, un recital poético-musical que forma parte das iniciativas programadas no Ano Cunqueiro, no que se cumpre o centenario do seu nacemento. Este espectáculo rende homenaxe ás obras que inspiraron algunhas das páxinas máis logradas da literatura galega. A primeira cita deste espectáculo da Agrupación Lírica Ofelia Nieto será o venres 23 de setembro, en Ferrol. A actuación, que comezará ás 20:00 horas, terá lugar no Auditorio Novacaixagalicia. Unha semana despois, o 2 de outubro, o recital chegará á Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, onde poderá verse ás 19:00 horas. A entrada será libre ata completar o aforamento. O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro é un recital poético-musical con guión e dirección de Antón de Santiago, que tamén actúa no espectáculo como barítono e actor e que está acompañado por Patricia Morchón, como soprano e actriz. Ambos estarán acompañados polo conxunto instrumental Cítola, composto por Ángel Lozano (violín), Rosalía Vázquez (chelo) e Ramón Carnota (guitarra). Neste espectáculo musical en homenaxe a Cunqueiro, inclúense tamén obras de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Pimentel, Novoneyra e Fernán-Vello.” Vía Xornal.

Vigo: presentación de Pegadas, de A porta verde do sétimo andar

O sábado 24 de setembro, ás 21:00 horas, en A Cova dos Ratos (Rúa do Romil, 2), de Vigo, terá lugar a presentación de Pegadas, libro colectivo de 37 autores/as de Galiza e Portugal, que constitúe o número 2 dos Cadernos Q de Vián, publicados por A porta verde do sétimo andar.

‘Mil e un Cunqueiros

Artigo de Daniel Salgado en El País (Galicia):
“Na nota ao pé dos Cantos de Hastings, catro poemas redactados nunha visita ás paraxes do sur de Inglaterra, Álvaro Cunqueiro (1911-1981) esquematizaba unha poética minúscula: “Aquí van algús, en versión ben provisional; son poesía de ocasión, pero toda poesía é de ocasión”. Era a voz do escritor en 1966, cando triunfaba coas súas propostas narrativas en galego e en castelán pero os seus poemas non atinxían repercusión equivalente. E con todo, aproveitaban calquera ocasión e inzaban as páxinas evanescentes de xornais e revistas de pequena difusión, pezas adoito ocultos tras o pano do pseudónimo. Esa etapa, rehabilitada inicialmente polo partisanismo de Méndez Ferrín na década dos setenta, é a que recolle Poesía 1933-1981. Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger encárganse dunha edición, impresa por Galaxia, que presenta en sociedade, entre outros materiais, medio cento de poemas espallados do mindoniense. (…)”

Pintan bastos, artigo de Dolores Vilavedra

Artigo de Dolores Vilavedra en El País (Galicia):
“Voltan as novidades ás librerías, aínda que con cautela pois pintan bastos para o libro galego. A recente anulación das axudas ao libro de texto deixa moitas editoras ao ventimperio, obrigadas a competir coas multinacionais do sector que abaratan custos (e aumentan o seu beneficio) a base de clonar modelos de libro estándar, sen preocuparse dos destinatarios. E unha pensa se sería moito pedir ao profesorado deste país que se comprometese co libro producido polas editoras de nós, uns libros feitos por nós e para nós, pensando en formar os cidadáns futuros deste país. Porque eses libros de texto son o balón de osíxeno que permite que as editoras afronten proxectos ambiciosos e arriscados. Claro é, as editoras galegas non poden facer os agasallos que fan moitas de fóra pero ¿iso é tan importante? ¿Non o é máis manter viva unha industria editorial que arestora é unha das trabes que alicerzan a nosa cultura? Os tempos son chegados, se queremos sobrevivir como colectivo dotado dunha identidade, do firme compromiso de cada un de nós coa nosa produción cultural, e iso, nestes intres, pasa por mercar libro galego. Tamén de texto. (…)”

Compostela acollerá a IV Bienal Literaria do PEN Clube en 2012

“Escritores de todo o mundo achegaranse a Compostela na primavera de 2012 para participar na IV Bienal Literaria do PEN Clube. A delegación galega desta organización encargarase de organizar este prestixioso encontro, segundo se acordou no recente Congreso Mundial de Escritores que se celebrou en Belgrado. A delegación galega que asistiu a este evento acordou tamén incorporar as nosas letras ao proxecto Diversity que traduce e pon na rede textos de diversas literaturas.” Vía Cultura Galega.

Entrevista a Fernando Álvarez, autor de O Ático

Entrevista a Fernando Álvarez en Fervenzas Literarias:
“Se o ano pasado levamos unha grande e agradable sorpresa co debut literario de Ánxel Vázquez de la Cruz, non menores son as sensacións que temos ao achegarnos a O Ático (Follas Novas), obra coa que Fernando Álvarez entra pola porta grande da literatura dramática. O escritor ferrolán, autor de El viaje de regreso, mostra a crudeza da vida reflectida nos personaxes que transitan polo ático. Diferentes avatares que procuran derrubar unha e outra vez as esperanzas e os soños. Vagas de desilusión e desenganos como as que nos atopamos na rúa todos os días; ante as que só cabe sobrepoñerse e intentar facer un chisquiño máis grande a físgoa da ilusión e da felicidade porque, aínda que non nos decatemos, as veces temos que nos fiar dos consellos dos mortos… Drama, humor ácido, esperanzas, deseos, afundimentos na miseria humana… son algúns dos apectos que o lector atopará nesta obra que non debería de pasar inadvertida. (…)”

Profesores da Universidade de Santiago homenaxean a Juan José Moralejo

“Un grupo de profesores da Universidade de Santiago ofreceron o xoves 22 de setembro unha homenaxe ao tamén profesor Juan José Moralejo Álvarez. A celebración tiña como motivo o 70º aniversario do doutor en Filoloxía Clásica, que foi profesor de numerosas promocións da Universidade compostelá. A homenaxe, que partiu dun grupo de docentes do Departamento de Latín e Grego, tivo carácter aberto, e fóronse sumando no salón de actos da Facultade de Filoloxía unha parte dos amigos, colegas e exalumnos do profesor que traduciu a Política de Aristóteles ao galego”. Vía La Voz de Galicia.

Finalistas do Premio Frei Martín Sarmiento 2011

Desde o Blog de Gálix:
“Velaquí o listado dos finalistas da VIII edición do Premio Frei Martín Sarmiento:

1ª Categoría (1º e 2º de EP):
– Abraham Carreiro: As espiñas do porco espiño, Ed. A Nosa Terra.
– María Corleone: María, Ed. Everest.
– Miguel Vázquez Freire: Xurxiño quere ser…, Baía Edicións.

2ª Categoría (3º e 4º de EP):
– Carlos López Gómez: A peripecia de Roi, Ed. Edelvives.
Antonio Yáñez Casal: Xoa, Ed. Xerais.
– Pinto & Chinto: Contos para nenos que dormen deseguida, Ed. Kalandraka.

3ª Categoría (5º e 6º de EP):
– Teresa González Costa: A filla do ladrón de bicicletas, Ed. Xerais.
– Leticia Vila Sexto: Os tratantes de papagaios, Ed. Galaxia.
– Manuel Darriba: Brais e os demais, Ed. Galaxia.

4ª Categoría (1º e 2º de ESO):
Elena Gallego: Dragal, Ed. Xerais.
– Andrea Maceiras: Violeta Tamurana, Baía Edicións.
Francisco X. Fernández Naval: Suso Espada “Nota Roja”, Ed. Everest.

5ª Categoría (3º e 4º de ESO e Bacharelato):
Manuel Núñez Singala: Menú de enganos, Ed. Galaxia.
Marcos Calveiro: Settecento, Ed. Xerais.
Francisco Castro: O segredo de Marco Polo, Ed. Galaxia.

6ª Categoría (adultos):
– Xulia Alonso: Futuro imperfecto, Ed. Galaxia.
Manuel Portas: Denso recendo a salgado, Ed. Xerais.
– Carlos G. Reigosa: A lei das ánimas, Ed. Galaxia”.

Foz: presentación de Amigos e sodomitas, de Carlos Callón

O venres 23 de setembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura (Avenida da Mariña, 16) de Foz, presentarase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, publicado en Sotelo Blanco. No acto, organizado pola Asociación A Pomba do Arco de Foz, participará, acompañando ao autor, Xosé Ramón Fernández Pacios.

Gondomar: proxección dun documental en homenaxe a Álvaro Cunqueiro dirixido por Manuel Forcadela

O venres 23 de setembro, ás 20:30 horas, no Aula de Cultura Ponte das Rosas (Avenida da Feira, 10) de Gondomar, terá lugar a presentación e proxección dun documental en homenaxe a Álvaro Cunqueiro a cargo do seu director, Manuel Forcadela. O acto está organizado pola Sección de Lingua e Literatura do Instituto de Estudos Miñoranos.