O venres 3 de xuño, ás 19:30 horas, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Nómade, de María Rosendo Priego, co que gañou a XXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé, publicado en Espiral Maior. No acto participa a poeta Andrea Nunes Brións.
Arquivos anuais: 2011
Manuel Portas: “Apaixóname crearlle vidas e mundos a rostros do común”
Entrevista a Manuel Portas en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Ten que ver coa busca de aire fresco na literatura galega?
– Manuel Portas (MP): Estase facendo unha narrativa moi boa no país, moi boa, e estase recoñecendo internacionalmente. Creo que a narrativa ten que ensaiar novas fórmulas, arriscar. Necesita a conivencia co lector, e paréceme imprescindible o hibridismo. A narrativa tense que mesturar con outras expresións artísticas como en orixe o fai a poesía.
– LVG: De aí o disco que inclúe a novela [Un dedo manchado de tinta]. ¿Como naceu a idea?
– MP: É casual, aínda que hai tamén algo causal. Deuse a coincidencia de ter á vocalista de Loaira, Clara Pino, traballando no mesmo centro. Leu o orixinal do libro e acabou convertendo en texto poético, que logo musicou, seis temas creados a partires doutros tantos personaxes que aparecen na novela. É un produto diferente a partir da mesma materia artística. Hai que ir por aí.”
Ourense: actividades do venres 3 na Feira do Libro
Continúa a XXVII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), aberta até o domingo 5 de xuño, con horario de 11:30 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas.
As actividades máis destacadas do venres 3 son as seguintes:
– 19:30 h. Presentación dos ensaios sociolóxicos Todo menos o cuiñar, de John Barlow e Rusos como Creso, de Elana Lenina e da novela Dónde está la esperanza, de Fernando Sancho Casal, publicados por Franouren Edicións. Participarán no acto Bárbara Álvarez Fernández e o director da editorial, Manuel Ángel García Fernández.
– 20:30 h. Fernando Méndez presentará o seu libro Deus xogando aos dados, publicado en Sotelo Blanco Edicións. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro.
A Coruña: conferencia Rosalía de Castro entre a modernidade e a antimodernidade, de María do Cebreiro
O venres 3 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, terá lugar unha nova charla do Ciclo Escrita(s) 2011, na que María do Cebreiro falará sobre “Rosalía de Castro entre a modernidade e a antimodernidade – elementos para unha nova política de tempo”: Rosalía de Castro nace no mesmo ano no que Charles Darwin debuxa no seu caderno de apuntamentos unha árbore que torcerá o curso do pensamento humano sobre a natureza. Así como dende Darwin o patrón evolutivo se converteu nun dos fundamentos das ciencias da natureza, a modernidade filosófica tendeu a converter a idea ilustrada do progreso nunha das súas principais liñas de forza. Na obra de Rosalía de Castro o progreso desempeña unha función ambivalente. A democracia radical, a utopía socialista e o feminismo da igualdade conviven coa defensa da especificidade cultural de Galicia e a temporalidade progresiva das grandes revolucións coexiste coa apoloxía de certos costumes ameazados pola modernidade. O dobre compromiso descrito permite contribuír a explicar a riqueza sempre problemática da súa obra, capaz de abrir un interrogante que segue batendo no presente: Como conciliar os principios dun igualitarismo universal de carácter emancipador co recoñecemento de distintos tempos dentro deste tempo?”
Vigo: representación de Lorca e as flores de Venus, de Marga do Val
O venres 3 e sábado 4 de xuño, ás 22:30 horas, e o domingo 5 ás 21:30 horas, no Teatro de Arte Livre (Rúa Vázquez Varela, 19) de Vigo, terá lugar a representación de Lorca e as flores de Venus, de Marga do Val e música de María Graña, nun texto libremente inspirado nas múltiples investigacións sobre a vida e obra de Federico García Lorca, e que será interpretado por Eisenhower Moreno.
Santiago: encontro e coloquio entre Iolanda Zúñiga e Llucía Ramis
O venres 3 de xuño, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e no marco dos I Diálogos Literarios do Gaiás, organizados pola Fundación Carlos Casares, terá lugar este encontro e coloquio:
De 11:00 a 12:15 h.: Escribir novela na era da internet, con Iolanda Zúñiga e Llucía Ramis, moderadas por Tucho Calvo. A partir das 12:30 horas, terá lugar o coloquio.