Nace Dioivo, un novo medio de comunicación dixital galego, en 29 de Febreiro de 2012: “O Dioivo, en calquera caso, é inminente. E abonda xa de explicacións. Queremos chover xa. Chover e escribir. Escribir e chover. Xornalismo para o país da chuvia. E cando mexen por nós, diremos que mexan por nós, e non outra cousa diferente. Estamos preparadas para contar e contrariar, que é o noso, o mapa de ruta desta publicación. Calquera que algún día soñou con ser independente, e poder dicilo con orgullo, saberá do que estamos a falar.”
Arquivos mensuais: Febreiro 2012
Ofrenda floral a Cunqueiro en Mondoñedo
“Como cada 28 de febreiro dende hai trinta anos, o pasado martes o Concello de Mondoñedo levou a cabo unha ofrenda floral ao escritor Álvaro Cunqueiro coincidindo co seu trixésimo primeiro cabodano. Con tal motivo, ás 11:30 h. desprazouse ata o cemiterio vello desta localidade unha comitiva da que formaban parte o rexedor e diversos edís mindonienses, amais dunha nutrida representación da corporación ferrolá, cidade coa que Mondoñedo está irmandada.
Presidindo a comitiva figuraba o profesor e crítico, tamén mindoniense, Armando Requeixo, quen foi o encargado este ano de oficiar de mantedor da ofrenda, na que se depositou unha rosa vermella na tumba do poeta Manuel Leiras Pulpeiro —de quen se cumpre este ano xustamente un século do seu pasamento— para logo pronunciar unhas breves palabras de recordo e homenaxe diante da tumba de Álvaro Cunqueiro ao tempo que se dispuñan ao pé desta diversos centros florais. A seguir, a comitiva trasladouse ao Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo, onde o mantedor do acto pronunciou ás 12:15 h. unha breve alocución baixo o título de Álvaro Cunqueiro: mindoniense irrefutable, que foi seguida dunha lectura pública do poemario Herba aquí ou acolá á que o propio orador deu comezo e na que interviñeron autoridades e numeroso público asistente.” Desde Galicia Confidencial.
Henrique Monteagudo: ”Hai que valorar o conseguido no galego co esforzo da xente e sentir a lingua como algo noso”
Entrevista a Henrique Monteagudo en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): No discurso de ingreso dixo que o galego precisa desenvolvemento e modernidade, ¿como pode a Real Academia Galega actuar nisto?
– Henrique Monteagudo (HM): A RAG ten un papel social moi orientador, xa que é unha institución que vela pola lingua. Conta cun prestixio e carisma, polo que as súas opinións e as orientacións que dá son ben escoitadas. Iso, ademais do servizos concretos que teñen que ver coa norma lingüística ou o asesoramento público. (…)
– G: ¿Que risco ten o uso do galego como baza política?
– HM: Non se pode falar do galego sempre en ámbito de enfrontamentos, de desacordos, de leas, senón que se asocie a innovación, a acordos e a compromisos positivos para o país. É importante que haxa sensacións positivas na lingua. Polo interese común, as grandes liñas da política lingüística deben estar amplamente consensuadas entre os partidos. Aínda que é lexítimo que xurdan discrepancias concretas.
– G: ¿Que opinión lle merece o Manifesto das cadeiras que reclama máis presenza feminina na Academia?
– HM: Esta iniciativa era unha crítica á Academia, na que non hai unha representación equitativa entre mulleres e homes. Xa non é unha cuestión de cuotas, senón de xustiza: o papel das mulleres no desenvolvemento da lingua é importantísimo, así como por exemplo na creación do Día das Letras Galegas.”
Ferrol: conferencia de Darío Xohán Cabana
O xoves 1 de marzo, ás 19:30 horas, no salón de actos da Aula UNED de Ferrol (Rúa María, 52-54), e dentro do ciclo de conferencias As miñas lecturas favoritas, Darío Xohán Cabana falará sobre Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal e Se o vello Sinbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro.
Vigo: presentación de A mala vida, de Begoña Paz
O xoves 1 de marzo, ás 20:30 horas, na Galería Jazz (Ronda de don Bosco, 21, baixo) de Vigo, preséntase o poemario A mala vida, de Begoña Paz, publicado por Ediciones La Baragaña.
Fran Alonso: “Alegraríame se tivésemos un best seller, aínda que o diga con dor”
Entrevista con Fran Alonso en Tempo Dixital:
“(…) – Tempos dixital (TD): Publica Ninguén dez anos despois de Males de cabeza (Xerais, 2001) e no epílogo desbota un enlace directo co que era o seu último título de narrativa para adultos. Por que?
– Fran Alonso (FA): A estrutura garda relación con Males de cabeza e tamén con Cemiterio de elefantes (Xerais, 1994), por ese camiño de exploración entre o relato e a novela. Intenta esvaer os xéneros; no próximo libro aínda o levarei a un extremo moito maior, e aí acabo con ese tipo de experimentación. Ninguén explora as relacións humanas de vecindade incorporando dúas metáforas, un edificio e as novas tecnoloxías, e iso emparéntao máis con Silencio (Nigra, 1995). En Males de cabeza están os problemas que o individuo sofre coas novas formas de sociedade. Pero aquí non exploro tanto a psicoloxía dos personaxes como o contorno. Iso fai que este libro parta directamente de Silencio e de Balada solitaria (Edições Eterogémeas, 2004), poemario que só se publicou en Portugal e que agora está reproducido en Transición (Franouren, 2011). (…)
– TD: E tamén como traballador nunha editorial, como entende a normalización nunha cultura en que ás veces parece cinguirse á imitación de modelos próximos?
– FA: Esa é unha contradición permanente, aínda que xa vivimos nela máis ca agora. Por un lado sería magnífico que houbese best sellers en galego que lesen 20 mil persoas, o tipo de libro que se vende noutras culturas. Pero queremos que haxa lectores en galego ou queremos ter unha literatura de calidade, non estigmatizada polo mercado? Por un lado quero que haxa lectores para best sellers pero por outro reclamo a dignidade da literatura á marxe das modas que dite o mercado. E cada vez máis, e esa é unha reflexión que fago moito como editor, a edición está máis putrefacta. Mandan os grandes grupos e a edición está máis en mans de xerentes, de comerciais, ca de editores. Iso que denunciaba Schiffrin no seu libro, A edición sen editores. As estratexias editoriais dos últimos anos, de ocupación de metros cadrados de librarías, adiantos millonarios de dereitos, contratacións sen sentido, de pugna por novelas de moito éxito, de desviación a produtos comerciais á marxe da calidade literaria, creou un estado no que hoxe é moi difícil recuar. Iso é algo que me preocupa moito, porque penso que na edición paga a pena crear cultura. Pero o meu corazón parte en dous. Non podo dicir que non me alegrase se tivésemos un best seller, aínda que o diga con dor. Iso significaría que teriamos unha cultura normalizada, que en Galicia, aínda que se lería mala literatura, leríase en galego. Pero que é a normalidade? Inevitablemente creo que temos que camiñar cara a unha normalidade que implique dignidade literaria, calidade e ao mesmo tempo unha cultura en que haxa lectores e unha sociedade entregada cos seus propios referentes. Iso é pedilo todo. (…)”
A Coruña: conferencia A presenza das mulleres na literatura galega, de Mercedes Queixas
O xoves 1 de marzo, ás 20:30 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, Mercedes Queixas pronunciará a conferencia A presenza das mulleres na literatura galega.
A Coruña: presentación de Febre, de Héctor Carré
O xoves 1 de marzo, ás 11:30 horas, no Centro Galego de Artes da Imaxe (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, preséntase Febre, de Héctor Carré, publicado en Xerais. O acto, organizado para os alumnos e alumnas de Bacharelato Audiovisual do IES Adormideras, contará coa participación de Manuel Bragado e propio autor, quen falará cos estudantes da súa novela e sobre a relación da literatura co cine.
Santiago: presentación de Heroes de Galiza e de España
O xoves 1 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraria Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Heroes de Galiza e de España, publicado por Figurandorecuerdo(s)edicións. No acto intervirán Carlos Callón Torres, Xesús Redondo Abuín e Rosa Espiñeira Pan.
Santiago: presentación de Mortos de Ningures, de Pereledi (Pere Tobaruela e Ledicia Costas)
O mércores
29 de febreiro, ás 15:15 horas, no Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela, perante un auditorio constituído principalmente por rapaces de 11 anos, preséntase Mortos de Ningures, de Pereledi (Pere Tobaruela e Ledicia Costas), publicado por Everest Galicia. No acto participan os propios autores da obra.