Fragmento dunha das últimas entrevistas a Isaac Díaz Pardo desde Praza:
“(…) Deste xeito, a fita de Veloso incluirá unha das últimas entrevistas que concedeu o insigne galeguista. “A miña idea con Isaac era facerlle unha entrevista concreta sobre Valentín Paz Andrade, pero despois facerlle outra máis ampla sobre el mesmo. Ese día, o día que o entrevistamos, estaba xa tocado. Despois de media hora de conversa paramos, non nos queríamos exceder”, lembra o propio Veloso. Esa conversa con Isaac será unha das moitas voces que se recollen neste proxecto, no que anda a traballar o realizador dende o pasado verán. O seu testemuño estará acompañadas por outros como o do xornalista Tucho Calvo, o escritor Neira Vilas ou Xosé Díaz, fillo de Díaz Pardo. “O documental será un retrato coral, un puzle xeral sobre Valentín. Pero a min paréceme tan importante neste proxecto o autor que se trata como as persoas que van falar. As voces son tan importantes, quizais máis, que o propio Valentín. O documental é realmente deles. Sobre todo no caso de Díaz Pardo, que xa non está”, explica o director.
Nesa entrevista, Díaz Pardo ofreceulle a Veloso moitas lembranzas sobre Paz Andrade. Contoulle, con voz pausada e a memoria lúcida, unha serie de anécdotas que retrataban a súa relación con Valentín e o momento histórico no que se moveron. Díaz Pardo rememorou como chegara as súas mans a obra máis lembrada do impulsor da revista Industrias Pesqueras. “Galicia como tarea, o primeiro que a leu fun eu. Luís Seoane recibiu os folios. El tiña moito que facer e entregoumos a min. Eu corrixín os folios”, explica Isaac, que tamén lembrou como a versión inicial axustábase ao momento histórico e aos límites da censura. “Corrixino eu. E claro, a obra tiña que ir co estilo do franquismo… El Ferrol del Caudillo, esas cousas… Saquei esas cousas. Luís Estaba totalmente de acordo”, sinala. Noutro dos fragmentos da entrevista, que Veloso cedeu a Praza, Isaac Díaz Pardo eloxiaba o esforzo de Paz Andrade pola cidade na que viviu case toda a súa vida. “Vigo débelle todo a Valentín Paz Andrade, aínda que haxa quen queira quitarlle o posto”, sentencia. (…)”.
Arquivos mensuais: Febreiro 2012
Vigo: presentación de Desobediencia, de Rosa Enríquez
O venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas, na A. C. Bou Eva (Rúa Tercio de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Desobediencia, de Rosa Enríquez, publicado por A porta verde do sétimo andar. No acto, acompañando á autora, participa Anxo Angueira, autor do limiar.
Vigo: conferencia Os papeis de Xosé María Álvarez Blázquez, por Xosé María Álvarez Cáccamo
O venres 3 de febreiro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura de Vigo (Praza da Princesa, 2), co gallo da entrega á Fundación Penzol dos fondos da colección arquivística de Xosé María Álvarez Blázquez, terá lugar unha conferencia de Xosé María Álvarez Cáccamo titulada Os papeis de Xosé María Álvarez Blázquez. O acto de entrega será no mesmo lugar ás 12:00 horas.
As Pontes: concerto comentado de Haberá primavera, por César Morán
O venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa Dopeso (Rosalía de Castro, 28), As Pontes, terá lugar un concerto comentado do libro-disco Haberá primavera, de César Morán, publicado en Galaxia, baseado en poemas de Álvaro Cunqueiro. No acto o autor estará acompañado por Afonso Morán (contrabaixo) e Roberto Somoza (saxo).
Betanzos: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
A sexta feira 3 de febreiro, ás 20:30 horas, no Liceo de Betanzos, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, e as asociacións Roxín Roxal e Eira Vella, en colaboración coa Deputación da Coruña, participará o propio autor.
Ourense: conferencia Contando a Historia, por Antón Riveiro Coello
O venres 3 de febreiro, ás 20:15 horas, na Aula de Cultura (Rúa Lamas Carvajal, 5) do Liceo de Ourense, dentro dos Encontros Literarios: Contando historias desta entidade, Antón Riveiro Coello pronunciará a conferencia Contando a Historia. As invencións de Clío.
Lugo: presentación de Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá
O venres 3 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase o libro gañador do XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá, publicado en Espiral Maior. No acto, organizado pola Agrupación Cultural Ergueitos, participan, xunto ao autor, María Casar, Baldo Ramos e Miguel Anxo Fernán-Vello.
A Coruña: presentación de 101 Falares com jeito, de Fernando Corredoira
A sexta-feira 3 de febreiro, ás 20:00 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro 101 Falares com jeito, de Fernando Corredoira, publicado por Através Editora.
Tomar a literatura por Asalto
Reportaxe en Praza pública:
“A literatura non só serve para chamar ao sono antes de durmir. A palabra pode mobilizar, retar, falar do cotián e poñelo en cuestión. Asalto é un proceso de creación colectiva, un experimento de escrita colectiva “que actúe como punto de apoio ou panca na organización do descontento”. Polo momento, o texto colectivo de Asalto contén achegas de Xiana Arias, Elena Cabrera, Natalia Carrero, Colectivo Todoazen, Roberto Enríquez, Belén Gopegui, Alberto Lema, Antonio Martín, Guillem Martínez, Elvira Navarro, Eider Rodríguez, Daniel Salgado, Gonzalo Torné ou Nacho Vegas. (…)
– Praza: A literatura constrúe espazos de resistencia. É iso abondo?
– Alberto Lema: A literatura como resistencia é un placebo coa que algúns escritores tratamos de aliviar a nosa irrelevancia. A literatura, nalgúns casos, pode apostar pola utopía, unha ficción na que se consolar do inferno realmente existente.
– Xiana Arias: Abondo para que? Para resistir ao fascismo? Para soster a educación pública, a sanidade pública, o dereito á vivenda…? Para conversar coa traballadora do Inem cando che comenta que o mellor que podes facer é marchar da Galiza? Para parar a incineradora do Irixo? A literatura é literatura.
– Daniel Salgado: Non sei exactamente que significa “construír espazos de resistencia”. A literatura tropeza coas ideas de quen a le. E non, non é abondo. Abondo, ou polo menos o comezo do abondo, sería unha folga xeral indefinida en toda Europa. Iso tamén é literatura. (…)”.
Unha homenaxe a Rafael Dieste
Desde Cultura Galega:
“Presentamos unha escolma de gravacións do escritor rianxeiro Rafael Dieste. O Arquivo Sonoro de Galicia publicou esta nova entrega da colección As nosas voces -a número 6 en 1995. O Consello da Cultura Galega contribuía, deste xeito, a conmemorar a Dieste, a quen se lle dedicaba ese ano o Día das Letras Galegas.”