Vigo: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

A cuarta feira 29 de febreiro, ás 20:15 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa) de Vigo, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, interveñen, xunto ao autor, Elsa Quintas, Pepe Carreiro e Manuel Bragado.

Vigo: presentación de O morador da Fenda, de Roberto A. Rodrigues

O mércores 29 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Social Lume! (Avenida Alcalde Gregorio Espino, 55) de Vigo, preséntase a novela O morador da Fenda, de Roberto A. Rodrigues, publicado por Contos estraños, que inaugura a triloxía Os Abismos da Noite Eterna. No acto participa o propio autor.

Lugo: presentación do libro Emigrante dun país soñado. Luís Seoane entre Galicia e Arxentina

O mércores 29 de febreiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Emigrante dun país soñado. Luís Seoane entre Galicia e Arxentina, editado polo Consello da Cultura Galega. Na presentación intervirán Ramón Villares, Benxamín Casal e Claudio Rodríguez Fer. Crónica posterior en El Progreso.

Henrique Monteagudo: “O PP e a Xunta dan ao galego menos apoio do que deberían”

Entrevista a Henrique Monteagudo en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Do estado de saúde da lingua non fai unha diagnose moi positiva. ¿Tan mal anda a cousa?
– Henrique Monteagudo (HM): Atravesamos unha crise moi seria, non só polo que nos mostran os datos sobre a evolución do galego como lingua falada da poboación, senón tamén polos discursos sociais en expansión que cuestionan a lexitimidade, a conveniencia, a utilización… da normalización lingüística. (…)
– LVG: Afirma tamén que o idioma precisa apoio. ¿Préstallo a Xunta?
– HM: Home, creo que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está dando un apoio que lle toca dar. O Partido Popular no seu conxunto e a Xunta no seu conxunto, menos do que deberían dar: con mensaxes contraditorias aquí e en Madrid, buscándolle sempre a volta a calquera cousa que sexa para favorecer o galego… e incluso tomando medidas que nalgúns casos restrinxen o alcance da oficialidade da lingua.
– LVG: Tras a súa incorporación á Academia, a porcentaxe masculina de membros da corporación sobe ao 85,2 %. ¿Que ocorre?
– HM: Creo que a Academia debera pensar niso. Son claramente partidario de que tome nota de que é imprescindible recoñecer a importantísima achega das mulleres á cultura galega. Non por promocionar ou darlle unha cota especial; simplemente, recoñecerlles ese papel.”

Henrique Monteagudo ingresou na Real Academia Galega

Desde Galaxia:
“Solemnemente, rodeado de familiares e amigos, cunha ampla representacion da vida cultural, política e académica, Henrique Monteagudo Romero, filólogo, especialista en sociolingüística, autor de Galaxia e codirector da revista Grial ingresou con todos os honores na primeira institución da nosa cultura, fundada por Manuel Murguía en 1905, cun discurso sobre o presente e o futuro do idioma, ao que respondeu a académica Rosario Álvarez Blanco.
“O futuro do idioma galego está profundamente vencellado ao proxecto de futuro que sexamos quen de darlle ao noso país. Unha responsabilidade de todos, non só dos especialistas, non só dos intelectuais, non só dos partidos políticos, senón do conxunto da sociedade, homes e mulleres conscientes da significación dun activo tan importante para un pobo como é dispoñer de idioma de seu”, apuntou o novo académico.
“O futuro do idioma está nas mans dos homes e mulleres de Galicia, dos que o falan e mesmo dos que, aínda sen falalo, o consideran patrimonio fundamental da nosa identidade e da nosa historia”, engadiu. “Os pais e as nais han saber transmitilo aos fillos e aos netos. Os políticos teñen a responsabilidade de dotalo de recursos para a súa recuperación. A escola debe incorporalo de xeito activo e inequívoco, para facelo normal, como lingua de uso e vehículo de coñecemento. Pero é a sociedade no seu conxunto, a través das súas institucións públicas e das súas institucións civís, quen debe garantir ese futuro, que nos afecta como pobo, moito máis nestes tempos difíciles de discurso neoliberal, ideoloxía darwinista e globalizacion”. (…)”
O discurso completo pódese descargar aquí.

Henrique Monteagudo: “Nos conflitos lingüísticos, sempre ten vantaxe a lingua que se asocia á innovación social”

Entrevista a Henrique Monteagudo en Praza:
“(…) – Praza (P): O modelo que nace nos oitenta entrou en crise?
– Henrique Monteagudo (HM): Entre 2005 e 2010 o proceso autonómico pechou un ciclo e non sei como vai continuar. Por un lado, debido ao propio esgotamento do modelo, e polo outro pola non implicación de axentes que poderían terlle dado contido real dinamismo a ese proceso, falo dunha parte do nacionalismo. En Catalunya e Euskadi a autonomía foi para adiante e foi un elemento de construción nacional porque son as forzas nacionalistas as que asumen a autonomía como un reto propio, e como un reto que non é do nacionalismo, senón que é do país. (…)
– P: Dis que a normalización non é ‘recuperación’ senón ‘innovación’. Poderías explicalo?
– HM: A min estas ideas de presentar as políticas de normalización como un proceso de recuperación dun ben perdido, esa mitificación da Idade Media, mesmo nalgún libro que se di serio afírmase que na idade media o galego era unha lingua normal, cando na Idade Media a inmensa maioría da poboación era analfabeta e a lingua de cultura era o latín. Ese é o modelo que queremos recuperar? A normalización lingüística é unha innovación social, é unha sociedade que quere modernizarse coa súa lingua, levándoa a aqueles ámbitos nos que non está presente.
– P: Que estratexias se deben seguir para mudar as tendencias negativas sobre o uso do idioma, que se perciben sobe todo nas cidades e na mocidade?
– HM: Os cambios lingüísticos van asociados aos cambios sociais. Nos conflitos lingüísticos, sempre ten vantaxe a lingua que se asocia á innovación social. Aquí tempo que abandonar esta retórica ‘pasadista’ e tentar conectar con aqueles sectores da sociedade máis innovadores; hai que presentarlles o galego non como algo do pasado, senón como un desafío de futuro. A xente segue identificando cultura galega con cultura tradicional, e iso ten que ver coa mensaxe que trasladamos nós. (…)”

Bases do Premio Abertos ao Galego 2012

Abertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística para avanzar na normalización do idioma de Galiza no ámbito empresarial.
O Premio Abertos ao Galego quere contribuír a este obxectivo e implicar o conxunto da sociedade na súa consecución.
Para isto, o Premio Abertos ao Galego outorgaranse de acordo coas seguintes

BASES

1. O Premio Abertos ao Galego concederase anualmente a unha empresa que se distinga no uso normalizado da lingua galega.
2. As candidaturas para o Premio Abertos ao Galego poden presentarse de calquera das seguintes formas:
– Os membros do xurado poden propor unha ou varias empresas.
– Calquera empresa ou particular pode presentar unha ou varias candidaturas enviando á sede da Mesa pola Normalización Lingüística (Avenida de Lugo, 2A entresollado A, 15702 Santiago de Compostela) ou por correo electrónico (abertosaogalego@amesanl.org) unha proposta que inclúa o nome e datos de contacto da empresa xunto cunha explicación da candidatura na cal se incida no uso do galego que se fai desde a empresa candidatada.
– Todas as empresas que formen parte de Abertos ao Galego son candidatas.
3. O prazo para a presentación de candidaturas remata o día 2 de maio de 2012. Para as candidaturas remitidas por correo postal, admitiranse candidaturas enviadas até esa data, que se reciban antes da data da reunión do xurado.
4. O xurado do Premio Abertos ao Galego estará conformado polos compoñentes da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística, e a partir da segunda edición incorporarase ao xurado un representante da empresa gañadora na edición anterior. Tamén serán convidados a formar parte do xurado unha asociación de consumidoras/es e unha entidade asociativa do ámbito da empresa (cámaras de comercio, asociacións empresariais… ). A presidencia do xurado recaerá na presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística.
5. O xurado seleccionará a empresa premiada tendo en conta os obxectivos e finalidade do premio, e pode optar por deixalo deserto. A súa decisión será inapelábel.
6. As persoas que remitiron candidaturas a título particular entrarán no sorteo dun lote de produtos das empresas de Abertos ao Galego. Para poderen participar no concurso é imprescindíbel que se teñan identificado con nome, apelidos, número de carné de identidade, teléfono e enderezo postal. Toda esta información xestionarase de acordo co disposto na Lei 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.
7. As empresas candidatas, para poderen manter esta condición, deberán acceder a facilitar información ao xurado en relación cos usos lingüísticos que practican interna e externamente.
8. Os premios serán entregados nun acto público ao cal se dará difusión polos medios que determine A Mesa pola Normalización Lingüística.
9. O premio, ademais de no seu carácter simbólico, materialízase na pertenza ao proxecto Abertos ao Galego por un ano para a empresa gañadora. Na portada da páxina web da Mesa pola Normalización Lingüística figurará o logotipo da empresa gañadora cada ano.
10. As empresas premiadas poderán mencionar na súa comunicación externa e interna a posesión deste premio.”

“Analizamos os datos de emprego do informe As industrias creativas en Galicia e o norte de Portugal

“O emprego nas industrias culturais en Galicia representan un 2’17% do total de empregados que existen no país, unha porcentaxe importante. No 2011, 21.263 persoas que se moven nun variado elenco de industrias creativas, xestión cultural, medios de comunicación, patrimonio e creación artística. Son eles o corazón da nosa cultura. Esta reportaxe tenta analizar como é o emprego cultural neste país e como o sector dos autónomos está a medrar. Non é doado computar do mesmo xeito a traballadores tan diferentes entre si coma o subsector da Edición cos das Artes escénicas ou a impresión de videoxogos, pero é unha constante nos informes internacionais que analizan o sector cultural, tan heteroxéneo no seu interior como identificable no seu conxunto desde o exterior. A semana pasada, AGADIC presentou o informe As industrias creativas en Galicia e o Norte de Portugal: análise cuantitativa elaborado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial. Aínda que unha significativa parte das cifras sobre a industria chegan ata 2009 (onde figuran os últimos datos oficiais sobre moitas das magnitudes), no caso do emprego os autores do informe puideron recabar os datos da Tesourería da Seguridade Social ata marzo de 2011. Os datos de emprego amosan, polo tanto, un horizonte temporal claramente afectado xa pola crise económica. (…)” Vía Cultura Galega.

Santiago: Picaversos especial en homenaxe a Wislawa Szymborska

O martes 28 de febreiro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Especial Wislawa Szymborska, onde participarán Piedad Cabo, Olga Novo, Alicia Fernández e Paula Carballeira poñendo voz aos poemas da poeta, ensaísta e tradutora polaca.