Renovación da páxina web de Baía Edicións

“Neste novo espazo web de Baía Edicións incorporamos varios apartados: Novas sobre a actualidade, Material didáctico, Xuntanza de escritoras, Encontro coa natureza, Galería de imaxes e vídeos, e unha serie de recomendacións que Baía Edicións fai a todos os usuarios. No apartado Xuntanza de escritoras serán as escritoras as protagonistas deste espazo. Terán a posibilidade de incorporar artigos, reseñas, notas, relatos etc. O que queremos con este espazo é que , pretendemos que sexa algo máis…. un, para que falen do seu papel na sociedade, de como ven a literatura. Co apartado pretendemos (nenos, adultos, especialistas, etc.), incorporando no mesmo, reseñas, calendario de conmemoracións, artículos de opinión, consellos medioambientais etc. Pretendemos que sexa un espazo no que poida , enviándonos todos aqueles escritos, artigos, reseñas… que consideren interesante compartir.” Desde Baía.

A Coruña: presentación das traducións Cita con Rama, de Arthur C. Clarke e Venecias, de Paul Morand

O xoves 12 de abril, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntanse as dúas novas obras de Hugin e Munin, editorial orientada á tradución a galego de narrativa de ficción: Cita con Rama, de Arthur C. Clarke e Venecias, de Paul Morand. No acto participa Javier Pedreira, Wicho.

A Coruña: A Arte e a Literatura, con Miguelanxo Prado e Xavier Seoane, nos V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura

O mércores 11 de abril, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), comezan os V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cunha mesa redonda sobre A Arte e a Literatura, onde participan como relatores Miguelanxo Prado e Xavier Seoane. No acto intervirán, previamente, Ana María Fernández Gómez, concelleira de Cultura, e o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

Vigo: presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas

O mércores 11 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas (Avenida Martínez Garrido, 21), de Vigo, Xosé Neira Vilas presenta a súa nova novela, Esperando o leiteiro, publicada por Galaxia. Estará acompañado por Víctor F. Freixanes e Isaura Abelairas. No acto a actriz Uxía Blanco realizará a lectura dalgúns fragmentos da obra.
Crónica posterior en Galaxia.

Marcelino Fernández Mallo: “As palabras caen en terra seca, é tempo de pasar á acción”

Entrevista a Marcelino Fernández Mallo en Dioivo:
“Marcelino Fernández Mallo acaba de presentar a súa nova novela, Pallarega (Toxosoutos). Froito de sete anos de traballo, a obra acompaña o proceso de superación e desenvolvemento persoal de Nicolás, un rapaz criado no franquismo que, coma moitos outros membros da súa xeración, tira para adiante sendo quen de manter a súa autonomía de criterio por enriba da propaganda ideolóxica oficial. Non é un heroe, senón máis ben un supervivente, que non se cuestiona moito sobre a xustiza dos réximes ditatoriais cos que convive. Coma tantos outros. (…)
– Dioivo (D): Dalgún xeito o libro é unha homenaxe a unha xeración, dis, “admirable”, criada na ditadura e capaz de loitar, resistir, ir alén da submisión e a ignorancia na que querían confinalos. Podes explicar un pouco máis isto?
– Marcelino Fernández Mallo (MFM): Para os galegos nacidos nos anos 20 e 30, o mínimo nivel de educación foilles un ben de luxo. Ademais de medrar nunha contorna de carencias enormes, foron sometidos a un ambiente de represión xa non física, senón sobre todo espiritual, emocional e intelectual, malia o cal souberon conservar o seu talento innato e mesmo prepararse inconscientemente para a transformación que haberían experimentar no ocaso das súas vidas. Por todo isto, coido que son unha xeración a reivindicar e a recoñecer.
– D: Unha das cuestións que aparecen no libro é a lingüística: a relación de Nicolás coa súa propia lingua e cultura. Por onde querías levar a reflexión, nun tempo, o actual, de ataques a ambas?
– MFM: A lingua é parte dun ser. Nesa lingua expresa as súas ideas, sentimentos e intencións. Nicolás ten conciencia deste feito e utiliza a lingua coma un instrumento. Vai a Madrid é emprega o galego para manter a ligazón coas súas orixes, pero tamén como método para transmitir inocencia, por exemplo, cando é necesario. En Cuba, mantén o uso da lingua para adquirir unha posición de dominio en determinados espazos, como pode ser a bodega. A importancia da lingua como elemento de idiosincrasia e diferenza é incuestionable malia os intentos actuais de banalización por parte dalgunhas poderosas organizacións e colectivos. (…)”

Vigo: mesa redonda sobre Valentín Paz Andrade

O martes 10 de abril, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, terá lugar unha mesa redonda sobre Valentín Paz Andrade, que, coa presentación e coordinación de Miguel Anxo Seixas Seoane, reunirá a Tucho Calvo, Xan Carballa e Charo Portela. Crónica posterior en Galaxia e no blogue de Ramón Nicolás.

O retorno ao recital

“Recitais en bares. Duascentas persoas reunidas para escoitar versos. Xente que paga unha entrada de dous euros para ver lecturas en voz alta. Nos últimos anos, unha vaga de propostas arredor da práctica de recitar poesía están a conseguir un importante seguimento social e preséntanse como un xeito cada vez con maior aceptación para se achegar a este xénero. (…)
Encol do éxito destas propostas, as súas promotoras apuntan a relativa facilidade da poesía para chegar ao público a través da oralidade. “Teño unha fonda fe no recitado poético como feito literario en si mesmo. A poesía ten unha capacidade oral e un carácter escénico que a diferenza doutros xéneros”, lembra Yolanda Castaño. “A lectura pública permítelle á xente descubrir un xeito máis directo e emocionante de se achegar á literatura”. No entanto, todas recoñecen que o fenómeno non é novo, e lembran a multiplicidade de recitais que existían no noso país durante os anos 90. “Daquela houbera un auxe moi grande que logo caeu. Dáse un certo movemento pendular que tamén vai por focos xeográficos, naquel momento era Santiago o que concentraba a maior parte das iniciativas”, lembra Castaño. Lado, pola súa banda, apunta que en xeral “está a se dar unha recuperación bastante grande dos recitais, logo do tremendo baixón que houbo. Hai moitas iniciativas e semella que a xente ten dentro a ansia de ver e de facer cousas”. Cociña, pola súa banda, coincide en que “antes había moitas máis iniciativas deste tipo, en Compostela mesmo se chegaba a dar contraprogramación. Agora si que é certo que se está a voltar un pouco ao recitado”. Encol da aceptación do público, apunta que “aínda que escoitar esixe concentración e estamos hiperestimulados, atopamos moita xente que, sen ter contacto previo coa poesía, descobren que lles gusta e repiten”.”

Antón Riveiro Coello: “Non abonda dicir o pasado, hai que tentar comprendelo”

“O escritor Xesús Fraga entrevista nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia, ao autor de Laura no deserto, Antón Riveiro Coello. Na mesma, desgránanse polo miúdo algúns aspectos desta novela de exilio e segredos familiares. Podes baixar a conversa completa, en formato PDF aquí.” Vía Galaxia.