Xerais publica a Poesía completa de Valentín Paz-Andrade

“Xerais publicará a Poesía completa de Valentín Paz-Andrade, volume de 752 páxinas preparado polo profesor Gregorio Ferreiro Fente, que dá a luz unha copiosísima e relevante obra poética inédita que redimensiona completamente a súa figura literaria. Son distintos poemarios escritos entre 1937 (en plena Guerra Civil, o que os reviste de especial interese para a literatura galega) e 1984: A serra. Cantos do desterro branco (1937); Sangue na neve: Etopeia da serra (1937); Cantos da aguia e do lobo (1937); Canto do pobo disperso (1955); Canto reuncial de Galiza (1980); Áurea ora de Galiza (1984); Canto en catro ao conde de Andrade (1985); Poemas soltos (1937-1984); así como os textos fragmentarios Canto do liño e da la (1937-1939) e Os sete salmos da remigración (1955).

Vigo: presentación de Dark butterfly, de Rexina Vega

O venres 27 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase a novela Dark butterfly, de Rexina Vega, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Paz Raña Lama, Iolanda Zúñiga, Rosa Enríquez, Begoña R. Outeiro, Manuel Bragado e Lucia Riveiros Vázquez.

Noia: entrega do XI Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal

O sábado 28 de abril, ás 13:00 horas, na Igrexa de Santa María a Nova (Carreiriña do Escultor Ferreiro s/n) de Noia, terá lugar o acto de entrega do XI Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal correspondente ao ano 2011. Presentarase a publicación do traballo gañador, A nobreza na lírica medieval galego-portuguesa, de Antonio Rey Somoza, acto en que o autor estará acompañado polo académico Henrique Monteagudo, presidente do xurado e os demais membros: Pedro García Vidal, Clodio González Pérez, Xerardo Agrafoxo e Marcos F. Ferreiro.

Ferrol: conferencia de Carlos Callón sobre Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

O venres 27 de abril, ás 18:00 horas, na Casa Solidaria de Ferrol, Carlos Callón falará sobre os consellos contidos no seu libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, publicado en Xerais, dentro das xornadas Transformar Ferrolterra para transformar Galiza, convocadas por Galiza Nova.

Quiosco: Grial 193

“O traballo de Valentín Paz Andrade e mais de Isaac Díaz Pardo como emprendedores galeguistas centran o número 193 da revista Grial, que acaba de saír do prelo. Textos dos dous persoeiros, artigos sobre o seu traballo da man de Xoán López Facal, Uxío Labarta ou Fernando Salgado, así como lembranzas de Alonso Montero e Neira Vilas sobre a figura do fundador de Sargadelos ocupan boa parte desta entrega. Canda a isto, un artigo sobre as posibilidades de Galicia como parte da Lusofonía, da man de Henrique Monteagudo e Serafín Alonso Pintos, ou unha análise sobre xornalismo e novos medios da man de Carlos G. Reigosa son outros dos contidos que se poden atopar no número.” Vía Cultura Galega.

Boiro: presentación de Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias

O venres 27 de abril, ás 20:30 horas, no Salón de Actos do Centro Social (Rúa Principal, s/n) de Boiro, preséntase o libro Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias, publicado en Galaxia, e o número 74 do suplemento cultural A Voz de Barbantia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participan, xunto ao autor, Xesús Laíño, Xosé Ricardo Losada e Helena Teixeira. A continuación do acto terá lugar o concerto David Lojo Quartet, na Estación Leñaverde.

Manuel Núñez Singala e Elena Gallego, premios Frei Martín Sarmiento

“Fallouse o VIII Premio Frei Martín Sarmiento para as categorías de 1º e 2º da ESO e de 3º e 4º da ESO. Gañaron, respectivamente, Dragal, de Elena Gallego (Xerais) e Menú de enganos de Manuel Núñez Singala (Galaxia).” Vía Gálix.

Arteixo: presentación de Perspectivas sobre Bóveda

O venres 27 de abril, ás 20:30 horas, no Centro Cívico Cultural de Arteixo, preséntase o libro Perspectivas sobre Bóveda: ensaios e poemas polo seu 75º cabodano, onde participan Xurxo Couto e o editor do libro, Xosé Manuel Sánchez Rei.