“O economista e Presidente de Honra de Editorial Galaxia Xaime Isla Couto morreu este mércores 25 de abril en Vigo. Isla Couto foi un dos fundadores de Editorial Galaxia en 1950 e unha importante personalidade no ámbito da cultura galega e da galeguización da empresa e da banca en Vigo durante o século XX. (…)” Vía Cultura Galega.
Arquivos mensuais: Abril 2012
Letras de fantasía
“Hai agora dez anos publicábanse na nosa lingua os tres volumes de O Señor dos Aneis, obra por antonomasia da literatura fantástica. Desde entón, este xénero foi incrementando a nosa presenza na nosa literatura, sexa mediante traducións ou con autores do propio país. A celebración dos primeiros encontros de autores do xénero amosa en qué xeito está a cristalizar a fantasía nas nosas letras. (…)” Vía Cultura Galega.
Buenos Aires: conferencia de Ramón Nicolás sobre Celso Emilio Ferreiro
O mércores 25 de abril, ás 20:30 horas, nos locais da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina, no salón Arturo Cuadrado (Chacabuco 955), emprazado no barrio de San Telmo en Buenos Aires, Ramón Nicolás falará de Celso Emilio Ferreiro, tanto da edición bilingüe de Longa noite de pedra como das novas achegas que incorpora na vindeira biografía que aparecerá en Xerais en datas próximas baixo o título de Celso Emilio Ferreiro no rodicio dos días. No apartado musical participarán María do Ceo e mais o seu grupo musical.
Santiago: Festival Vitaminas para o galego, o 27 de abril
Ribeira: conferencia O multifacetismo emprendedor de Paz Andrade, por Xesús Manuel Valcárcel
O xoves 26 de abril, ás 20:00 horas, no Conservatorio Municipal de Ribeira, e dentro dos Xoves Literarios, terá lugar unha conferencia de Xesús Manuel Valcárcel sobre O multifacetismo emprendedor de Paz Andrade, na que se afondará na figura do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Santiago: presentación de Nos muros do Mundo, de Amauta Castro
O xoves 26 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Nos muros do Mundo, do autor galegocatalán afincado en Girona Amauta Castro, acto no que participarán Fernando M. Cimadevila e Antía Marante. O venres 27, ás 20:00 horas, fará o propio na Libraría Cartabón (Rúa Urzáiz, 125) de Vigo, onde o autor estará acompañado por Francisco Táboas.
A Coruña: A literatura e a música, con Paulino Pereiro e Margarita Viso Soto, nos V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura
O mércores 25 de abril, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), terá lugar o acto de clausura dos V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cunha mesa redonda sobre A Literatura e a Música, onde participan Paulino Pereiro e Margarita Viso Soto, presentados por Mercedes Queixas.
Vigo: presentación de Do idilio á diáspora, de Xosé Carlos López Bernárdez
O mércores 25 de abril, ás 20:00 horas, na Fundación Laxeiro (Rúa Policarpo Sanz, 15-3º) de Vigo, preséntase o libro Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane, de Xosé Carlos López Bernárdez, publicado en NigraTrea. No acto, xunto ao autor, participarán Javier Pérez Buján e Nieves Loperena.
Brasil: conferencias de Francisco X. Fernández Naval
Na Feira do Libro da cidade de Fortaleza, Brasil, Francisco X. Fernández Naval participou o luns 23 de abril nunha conferencia sobre literatura galega, o mesmo tema que tratará noutra conferencia o martes 24 de abril, na Universidade de Ceará.
Coñécense os gañadores do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
“O xurado da sexta edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico decidiu por unanimidade outorgar o galardón á obra Poema sinestésico para tres voces e un can, escrita por Eva F. Ferreira. O Premio da Audiencia foi para Intercom-baby, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso. O xurado subliñou da obra premiada a “utilización de materiais non convencionais no narrativo, a intensidade dramática de obra a súa intención de levar a quen escoita a unha paisaxe sonora pouco habitual nunha peza radiofónica”. Destaca tamén “o discurso provocador no fondo e na forma, o risco na procura de novos camiños da creación para a radio, a intención lúdica do texto que suscita a curiosidade e o xogo emocional co oínte e o formato da obra cunha feitura que engasta a xeito de collage as diferentes linguaxes artísticas. Poema Sinestésico para tres voces e un can indaga na actitude de quen escoita, e lonxe de asentarse no previsible provoca unha emoción inesperada”. Os integrantes do xurado foron Evaristo Calvo, actor e director de teatro; Xosé Manuel Pacho Blanco, escritor, gañador da V edición; Camilo Franco, xornalista e crítico de teatro; Roberto Taboada, director artístico do Festival Alt de Vigo; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do “Diario Cultural”. (…) Ademais das dúas obras gañadoras, as tamén finalistas Ironías, de Carlos Losada Galiñáns, e Quendas, de Zé Paredes, publicaranse nun libro-CD editado por Xerais.” Vía Diario Cultural.