Ciro Briones gaña o 26º Premio de Poesía Concello de Carral co seu poemario Oídos de espeléologa

“O poeta Ciro Fernández Briones, vén de facerse co 26º Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra Oídos de espeleóloga.
Ciro Briones, da Pobra do Caramiñal e nado no 1996, xa conta con galardóns como os de poesía e de ensaio da Universidade de Vigo no 2020, o 1º premio de poesía Xuventude Crea nas súas edicións do 2020 e 2022, e o 2º premio do XXIII Certame de Poesía Díaz Jácome (2022).
O poemario de Briones foi escollido entre un total de 90 obras presentadas, o cal supón un record para este certame que tiña a súa mellor cifra de participación en 56 libros. O xurado salienta do libro gañador a súa coherencia, o ritmo, o coidado da linguaxe e a súa armonía verbal. É un poemario que desde certas coordenadas da filosofía explora liricamente espazos da desolacíón e afonda na reflexión metafísica. O eu poético trasládanos a un espazo de escuridade que moito ten que ver cos cadros do pintor polaco Beksinski, e ofrece un discurso poético que alumea e libera entre tanta desolación.
O xurado estivo composto por Olga Patiño Nogueira, Carlos Penela e Antía Marante. Como presidente actuou o alcalde de Carral, Javier Gestal, e como secretario o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo.
O premio Concello de Carral está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio Concello de Carral está previsto para o venres 9 de xuño na Casa da Cultura e servirá, así mesmo, para presentar o libro Trono e caléndula, co que Carlos Penela gañou a 25ª edición do certame. O evento contará tamén coa presentación do recital poético e musical Os puntos do impacto, creado por Álex Mene e Margarida Mariño a partir do poemario do mesmo título que gañou o certame no ano 2021.
Como vén sendo habitual, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Cultura para a publicación da obra premiada.”

A Coruña: Libros a monte III

Semana do Libro de Compostela (Selic) 2018, actos destacados do sábado 2 e domingo 3

O sábado 2 e domingo 3 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 21:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para estes días dentro do seu programa:

Sábado 2
11:00 h. Libraría Lila de Lilith e A Sega. «Olladas cruzadas». Club de lectura. Lectura dos libros Sangue 12, de Cris Pavón e Saturno tamén é deus, de Uxía Casal. Modera: Paula Gómez del Valle.
12:30 h. Libraría Lila de Lilith e A Sega. «CríticAs». Conversa sobre lecturas Por que é necesaria unha crítica feminista? Outros xeitos de facer crítica literaria. Modera: Antía Marante.
12:30 h. Hércules ed. Ring… Ring! Quen rima? Obradoiro de ilustración e lectura a cargo do ilustrador Enrique López.
13:30 h. El faro de los tres mundos. Cara de velocidade. Marga Tojo. Presentación do Poemario ilustrado da Ed. Kalandraka coa presenza da autora.
17:30 h. Libraría Palacios. Lola e as 21 vacas. Xogos e contacontos da man da ilustradora Blanca Millán. Ed. Triqueta Verde.
18:30 h. Chan da Pólvora. Diálogo entre Daniel Salgado e Ismael Ramos. Conversa arredor de O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler e Lumes. Ed. Apiario.
18:30 h. A Corva. Compoñedora de contos Cristina Collazo compón fermosos contos extraídos da cultura popular galega.
19:30 h. Paseo literario Salvador García-Bodaño. Percorrido polos espazos dos afectos e feitos do poeta, en colaboración coa AELG. ▸ Inicio: Praza do Obradoiro.

Domingo 3
13:30 h. Autoedicións Micromundos. Disto non se fala. Presentación da plaqueta de Verónica Martínez Delgado e Emma Pedreira sobre o acoso e a desigualdade de xénero.
18:00 h. Libraría Lila de Lilith e A Sega. Ex-céntricas. Autoras desde a periferia. É importante falar con autoras que escriben desde a periferia, lonxe dos centros nos que se congregan as actividades culturais. Modera: Andrea Barreira.
18:00 h. Urco Editora. Xandra, a landra que quería voar. Mercedes Queixas. Contacontos para público infantil do conto de Mercedes Queixas.
18:30 h. Urco Editora. Reunión coas Nosoutras de María Victoria Moreno. Helena Villar Janeiro, Ana María Fernández e Ursula Heinze en conversa con Xavier Senín.
18:30 h. Xandobela. Navegando entre papel e contos. Paseo narrativo, lúdico e creativo a través das historias que María Victoria Moreno nos deixou no seu libro Mar adiante.
19:00 h. Encontro con Dulce Maria Cardoso. Encontro coa escritora portuguesa Dulce Maria Cardoso en colaboración co Instituto Camões.
20:00 h. Hércules de Edicións. Galicia inmaterial, Galicia máxica. Presentación e sinatura de exemplares do libro.

A Coruña: Libros a monte 2018