Arquivos mensuais: Xaneiro 2013
Ourense: presentación do número 196 da revista Grial
Ponteareas: presentación de Adelaida, de Artur Alonso Novelhe
Santiago: presentación de A vaca caníbal, de Marilar Aleixandre
O mércores 16 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase A vaca caníbal, de Marilar Aleixandre, publicado en Galaxia.
A Coruña: Poesía+Poesía, obradoiro dirixido por Dores Tembrás
O obradoiro Poesía+Poesía, dirixido por Dores Tembrás, pretende ser unha rota de achegamento, ou varias rotas, das moitas posíbeis, á poesía galega contemporánea. Ao longo das sesións procuraremos distintos xeitos de ler que nos permitan adquirir ferramentas e aprofundar en aspectos concretos dalgunhas poéticas actuais. Cinguirémonos, na maioría dos casos, á exéxese dunha selección de textos de autores que abarcarán dende poetas dos oitenta ata novísmos creadores recén saídos do prelo. Todo co obxectivo de aplicar esas ferramentas á escrita creativa, recoñecendo os puntos fortes que caracterizan cada estilo e fortalecendo os máis débiles. A metodoloxía é sinxela: acometer a interpretación do texto dende o traballo coa palabra. Un camiño de dobre dirección da palabra ao poema e viceversa. O que nos interesa é explorar os distintos xeitos de ler, diferentes modos de enfrontarnos a un texto, tendo en conta que non hai unha única lectura por cada lector, senón que a experiencia lectora é un fenómeno múltiple. A atención que se adoita concentrar nos recursos estilísticos verase ampliada sustancialmente, prestándolle especial atención á palabra, á arquitectura do texto, á emoción. Neste sentido dende o primeiro intre establécese que o importante para chegar ao poema é a intuición. Non é precisa unha formación previa para ler poesía, aínda que esta poida enriquecer a lectura.
RESUMO
– Nivel: Iniciación.
– Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
– Horario: Todos os martes de xaneiro a marzo, de 18:00 a 20:00 horas.
– Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
– Inscrición: aquí.
– Nivel: Medio (previa entrevista).
– Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
– Horario: Todos os martes de xaneiro a marzo, de 20:00 a 22:00 horas.
– Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
– Inscrición: aquí.
Conversamos con… Ilustradores galegos
Desde Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Tamén é de agradecer a internacionalización de editoras que dan unha especial importancia a libros onde o ilustrador ten o mesmo valor que o escritor, como OQO ou Kalandraka, por exemplo.
– Kiko da Silva: Kalandraka, e posteriormente OQO xunto a outras editoriais que se sumaron ao álbum ilustrado, cambiaron o mundo da literatura infantil e xuvenil e da ilustración en Galicia. Ata que Kalandraka asentou a súa proposta de facer álbums ilustrados fora do circuíto educativo, onde estaban os “libros recomendados”, cando principiou a facer libros para o seu consumo como lecer, a ilustración en Galicia estaba nun estado imberbe. Agás contadas excepcións só existían coleccións moi pechadas, coa imaxe supeditada ao texto e unha alarmante precariedade de técnicas e estilos.
– Xosé Tomás: Algo semellante aconteceu coa narrativa infantil algúns anos antes. Teño falado con autores como Paco Martín, Agustín Fernández Paz ou Xabier P. DoCampo, mestres de profesión todos eles, que dicían que no seu momento non atopaban materiais dignos en galego para os cativos. Eles cubriron a súa vocación de escritores por necesidade de mercado. Velaí a relación, por mor dese baleiro, entre escritores e escola e escola e escritores. Iso que sucedeu coa narrativa extrapolouse á ilustración. Por sorte nestes intres o noso traballo xa traspasou ese mundo da escola, tanto a nivel narrativo como a nivel ilustrador.
– Ana Santiso: Penso que todo isto axuda a normalizar a ilustración como profesión, iso é bo para nós. (…)”
Manuscritos: María López Sández
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Manuscritos: Santiago Jaureguizar
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Convocado o XVIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
Co fin de honrar a memoria de Vicente Risco e asemade axudar á consolidación da nosa cultura e á normalización lingüística do galego, os concellos de Allariz e Castro Caldelas e mais as Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco convocan o XVIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, dotado con 4.000 euros e que se ha rexer polas seguintes BASES:
Primeira.– Poderá concorrer ao premio calquera persoa, sen distinción de idade ou nacionalidade, que presente os seus textos en lingua galega, conforme ás Normas Ortográficas e morfolóxicas do Idioma Galego elaboradas polo ILG e a RAG e aprobadas polo Parlamento de Galicia. Os textos presentados, amais de seren inéditos, totalmente orixinais e sen poderen estar publicados nin traducidos en ningún dos formatos dixitais que ofrece internet, han tratar do estudo do ámbito galego sempre desde o punto de vista das ciencias sociais (antropoloxía, historia, sociolingüística, economía, socioloxía, etc.), tendo unha extensión mínima de cento cincuenta páxinas e unha extensión máxima de trescentas páxinas, tamaño folio e mecanografadas a dobre espazo. Valorarase especialmente que o estilo expositivo se adecúe aos usos habituais do xénero ensaístico.
Segunda.– De cada texto presentaranse cinco copias antes do día 28 de febreiro do 2013, remitíndoas á Fundación Sotelo Blanco, San Marcos, 77, 15820 Santiago de Compostela.
Terceira.– Cos orixinais, que irán precedidos polo título ou lema escollidos polo autor, axuntarase un sobre pechado no que figure por fóra o lema e que conteña o nome completo, DNI, enderezo e teléfono do autor, así como o título do libro; indicando no sobre XVIII PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS.
Cuarta.– O xurado estará composto por cinco membros que, relacionados co mundo da cultura, serán nomeados polas catro entidades convocantes. Un deles actuará de secretario. O premio outorgarase por maioría de votos.
Quinta.– A composición do xurado darase a coñecer na primeira quincena do mes de febreiro.
Sexta.– A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer na segunda quincena de abril e a entrega do premio realizarase no decurso dun acto que se celebrará en Castro Caldelas en data que se comunicará oportunamente.
Sétima.– O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable.
Oitava.– Os gañadores do premio nalgunha das súas edicións anteriores non poderán concorrer nesta convocatoria.
Novena.– Sotelo Blanco Edicións, segundo acordo coas entidades organizadoras, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición da mesma en todas as linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considerarase en concepto de adianto polos dereitos de autor.
O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 15 exemplares da obra publicada.
Décima.– Os orixinais non premiados poderanse retirar logo de pasados quince días da data do fallo. Os orixinais que non se retiraren destruiranse.
A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.
Santiago de Compostela, decembro do 2012
Francisco X. Fernández Naval: “Houbo persoas que sandaron as súas feridas coa miña novela”
Desde Xerais:
“O Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista de Anxo Quintela con Francisco X. Fernández Naval sobre a súa nova novela, A noite branca, que conta a historia dos galegos que participan na Segunda Guerra Mundial a través da División Azul. Para Francisco Fernández Naval, o personaxe da María Luísa, que aparece na fotografía da portada, foi o que o impulsou a escribir esta obra, onde ficción e non ficción se dan a man para crear un tecido literario intenso e longo. Así mesmo, na entrevista, o autor confesa que houbo persoas que leron a novela e que, grazas a ela, lograron sandar feridas persoais que mantiñan aínda abertas. A entrevista pode escoitarse ou descargarse aquí en mp3.”