O xoves 6 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase Sete Caveiras, de Elena Gallego, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan César Jiménez Callaba e Manuel Bragado.
Arquivos mensuais: Febreiro 2014
Compostela: presentación de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila
O xoves 6 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Anxos Sumai, Gonzalo Hermo e Arturo Ponte.
A Coruña: inauguración da exposición O bodegón oculto, comisariada por Xosé Carlos L. Bernárdez
Compostela: presentación de O Rei da Floresta, de Adela Figueroa
Cuestionario Proust: Ramón Caride
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ramón Caride:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– En canto ao meu traballo de escritor, a insistencia. Case nunca abandono unha idea interesante, aínda que ás veces tarde anos en levala ao papel.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Hai xente que fala moito e non di nada. Saber escoitar é moi importante.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sigan sendo os meus amigos, pero non é de balde. A amizade hai que coidala.
4.– A súa principal eiva?
– Non son quen de falar dos meus defectos en público.
5.– A súa ocupación favorita?
– Depende da estación do ano, ou da hora. Estes días, a de escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Saúde, traballo e sorte, nesa orde, para a miña familia.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Supoño que a máis inesperada.
8.– Que lle gustaría ser?
– Cando era pequeno, astronauta. Pero levo moitos anos sen pensalo. Son o que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Todos teñen o seu… bo e malo. Mellor viaxar o máis que se poida.
10.– A súa cor favorita?
– Depende de para que.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Calquera que teña aroma, e non sexa artificial.
12.– O paxaro que prefire?
– Calquera que me cante de boa mañá.
13.– A súa devoción na prosa?
– Teño libros, non devocións. As devocións, non son os santos favoritos?
14.– E na poesía?
– Véxase a anterior.
15.- Un libro?
– O que estou escribindo. Non poño o título porque dá mala sorte.
16.– Un heroe de ficción?
– Douche tres de cómic, para levar a contra: Hellboy, Daredevil, Batman.
17.– Unha heroína?
– A raíña de Saba.
18.– A súa música favorita?
– O rock dos anos setenta.
19.– Na pintura?
– Toda, do realismo para diante. Ou para tras. O realismo non.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera nai de familia, coa que está caíndo.
21.– O seu nome favorito?
– Sara e Uxía, son as miñas fillas
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A fachenda desmesurada, os que van para estatua e/ou académico/a.
23.– O que máis odia?
– Véxase a anterior, sempre no terreo artístico.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Nunca me parei a pensalo. Pero agora que o dis hai moitas. Non caberían.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún, estou vacinado (fixen a mili).
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da música, entre outros.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha. Pero se me apuras, sen dor, e rápido. Como a case todos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A que hora?
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Non son moralista, en xeral. Cando algo me cabrea, cabréame.
30.– Un lema na súa vida?
– Nunca te fies dos cuestionarios. Nin dos consellos, tampouco deste.”
Compostela: espectáculo poético-musical After, de María Lado e Lucía Aldao
O xoves 6 de febreiro, ás 22:30 horas, na Sala Ultramarinos (Rúa Casas Reais, 34) de Santiago de Compostela, María Lado e Lucía Aldao, protagonizan o espectáculo poético-musical After. O custo da entrada é de 4 euros.
Marcos Abalde: “Temos que escolher entre consumo de ansiolíticos ou a organizaçom da barricada”
Entrevista de Montse Dopico a Marcos Abalde en Magazine Cultural Galego:
““Este é um sistema criminal baseado na exploraçom do ser humano polo ser humano, na irresponsabilidade mais absoluta com a terra e as geraçons futuras e na administraçom da fame e o medo”. Asim explica o dramaturgo Marcos Abalde, e toda a sua obra é denúncia desse facto. Como ele mesmo o define, teatro-sabotagem. Rutura, colapso. Fenda no miolo do poder. E assim é A cegueira, (Xerais), o texto com o que ganhou o XX prémio Álvaro Cunqueiro. Falamos com ele desta e do resto das suas obras.
– Montse Dopico: A cegueira remite-nos, em primeiro lugar, ao extermínio do povo palestino, mas poderia ser qualquer outro povo massacrado pola barbárie administrada polo Estado. Qual é a cegueira à que aponta, em relaçom com isso, A cegueira?
– Marcos Abalde: É a cegueira da que fala Günter Anders. A cegueira desta Idade Escura, destes Tempos Sombrios que padecemos, onde o industrialismo e a tecnocracia chegárom a semelhante expansom que já nom nos permite ser conscientes das consequências dos nossos atos. A desproporçom é tam grande que apenas umha minoria pode intuir a monstruosidade que implica o trabalho e o consumo. Ao mesmo tempo, o regime tenta desacreditar todas as ferramentas colectivas de defesa para que a maquinária do mal poda funcionar a pleno rendimento. No século XIX pensava-se que a educaçom das classes populares ia resolver de maneira automática as injustiças. Depois da passagem do século XX hoje sabemos que há um novo tipo de analfabeto com um conhecimento técnico altamente especializado e que passa as tardes a jogar com a Wii. O horror nom se ignora, prefere-se ignorar. (…)”
Lugo: presentación de Nunha presa de terra, de Paco Castro
O xoves 6 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa do Saber (Campus Universitario de Lugo), preséntase a novela Nunha presa de terra, de Paco Castro, publicada en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Lucía Medina e Darío Xohán Cabana.
Tabela dos Libros de febreiro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros de febreiro. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!»