Gondomar: visita de Anxos Sumai ao Espazo Lectura

O martes 3 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, remata a tempada 2013-2014 do Sete Vidas cun libro de Anxos Sumai. Nesta ocasión a autora estará na biblioteca a partir das 21:00 horas para falar da súa novela A lúa da colleita cos lectores e lectoras da súa obra que queiran acudir.

Ramón Villares: “A cultura ten un inxusto sambenito de ser un lugar de subvencións”

Entrevista a Ramón Villares en La Voz de Galicia:
Ramón Villares Paz acaba de ser reelixido presidente do Consello da Cultura Galega. Será o seu derradeiro mandato ao fronte desta entidade, uns anos nos que as novas tecnoloxías e a acción exterior estarán moi presentes.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Enfróntase á terceira etapa de xeito distinto ás dúas primeiras?
– Ramón Villares (RV): Cada etapa é distinta. Agora hai outro contexto histórico. A primeira foi de reorganización interna; na segunda fixemos unha tentativa de sobrevivir en tempos de crise; e esta terceira vai estar presidida por unha maior presenza na rede e unha recuperación ou un impulso da acción exterior.
– LVG: ¿É o de agora outro contexto histórico pola crise?
– RV: Non soamente. Na cultura temos cambiado moito, pero non nos damos moita conta. Coas novas tecnoloxías e a rapidez da información, hai moitas máis posibilidades de que un poida estar presente, crear, facer un blog, un documental, e iso muda a nosa forma de entender a cultura. Tamén cambian os públicos, que xa non son estáticos nin cautivos que veñen a unha sala pechada a escoitar unha conferencia. (…)
– LVG: Se saímos da crise, ¿cultura e institucións sairán reforzadas?
– RV: É probable. A crise obriga a todos os sectores a medir mellor os seus obxectivos e priorizar. A cultura non é dos que peor utilizou os seus recursos. É unha oportunidade para depurarse e funcionar mellor. A cultura ten un sambenito de que é un lugar de subvencións, que é un floreiro. É profundamente inxusto, xa me dirás qué pasa coa agricultura, a pesca ou a automoción. Habería que substituír a PAC (política agraria común) pola PEC (política europea da cultura).”

Tui: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O luns 2 de xuño, ás 20:00 horas, na sala Félix Rodríguez da Biblioteca Municipal de Tui, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Helena Pousa.

Pontevedra: relatorio arredor de A voz quebrada. Da memoria histórica e do terror fascista, de Xosé María Álvarez Cáccamo

O martes 3 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa Oliva, 24), terá lugar un relatorio, organizado polo Ateneo de Pontevedra, arredor do libro A voz quebrada. Da memoria histórica e do terror fascista, de Xosé María Álvarez Cáccamo, publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos. No acto intervirá, xunto ao autor, Xosé Álvarez Castro.

Finalistas dos Premios Xerais 2014

Desde Xerais:
“Nas reunións celebradas na tarde do 30 de maio polos xurados dos Premios Xerais 2014 no castelo de Soutomaior declaráronse as finalistas de cada un dos tres premios literarios convocados pola editorial.
O xurado da XXXI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren trinta e nove obras, formado por Avelina Rodríguez Gil (Profesora), Susana Pedreira Buján (Xornalista), Montserrat Dopico (Xornalista), Marta Fernández Alberte (Profesora), Benxamín Rioboo Sanluís (Libreiro) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas: Sebastian Nell, Dende o conflito e A mirada de Ismael.
O xurado da VI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e catro obras, formado por Cristina Novoa Fernández (Asesora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), Dolores Sans Boga (Profesora), Mariña Castro Fontao (Alumna de 3º da ESO), Minia Monteagudo Vilavedra (Alumna de 4º da ESO), Sabela Salgueiro Couto (Alumna de 1º de Bacharelato) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas: O Gran Reino, Silencio e Genet.
Por último, o xurado da XXIX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren corenta e catro obras, formado por Eulalia Agrelo (profesora e Presidenta de ELOS-Galicai), Romina Bal Botana (licenciada e filoloxía galega e blogueira), Nuria Díaz Berride (Ilustradora), Miguel Vázquez Freire (profesor), María Isabel Vázquez Rosales (mestra) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas Animais con ánima, Último voo, Escarlatina e Amencerá canda o sol.
Os tres xurados determinarán as obras gañadoras na súa segunda reunión, a celebrar o sábado 7 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón.”

Entrevista a Ledicia Costas sobre Recinto gris no Clube de Lectura CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco

Entrevista do blogue do Club de Lectura do CPI ‘Alcalde Xosé Pichel’ de Coristanco a Ledicia Costas:
“(…) – Clube de Lectura do CPI Alcalde Xosé Pichel (CLAXP): De onde naceu a idea de traballar a temática que desenvolves en Recinto Gris?
– Ledicia Costas (LC): A idea naceu nunha época na que eu estaba a documentarme para a escrita dun libro de relatos arredor da Segunda Guerra Mundial. Afondei no tema dos totalitarismos e, máis en concreto, do ascenso do nacionalsocialismo en Alemaña e nas súas repercusións. Decateime entón de que nos plans de estudos non se abordaba practicamente este tema. Fun máis alá e percibín que existía un enorme baleiro académico no que se refire aos holocaustos. Entón díxenme: se nos centros de ensino non se estudan os xenocidios, temos un problema. E decidín abordar o tema nunha obra, para que puidese ser tratado nas aulas, aínda que sexa de xeito transversal.
– CLAXP: Entendemos que a protagonista Nube representa o perfil dunha nena autista. É así? Por que esta escolla?
– LC: O que padece Nube exactamente é Síndrome de Asperger. Escollín este trastorno porque na sociedade existen moitas persoas que conviven con este problema, tanto nenos e nenas coma persoas adultas. Quixen poñer de manifesto algunhas das dificultades coas que se atopan os Asperger na súa vida diaria (dificultade á hora de interaccionar socialmente, problemas de comunicación…), así como a súa excelencia intelectual. Quixen desmitificar a imaxe que se ten das persoas que padecen este tipo de trastornos incidindo nas problemáticas do día a día. (…)
– CLAXP: Como te sentiches unha vez rematada a escrita desta novela?
– LC: Sentín que escribira exactamente o que quería: unha distopía que integra elementos do realismo máxico, na que se achega ao lectorado un tema para min imprescindible, como é o holocausto e o funcionamento dos sistemas totalitaristas. E máis aínda, nestes momentos en que a ultradereita ascendeu en Europa de xeito tan preocupante. A única posibilidade de non cometer os mesmos erros no futuro, é coñecer os erros que se cometeron no pasado. Necesitamos rapazas e rapaces con capacidade crítica e con vontade de cambio.”