A Pastoriza (Arteixo): presentación de Crónicas de Arteixo, de Xabier Maceiras

O venres 16 de xuño, ás 21:30 horas, en Viandas Pastoriza (Travesía de Pastoriza, 147, Pastoriza-Arteixo), Xabier Maceiras presenta Crónicas de Arteixo, publicado por Embora. No acto haberá unha proxección fotográfica a cargo do seu autor. Colabora a Asociación O Grilo.

Intervencións de Mercedes Queixas, Cesáreo Sánchez e Pilar García Negro na Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E (Salón de Plenos, Lugo)

Aquí poden lerse as intervencións de Mercedes Queixas (acta de concesión da Letra E), Cesáreo Sánchez Iglesias e Pilar García Negro (resposta á laudatio de Carme Fernández Pérez-Sanjulián) na Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E, o pasado sábado 10 de xuño en Lugo, no Salón de Plenos do Concello.

MERCEDES QUEIXAS

CESÁREO SÁNCHEZ IGLESIAS

PILAR GARCÍA NEGRO

Crónica videográfica da II Gala do Libro Galego (VII)

A II Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 20 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Premio de Narrativa: Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo:

– Premio de Poesía: O cuarto das abellas, de Antía Otero:

Xabier Quiroga: “Se queremos estabilizar un sistema literario propio, non difamemos títulos”

Entrevista a Xabier Quiroga en El Correo Gallego:
“(…) – El Correo Gallego (ECG): ¿Está Xabier Quiroga nese momento de gracia no que todo o que fai cae bien?
– Xabier Quiroga (XQ): Pero o primeiro que teño que aclarar é que a consideración de éxito é algo tan relativo e baleiro que non quero que me afecte. Ante todo pretendo seguir facendo a miña vida e sendo eu mesmo. Por outra banda tampouco son nada consciente de quen me le, en parte porque, como dicía Manolo García con aquilo de “hago pájaros de barro y los echo a volar”, o que escribe e ten a sorte de publicar, por un lado está contento de que voen, pero por outro non sabe en maos de quen acabarán os seus paxaros. En canto ás modas, esas, téñoo clarísimo, son pasaxeiras, efémeras, e eu non quero ser así, máis ca nada porque levo boa parte da miña vida escribindo, incluso sen publicar, e procuro non seguir ningunha moda nin tendencia. Mesmo esta novela empeceina hai seis anos, e saíu primeiro en galego como Izan o da saca, no 2015, así que non me poden vir agora co da moda nazi e esas lerias. En fin, remato con iso que dis do momento de graza: só agardo que sexa o momento e non o tiro.
– ECG: Neste país, vender moito é un reclamo para certo tipo de críticas. ¿Cómo anda de cintura?
– XQ: En galego as edicións son moi cativeiras porque se merca pouco libro, así que as catro que leva Izan o da saca, aínda representando moito para a novela, non son nada en cantidade. E en castelán acaba de saír a súa tradución como La casa del nazi, así que non sei se se merca moito ou pouco. Pero diso que dis das críticas se vendes, non sei quen o fará. De ser así, pareceríame non só inxusto, tamén unha infamia. Se queremos estabilizar un sistema literario propio, noso, algo polo que sempre loitamos e nunca conseguimos de todo, non podemos difamar títulos que chegan a moito público porque algunha grande editorial se fixou nela ou porque se traduce a outras linguas. Sería dun pailanismo demoledor. Pretendamos que o feito cultural galego salte fronteiras. Axudémonos a medrar e non acurrunchar a nosa creatividade. Se a obra pode ser difundida noutros idiomas, celebrémolo, non o tomemos en plan negocio, senón como fortaleza da cultura dun país e dun pobo. Dito isto, son consciente de que cando fas público algo teu, xa deixa de ser teu e está na boca de todos, como o paxaro de antes. Así que asumirei as criticas, pero agardo que sexan porque non lles vai a historia que lles conto nin como llela conto, non porque se traduza e se venda noutra lingua nin porque fale do que non se sabe de min. Ademais, neste xeito de vida actual no que todo o mundo opina, moitas veces sen saber, e a desconsideración campa e prolifera con axilidade nas redes sociais, eu son o primeiro que digo o pouco que sei. Voucho dicir. Sei que son un escritor galego e en galego, que escribe historias da nosa terra e das nosas xentes e ao que sempre lle foi ben para a propia saúde mental manter certa clandestinidade, falo de vivir illado de moita movida literaria. (…)”

Alvarellos celebra os 40 entrando no mercado infantil

Desde Sermos Galiza (foto do Facebook de Helena Villar):
“Esta sexta feira 16 de xuño Alvarellos Editora cumpre 40 anos da súa presentación en Lugo. O seu actual director, Henrique Alvarellos, fillo do fundador -Enrique Alvarellos-, explica así este movemento: “Somos a vicedecana das empresas editoras galegas e afrontamos o futuro ollando aos primeiros lectores e lectoras. Damos un xiro na nosa liña editorial e comezamos con esta ilusionante Colección Verdemar. Seguiremos publicando libros para adultos, por suposto, pero a nosa pretensión é ir captando aos lectores máis novos. É un mundo fascinante para traballar desde unha factoría de contidos como é a nosa”.
Estes días chegan ás librarías os primeiros exemplares dos dous primeiros títulos desta nova colección, que xa foron presentados na pasada SELIC (Semana do Libro de Compostela): o álbum ilustrado Queres ler un libro comigo?, do americano Lawrence Schimel e debuxado polo artista paulista Thiago Lopes, destinado a crianzas a partir dos 3 anos; e Contos do Sol e da Lúa, de Helena Villar Janeiro, con ilustracións de Ana Costa, dirixido a maiores de 8 anos.
O nome da colección, explican desde a editora, provén do Príncipe Verdemar, un dos protagonistas da peza de teatro A cabeza do dragón, de Valle-Inclán, que vén de ser levada ao teatro por Quico Cadaval este mesmo ano. A editorial avanza que nos vindeiros meses irán aparecendo novos títulos desta colección, entre eles, un conto do propio Quique Alvarellos baseado na historia do bosque do Banquete de Conxo.”