Arquivos mensuais: Febreiro 2021
Vídeo da presentación de Distancias, de Tamara Andrés e Marcos Viso en Vigo
Unha recreación do discurso Alba de gloria de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Dispoñíbeis as Actas da XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral
Xa está dispoñíbel o número 28 da revista Escrita Contemporánea, que recolle as Actas da XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral. O humor na literatura de tradición oral, que tiveron lugar en outubro de 2020, na cidade de Lugo.
Pode descargarse desde aquí.
Vigo: conversa arredor de Un señor elegante, de Suso de Toro
O 3 de febreiro, a partir das 20:00 horas, dentro dos actos organizados polo Club Faro de Vigo, terá lugar a conversa arredor da novela Un señor elegante de Suso de Toro, publicada por Xerais.
No acto, retransmitido vía streaming en www.farodevigo.es, participarán Ramón Nicolás e Suso de Toro.
“Decálogo da novela”, por Berta Dávila
Desde Euseino?:
“Novo “Decálogo da novela” no que Berta Dávila escribe sobre a novela como cousa viva, como un centauro ou unha medusa. Sempre se trata, abofé, dun animal inventado, que respira, que se move e latexa. En todos os casos, a autora de Illa Decepción considera a novela como aquilo que xorde dunha derrota —segura— e como un lugar que cómpre atravesar. Algo que tamén pode aboiar na escuridade dun océano profundo, algo que pode ser misterioso e, coma unha lanterna máxica, fai dar voltas ás imaxes arredor de nós. Ou un fío de sucesos, unha rede de símbolos, tamén unha voz. E, detrás deles, de maneira explícita ou implícita, a novela é alguén.
En semanas vindeiras, novos decálogos escritos por novelistas. Sección coordinada e editada por Iván García Campos. En semanas vindeiras, novos decálogos escritos por novelistas. A novela pénsase desde a novela, a ficción tamén é reflexión.
♦
O nome da illa
1) Misterio. A novela é un absoluto misterio para quen a escribe. De non ser así, nunca escribiriamos novelas. Este decálogo é, daquela, unha contradición.
2) Cuarto pechado. No caso de que unha persoa que escribe novelas resultase ser a indicada para saber o que unha novela é ou debe ser, o lugar para dar con ese significado é a ficción. Formulado doutro xeito, se a novela non fose por definición un absoluto misterio, o que unha novela é para unha escritora debemos procuralo necesariamente dentro das novelas que esa persoa escribe e nunca fóra delas; porque fóra do marco estritamente literario, as cousas que a escritora di, as cousas que a escritora pensa sobre os libros que escribe e sobre o feito de escribilos, son sempre unha construción interesada ou unha defensa. Por iso a novela é un cuarto pechado. Por iso tamén este decálogo está condenado ao fracaso. (…)”
Crime, memoria e identidade (Consello da Cultura Galega, 2014)
O sector editorial aguanta posicións ante a pandemia: “hai oportunidades para saír reforzados desta crise”
Artigo de Iago Codesido en Galicia Confidencial:
“(…) Aínda cos palitativos impulsados polo Goberno, o 2020 quedará como un ano negro para boa parte do tecido produtivo galego, e, en particular, para aqueles sectores directamente golpeados polas restricións sanitarias: hostalaría, turismo, etc. Neste aspecto, o caso das editoriais eríxese como un exemplo atípico, porque o dano foi de segunda man. As principais editoras de Galicia recoñecen ter pasado -se ben con certos matices- un ano malo, e orixe hai que buscala, din, no peche imposto ás librarías.
O papel das librarías é, de feito, o único factor constante no caos que supuxo o 2020 para o sector. Co aninovo aínda no retrovisor, as conclusións das principais editoriais galegas resultan borrosas: sobe o interese polo libro á vez que baixa a facturación, a compra online gaña forza, pero tamén a adquisición de proximidade… neste barullo, as editoras só se poñen de acordo no fracaso da campaña de primavera, que coincidiu cos meses do confinamento.
“Foi un parón de 3 meses”, resume Henrique Alvarellos, cabeza da editorial homónima e presidente da Asociación Galega de Editoras. Alvarellos, como a maioría do sector, decidiu aprazar as publicacións previstas para a primavera ante a evidencia de que, co peche das librarías –e os colexios–, non ían ter saída. O mesmo fixeron en Galaxia e Xerais para “non condenar á irrelevancia” a eses títulos, en palabras de Fran Alonso, director da última.
A seca que asfixiu o sector nos meses de reclusión chegaría á súa fin co verán. O desconfinamento de xullo abriu de novo as portas das librarías, e o curso de novidades literarias volveu fluír; iso si, cun caudal máis ben baixo. As presentacións, principal motor para moitos destes títulos novidosos, quedaron reducidas a actos moi puntuais. “Coas limitacións non pode haber máis de 5 ou 10 persoas, co cal é un esforzo e un risco que non paga a pena”, valora Alonso.
Aínda coas librarías a medio gas, a repunta da segunda metade do ano serviu para salvar os mobles. Dende a AGE cuantifican a baixada da facturación nun “15 ou 20%” con respecto ao anterior. As cifras son malas pero dan pé a unha sensación de alivio. “Antes do verán pensabamos que ía ser moitísimo máis grave”, explica Alvarellos. As restricións da corentena perfílanse así como o grande golpe ao sector editorial, circunstancia coa que se amosa moi crítico Afonso Ribas, director de Laiovento. “Non había razón para pechar as librarías cando os quioscos, nos que tamén vendían libros, seguían abertos”, subliña.
Non todas as editoriais galegas viviron esta épica en dous actos perfilada pola cesura do desconfinamento. As casas cun grao de especialización maior transitaron os seus propios camiños, máis proveitosos. En Hugin e Munin, selo dedicado exclusivamente a traducir obras da alta literatura estranxeira, non ocultan que 2020 foi un ano incluso bo. “Tamén tivemos esa paraxe forzada no trimestre do confinamento, pero, ao final, rematamos cunhas vendas superiores ao 2019”, explica o seu fundador Alejandro Tobar.
Parello foi o caso de Através, única empresa de Galicia que edita cunha normativa reintegracionista. No prelo da AGAL vencellan os bos resultados do ano pasado ao recoñecemento recibido por Carvalho Calero –pai das teses lusistas– no Día das Letras Galegas. “Se comparamos con 2019, os meses que seguiron á pandemia foron moito mellor que outras veces”, explica Teresa Crisanta, codirectora.
Queda claro que non todo no ano editorial da pandemia foi malo. A crise, co seu caos inherente, trouxo tamén un abano de oportunidades, que emerxeron no desorde á espera de seren aproveitadas por alguén con visión empresarial. A maior parte destas potencialidades sitúanse no mercado online, proveitoso nivel de vendas pero como escenario para novas estratexias de promoción.
Neste último aspecto destacan as iniciativas impulsadas por Xerais ou a propia Através, que están a probar sorte con presentacións en streaming. O auténtico salto, porén, produciuse no eido da facturación, en moitos casos disparada nos meses do confinamento. Hugin e Munin, que viña de estrear web “o mesmo día que nos confinaron”, logrou elevar un 400% a súa facturación online, segundo datos do seu fundador.
O incremento, se ben quizais máis suavizado, foi unha constante no conxunto do sector, de acordo con Alvarellos. Con todo, explican, o salto cuantitativo experimentado nos meses de reclusión segue a ser insuficiente para compensar a caída da actividade presencial. “A venda online e electrónica de libro galego é case testemuñal, unha cousa moi residual”, explica Francisco Castro, director de Galaxia.
Aínda que o ano 2021 –polo menos ata a ansiada inmunidade de grupo– se prevé igualmente duro, sobre as editoras galegas cae unha raiola de esperanza que abre a porta a un futuro máis proveitoso. Á parte das posibilidades achegadas polo soporte online, o conxunto de editores consultados conveñen que a pandemia, cos seus tempos mortos, obrigou a enfrontar unha reflexión colectiva da que, sinalan, a lectura sae reforzada.
“Teño a impresión de que a cultura foi unha balsa estupenda para un momento así”, reflexiona Alejandro Tobar a respecto dos días máis duros do confinamento. No sector editorial ven este “retorno ao libro”, en palabras de Alvarellos, como un dos factores que permitiron recuperar parte das cifras perdidas nos meses do verán. “Penso que o sector editorial foi o menos danado dentro do sector cultural”, destaca ao fío Afonso Ribas.
O obxectivo dos editores galegos, pois, pasar por facer desta faísca unha fogueira para non ceder o terreo conquistado nos longos e vertixinosos meses da covid. Máxime ás portas dun 2021 que se presenta como unha travesía polo deserto capaz de poñer a proba os proxectos máis sólidos. Alvarellos, presidente da AGE, pono en claro cun chamamento a todo sector: “temos que ser capaz de consolidar todo o gañado na pandemia”.”
Crowdfunding para Ana e as súas irmás, de Álex Mene
Desde a plataforma Lánzanos:
“Que?
Ana e as súas irmás xermolou coma unha homenaxe á comedia dialogada de Woody Allen. O título fai referencia á longametraxe Hannah and her sisters. Mais as intencións non sempre están en relación directa cos obxectivos acadados e, no proceso de escritura, o argumento foi transformándose de tal xeito que perdeu o diálogo e case toda a comedia.
A protagonista desta historia, Ana, naceu con espiña bífida e serios danos no ril. O libro comeza no momento en que recibe a chamada para someterse ao segundo transplante. Mentres vai camiño do hospital, a ambulancia convértese nun faro que alumea a negrura da noite e as lembranzas da protagonista. Para enfrontarse a esa batalla, Ana conta cunha arma poderosa: o amor incondicional das súas irmás.
Quen?
Do Peirao é unha editora con vontade de cambio, de publicar obras pouco convencionais pero de indudable calidade, con novas e frescas ideas como é a de empregar unha campaña prevenda para promocionar cada título cando esta aínda se atopa en proceso de edición.
Hoxe presentámosvos a Álex Mene.
Os programas de Félix Rodríguez de la Fuente abríronme os ollos ao mundo que me rodeaba. Descubrín que existían moitos máis animais dos que eu podía imaxinar. E, así, decidín o que quería ser de maior: zoólogo. Pero non deses que andan só con cans e gatos, senón dos que cazan serpes xigantes en selvas amazónicas, estudan o hábitat do lobo estepario e seguen as pegadas do oso panda até a profundidade dos bosques de bambú.
Despois, licencieime en Ciencias da Información, doutoreime en Belas Artes e non parei de escribir até hoxe. No ano 2018 publiquei o álbum ilustrado A raíña das tortas na colección Verdemar da editorial Alvarellos. Con Indómita e a semente da inmortalidade gañei o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil Muíño do Vento, libro publicado pola editorial Bululú. En 2020 obtiven o 3º premio no Certame de narracións breves Manuel Murguía polo texto titulado A herdeira (Foto de familia). E, no ano 2021, publico Ana e as súas irmás na editorial Do Peirao.
«Ana e as súas irmás é un libro que fala da verdadeira natureza da amizade e do amor. Dese amor que damos e que se converterá no único rastro que deixamos: o legado que permanecerá tras o nosos pasos.
A protagonista vai debullando os episodios da súa vida nunha especie de conxura contra as barreiras que provoca a diferenza, desafiando calquera atranco e apostando pola ledicia.
O libro pasea polo drama que latexa en toda comedia e polo humor que agroma de toda traxedia. Ana ensínanos, a través da súa experiencia vital, en que consiste a valentía».
Por que?
E por aquí unha mostra do que atoparedes nas súas páxinas:
«Os meus pais coñecíanse de vista das festas e romarías da contorna. El traballaba dende os trece anos no matadoiro do Porriño. Tiña unha bicicleta vella que utilizaba sempre para desprazarse pola vila e, ao rematar a xornada laboral, pasaba devagar por diante da casa da miña nai. Ela, que a esa hora estaba cosendo e remendando diante do comercio, nos soportais, paraba enfeitizada ao que escoitaba o renxer da bicicleta, que seica emitía un ruído tal que máis parecía unha traca das festas ca outra cousa. Nese intre, Gloria pegaba un chimpo e saía a fume de carozo para velo pasar. Ficaba engaiolada co seu ollar cravado no del, perdida no reflexo do seus ollos. Aquel goce tan penetrante outorgaba á escena unha cadencia moi lenta mentres, pola contra, os latexos do seu corazón acelerábanse até deixala sen alento. Evaristo pedaleaba fachendoso diante da miña nai fitándoa tan intensamente que máis dunha vez estivo a piques de chocar coas columnas do soportal, comer dun bocado o capitel románico, perder os dentes e poñerlle unha accidentada fin a un idilio apenas comezado. Entrementres, a miña avoa Mercedes, e madrastra da miña nai, berráballe: “Gloria, pasa para dentro xa e ten un pouco de decencia, que non quero nin que mires para ese morto de fame”. Pero ela non era quen de deixar de facelo, de ollar para aquel cabaleiro andante que no canto de corcel tiña unha bicicleta enferruxada. Sucumbía, enfeitizada, perante a forza dos ollos negros daquel vampiro misterioso que, en troques de voar, levitaba enriba de dúas rodas que xemían por un amor mal engraxado. O mesmo ruído que tempo despois faría o primeiro aparello ortopédico co que puiden camiñar. Esas casualidades son os elos dunha cadea sonora que me acompañará ao longo da miña vida».
Ademais…
Sabemos que son tempos difíciles, tamén nós os sufrimos, e pode que non te atopes en disposición de apoiarnos co teu mecenazgo nestes momentos… pero agardamos que se esto te chegou ao alma, incluso se tal vez coñeces en persoa ao autor, trates de difundir esta campaña (facebook, twitter, blogger, boca-orella… ) para que academos a nosa meta e Álex Mene vexa publicada a sua obra.”